29 abril 2021

MICRORRELATO

 O alumnado de Lingua e literatura castelá meteuse a fondo coa creación de microrrelatos e déronlle tan ben que ao final crearon unha pequena exposición.

Se é que cando hai que inspirar o resto, faise :D :D, velaquí deixamos unha pequena mostra da exposición que estivo estes días nos nosos corredores.



Len os nosos pequenos...

 Os pequenos e pequenas de Malpica bolen de actividade na súa biblioteca escolar. Non paran! E este curso para festexar o día do libro traballaron arreo.

Á nosa biblio enviáronnos un dos seus carteliños e os irmáns e irmás máis vellos viñeron tirar unha fotografía con el para deixar constancia do seu orgullo :D

Esta é a ligazón ao vídeo que fixeron, que está aloxado no seu blog:

actividade biblioteca do cole do Milladoiro

E velaquí a nosa contribución á difusión do seu traballón. Parabéns, lectores e lectoras, sodes o futuro!!


 

22 abril 2021

XEOGRAFÍAS LECTORAS - A LITERATURA É UNIVERSAL

Entre as actividades da Semana do Día do libro e da lectura temos unha exposición con libros da nosa biblioteca que seleccionaron os rapaces e as rapazas.

 

Identificaron o país onde se desenvolve a historia e, baixo o planisfeiro xeométrico que argallamos, deixamos para o resto da comunidade unha pequena exposición.





Ránking de comezo de lecturas (top 10) - animación á lectura (6x6)

A actividade do 6x6 está tendo moito éxito e a rapazada anímase moito a continuar aquelas novelas e poemarios que caeron polas súas mans.

A verdade é que pensamos que a clave do éxito estivo na selección de textos que pensabamos que podían ser do seu gusto, sobre todo agora están bastante afeitos a novelas de misterio, de estilo series xuvenís ou que comezan de xeito moi impactante (desaparicións, retos, fracasos amorosos, problemas sociais cos que empatizan...).


Moitos comezos déixanos con gana de máis, polo que podemos dicir que a actividade resultou exitosa. Animamos a outros centros a levala a cabo, pois os medios necesarios para levala a cabo son mínimos e a verdade é que, facendo unha boa selección previa, ademais de dar para debate, conséguese meterlles o vezo no corpo.

Iremos deixando por aquí o ránking de comezos que espertaron máis interese en 6 minutos, o que nos servirá para recomendar lecturas no Itinerario Lector do próximo curso.

En canto a intentar determinar o tema ou bosquexar de "que creo que vai" a lectura... foi moi, moi, moi interesante!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

TOP 10 LECTURAS EN GALEGO EN 3º E 4º ESO

1. 48 horas

2. Tres, catorce, dezaseis

3. Todos somos

4. O saco de simón

5. Como se fai unha rapaza

6. As mans do medo

7. A caixiña dos rancores

8. Os rapaces non calcetan

9. A lavandeira de San Simón

10. Non cantan paxaros neste bosque

 TOP 10 LECTURAS EN CASTELÁN EN 3º E 4º ESO

1. La edad de la ira

2. Mariquita

3. Nadie nos oye

4. El amor es demasiado complicado

5. Ben

6. La edad de la ira

7. Lo que el río lleva

8. El don de Ariadna. La leyenda del Cíclope

9. Seiscientos euros

10. Stay Gold

 TOP 10 LECTURAS EN CASTELÁN EN 1º E 2º ESO

1. Un relato de violencia

2. Los malos en mates son invisibles

3. Cuando Hitler robó el conejo rosa

4. ¡Calla, Cándida, calla!

5. La chica que patina y el tonto que la quiere

6. El club

7. Los secuestradores de burros

8. La carta de Ivy Aberden al mundo

9. El diario azul de Carlota

10. La chica pájaro


 TOP 5 LECTURAS EN GALEGO EN PMAR

1. Un de nós mente

2. A punta de pistola

3. Fuxe sen mirar para atrás

4. A caixiña dos rancores

5. Tres catorce dezaseis

 TOP 5 LECTURAS EN CASTELÁN GRUPOS DE 1º E 2º

1. Los trapos sucios

2. Puedo soñar contigo

3. Ghostgirl

4. Llámame Paula

5. Feminismos y LGTBImparables

19 abril 2021

ANIMACIÓN Á LECTURA NAS AULAS - O 6X6

A actividade do 6X6 xa botou a rodar polas aulas e o resultado está sendo moi bo. Para comezar, houbo un traballo de selección de lecturas, entre as que incluímos moitas novidades.

