xoves, 15 de abril de 2021

SEMANA DO LIBRO E DA LECTURA - 6X6

O xogo do 6x6 xa está en marcha para levar a cabo nas aulas a semana próxima. O xogo consiste no seguinte:

1. Levarase á aula 6 lecturas que saibamos que poden gustar.

2. Repártense aleatoriamente e cadaquén ten 6 minutos para ler o comezo.

3. Cubrirá unha folliña co título, as estrelas que lle dá para valorala e unha pequena frase que explique de que cre "que vai". 

4. Pasarallo a un compañeiro ou compañeira dándolle esa pequena explicación.

5. Ao final do exercicio, farase unha valoración, compararanse as ideas que lles xeraron, a puntuación que se deu, tentearase cales das obras quedan nas súas mans para levalas para a casa...

 

 

Se o xogo resulta, poderemos valorar cales son os comezos que "enganchan", a temática que máis lles tira, as claves do éxito dos comezos que che fan querer continuar unha lectura...

Esta actividade foi proposta porque pode ser levada a cabo en calquera grupo, sempre coa selección axeitada, pode facerse varias veces ao longo do curso, en calquera das linguas, en calquera das materias e mesmo se pode ir mudando o obxectivo (sempre a mesma temática, con divulgación científica, obras que traian eles da casa, suxestións duns grupos para outros...). Confiamos en que esta actividade lles resulte atractiva e que a animación á lectura non pare.

Feliz semana do libro e da lectura a todas e a todos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradecemos todos os comentarios, só un apuntamento, non os deixes de xeito anónimo e sé educado e construtivo!