martes, 29 de marzo de 2022

Que é o teatro (brevemente) - Club de lectura

 

As rapazas de 1º ESO que están no club de lectura tráennos esta pequena achega para a semana do teatro que argallamos case sen recursos. Mil grazas a Carla, Sara, Sarai, Claudia e Sabina polo seu bo humor, por prestarse a facer de directoras, técnicas de son, actrices, maquilladoras, guionistas, público e todo o que se precisa para que un espectáculo saia adiante. E tamén ás súas familias por achegarlles o xantar e animalas a seren tan voluntariosas e participativas. Hai canteira teatreira!

venres, 25 de marzo de 2022

SEMANA DO TEATRO NO IES URBANO LUGRÍS

Esta semana na nosa biblio celebraremos a semana do teatro, con actividades nas que vos animamos a participar encarecidamente.

Á parte de que que poderedes atopar unha mostra representativa do teatro, tanto pezas moi coñecidas do teatro universal, coma outras menos recoñecidas do panorama xuvenil.

 

 

 

 

 

 

 

 

Algunhas das actividades que promoveremos son:

1. * Cazatesouros na biblioteca. Haberá dous cuestionarios a partir dos lemas e das obras de teatro dispoñibles no expositor: un será para o primeiro ciclo da ESO (1º e 2º ESO) e outro para (3º e 4º). No caso de empate terase en conta o entregado en primeiro lugar (cómpre encher unha folla co nome e curso).

Realizarase na biblioteca durante o recreo nas seguintes datas:

Xoves, 31 de marzo (1º e 2º ESO)

Venres, 1 de abril (3º e 4º ESO)

2. * O teu lema favorito. Elixiremos un lema gañador dos expostos na biblioteca. Haberá unha caixa na biblioteca onde poderedes depositar o voso voto.

Data límite: venres, 1 de abril.

3. * Unha peciña teatral. Poderás participar no concurso cunha peciña cun máximo de duascentas palabras. Participarase cun sistema de plicas e con pseudónimo. O xurado elixirá a mellor obra por cada ciclo diploma e cun agasallo. (O premio poderase considerar deserto se os textos non alcanzasen a calidade suficiente).

Data límite de entrega: martes, 5 de abril. A peza gañadora anunciarase no blog da biblioteca o mércores, 6 de abril. 

 

Ademais, durante algunhas sesións nas clases realizaranse lecturas dramatizadas e achegarase ao alumnado nocións sobre o teatro.

Longa vida ao espectáculo! 


 

mércores, 9 de marzo de 2022

A biblio do Milladoiro recibe unha distinción

Parabéns ao cole do Milladoiro, o cole dos nosos nenos e nenas, por este premio que veñen de recibir. Alegrámonos moitísimo! 

 

EXPOSICIÓN 8 M

A exposición do 8M vai tomando forma e xa comezamos a ter os paneis cos traballiños que foron achegando rapaces e rapazas.

Nin que dicir ten que as mulleres importantes das nosas vidas son moitísimas mamás e avoas, ás que a rapazada admira non só polos coidados, o cariño e a paciencia que teñen á hora da crianza, senón tamén a valentía que mostran na vida, a decisión á hora de ir virando o día a día conforme vai vindo... 

 O Día da Muller Traballadora teñen claro a quen vai dirixido, que marabilla! 






 



luns, 7 de marzo de 2022

8M NA BIBLIO DO URBANO LUGRÍS

Este mes de marzo dedicaremos os nosos esforzos no centro a visibilizar o papel da muller en todos os ámbitos de estudo e, como non, a recoñecer o rol importantísimo na sociedade das mulleres das nosas vidas: mestras, redeiras, nais, avoas, labregas, gandeiras, tías, veciñas, condutoras do bus, monitoras, concelleiras, adestradoras, amigas, chacineiras, atadoras,  limpadoras, conserxes, médicas, enfermeiras, costureiras, cociñeiras... todas aquelas que están presentes acotío no día a día.

Pretendemos facer unha pequena exposición no corredor do IES non só coas mulleres relevantes para a consecución de dereitos humanos, importantes e silenciadas na historia, na música, na literatura... senón tamén as mulleres significativas para nós como rapaces e rapazas de Malpica.

Alén diso, na biblio animaremos a facer lecturas da sección de Igualdade e da exposición que estará nun lugar destacado, porque coñecer e ter mente crítica axudaranos a conseguir unha sociedade mellor e, sobre todo, máis igualitaria.

Para animar esta lectura, todos os usuarios recibirán un agasallo! Vémonos na biblio!

xoves, 3 de marzo de 2022

#SementandoPensamentos #23F (pensamentos nos pensamentos)

A rapazada de 1ESO tamén contribuíu ao festexo do Día de Rosalía cos seus pensamentos. Follas das flores cos versos rosalianos que máis lles transmitían, pechando o círculo do pensamento no pensamento. Veñan moitos máis!