SELECCIÓN PARA 3º E 4º EN GALEGO

SELECCIÓN PARA 1º E 2º EN CASTELÁN
 

Unha vez feita a selección, comezan as lecturas. Cadaquén recibe unha das lecturas, ten 6 minutos para ler o comezo e darlle as voltas que queira e 2 para cubrir a ficha e pasarlla a un compañeiro ou compañeira ao que pense que lle pode interesar.

 



Ao final da clase recóllense as lecturas e as fichas e, na próxima sesión, farase unha avaliación para que se decaten de que a lectura é case coma a comida: comer, en principio, tennos que gustar, e hai alimentos que nos gustan máis e outros menos. Pero sempre hai algúns que nos encantan.



 Do mesmo xeito, atopamos lecturas que nos gustan máis e outros que nos gustan menos e non a todas nin a todos nos satisfai o mesmo. A variedade, a diversidade, coma sempre, é marabillosa.


Ao final da semana, publicaremos o ránking das lecturas mellor valoradas no blog e publicitarémolas na biblioteca para que o alumnado que o desexe e quedase namorado da lectura, poida levar a obra en cuestión en préstamos para continuar léndoa.

Felices lecturas!

15 abril 2021

SEMANA DO LIBRO E DA LECTURA - 6X6

O xogo do 6x6 xa está en marcha para levar a cabo nas aulas a semana próxima. O xogo consiste no seguinte:

1. Levarase á aula 6 lecturas que saibamos que poden gustar.

2. Repártense aleatoriamente e cadaquén ten 6 minutos para ler o comezo.

3. Cubrirá unha folliña co título, as estrelas que lle dá para valorala e unha pequena frase que explique de que cre "que vai". 

4. Pasarallo a un compañeiro ou compañeira dándolle esa pequena explicación.

5. Ao final do exercicio, farase unha valoración, compararanse as ideas que lles xeraron, a puntuación que se deu, tentearase cales das obras quedan nas súas mans para levalas para a casa...

 

 

Se o xogo resulta, poderemos valorar cales son os comezos que "enganchan", a temática que máis lles tira, as claves do éxito dos comezos que che fan querer continuar unha lectura...

Esta actividade foi proposta porque pode ser levada a cabo en calquera grupo, sempre coa selección axeitada, pode facerse varias veces ao longo do curso, en calquera das linguas, en calquera das materias e mesmo se pode ir mudando o obxectivo (sempre a mesma temática, con divulgación científica, obras que traian eles da casa, suxestións duns grupos para outros...). Confiamos en que esta actividade lles resulte atractiva e que a animación á lectura non pare.

Feliz semana do libro e da lectura a todas e a todos!

SEMANA DO LIBRO E DA LECTURA - XEOGRAFÍAS LECTORAS

 A próxima semana é especial porque está chea de efemérides que teñen que ver co libro e coa lectura e a iso nos dedicaremos con actividades que parten da biblioteca e que serán executadas nas aulas.

Esta semana andamos preparando xa o que será, se todo vai ben, unha cousiña ben chula e que conecta directamente co lema do Plambe deste curso, Xeografías lectoras.

Deixámosvos aquí un adiando de como vai indo a cousa e ao final mostraremos o resultado para que sexades coñecedores do proceso e do resultado.


E así foi quedando o noso mapiña das Xeografías Lectoras. Ao final, decatámonos de que a literatura é universal e que, pouco a pouco, imos accedendo a lecturas que se desenvolven lonxe da terra que nós pisamos habitualmente. Felices lecturas!





A PROBA DE AUGA - MANGA NO CLUB DE LECTURA

 A rapazada do club de lectura estivo lendo A proba de auga, de Anémona de Río e gustoulles moito. A verdade é que se agradece moito ter unha variedade de lecturas en galego que poidan chegar a todos os gustos e que sexan de calidade.

Gustáronlles moito os debuxos, os deseños, a historia e a posibilidade de ter manga na biblioteca, pois é unha das opcións preferidas polos pequenos cando chegan á biblioteca escolar do instituto.

Dános moito gusto cando os vemos pasear por diante das librarías que teñen lecturas que antes non tiñan accesibles, sobre todo as seccións de igualade, de cómic/banda deseñada xa máis adulta e as novidades que non catalogamos por idades, senón por tipoloxía textual ou por temáticas. 

Poder decidir, coller, follear, continuar ou abandonar o sendeiro que lles abre é cousa súa, dar esa oportunidade é cousa nosa.

E veñan máis mangas ás nosas mans!



23 marzo 2021

21 DE MARZO: DÍA DA POESÍA

No labor de expurgo coidámonos de buscar ideas para reaproveitar ese material que, ás veces, serve para sermos creativos e darlles unha segunda vida aos libros. E niso andamos, xa estivemos empregando oquiños entre os descansos destas semanas finais de exames, que sempre son tan estresantes, para ver a poesía como un lugar ao que volver, ao que chegar para relaxármonos, soñar, abrir novas fiestras e deixarnos levar. O 21 de marzo, día da poesía, non deixamos de celebralo nas aulas ao longo de todo o ano, porque a literatura, en tempos de pandemia, volveuse aínda máis esencial ca nunca. Velaquí o resultado do traballiño que se foi facendo estes días e que permanecerá exposto uns días no corredor da biblioteca.

       

 
 

Preparamos unha pequena exposición co traballo que estamos recompilando e aquí volo deixaremos conforme vaia medrando, confiamos en que vos vai gustar e que a nosa rapazada, unha vez máis, mostrará que ten máis creatividade ca a que poidamos imaxinar!






 

 


DÍA DE ROSALÍA NA BIBLIO

 Este curso foi moito o que traballamos para festexar a Rosalía e o resultado puidemos expoñelo nos corredores da biblioteca. Por suposto, o traballo nas aulas por parte da rapazada xunto cos seus profesores e profesoras de linguas e literatura foi espectacular e pensamos que este curso puideron ver unha nova faceta de Rosalía. A máis intimista e reivindicativa, porque xa por idade poden acceder a segundas lecturas e interpretacións máis adultas e maduras.

Como resultado, os grupos de 1º e 2º ESO mostráronnos Malpica e outras imaxes inspiradas a partir de Rosalía feita haiku. Como se nota o que lle presta a creación literaria a esta rapazada, todos os seus haikus a partir de versos rosalianos foron moi admirados.



 

 

 

 

 

 

Os grupos de 3º estaban inmersos na obra de Rosalía porque é a parte da literatura que lles corresponde traballar por currículo, así que a súa produtividade foi marabillosa. A partir do estilo de Rosalía atrevéronse a glosar versos tradicionais. E así, como bos cantareiros e cantareiras que son, procuraron versiños populares que despois desenvolveron. O resultado foi tamén ben xeitoso e de certo que a Rosalía saíronlle claros competidores e competidoras.



 

 

 

 

 

 

Os grupos de 4º estaban a fondo coa poesía vangardista así que lle deron un aire novo aos versos da poeta imaxinando como poderían chegar a ser se Rosalía fose surrealista, dadaísta, impresionista ou calquera dos ismos que revolucionaron a poesía no seu momento. Foron ben creativos e quedoulles ben xeitoso. A exposición resultou un éxito!

E para que non quedase só na anécdota, preparamos un xoguiño para que todo o alumnado puidese visitar a exposición e tirar proveito dela. A partir dunha serie de preguntas e procurando a información polos traballos dos compañeiros e compañeiras, fixeron unha inmersión na obra rosaliana case sen se decatar. Estamos moi contentas de facer pequenas cousas que acheguen a figura de Rosalía ás novas xeracións, que descobren nela unha pioneira e unha defensora da nosa cultura.