martes, 28 de marzo de 2023

Encontro con Ana Cabaleiro

O luns 27 de marzo, día mundial do teatro, tivemos o encontro con Ana Cabaleiro na biblioteca Eduardo Blanco Amor de Malpica, quen nos falou da súa traxectoria como escritora pasando do relato curto cos título Sapos e sereas e "Unha semana á espera de Godot" ata o da novela con obras como As ramonas e Deixádenos remar.

As ramonas foi o primeiro libro que lemos no club de lectura de familias deste curso e grazas á Asociación de autoras e autores galegos puidemos contactar con Ana Cabaleiro, quen se mostrou xenerosa dende o comezo. Isto favoreceu un encontro multicentros na nosa contorna e na que participou moita xente, entre eles, o club de lectura Clarión de Carballo. 

Queremos expresar o noso agradecemento á autora por concedernos unha tarde tan marabillosa, á concellaría de Cultura de Malpica, á biblioteca municipal, á ANPA Orxeira, á librería Miguens, á librería Clarión, a Cerámica Creare, a Fran Rodríguez e Patricia de La Voz de Galicia de Carballo, ao noso club de lectura de familias, así como ao alumnado e familias do IES Urbano Lugrís e dun xeito en particular a Ana Antelo por axudarnos na loxística da decoración da biblioteca. 

De lembranza deste luns quedan as instantáneas, os libros firmados e a dedicatoria de Ana no noso libro de firmas. 









O mércores 29 de marzo publicouse a entrevista con Ana Cabaleiro e con fotos do encontro na Voz de Galicia entrevista que podedes escoitar na web de Voces de Bergantiños. 


Club de lectura

O luns 20 de marzo tivemos o noso club de lectura de nais na que tratamos da novela Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga, merecedora do premio nacional de narrativa 2021. Haberá outra sesión dedicada a este título ao non vir todas as nais. As valoracións non puideron ser máis positivas pois todos coñecemos historias parecidas. Tanto é así que trouxemos fotos de xente da nosa familia que emigrou ben a América ben ao Reino Unido, Suíza ou Alemaña. 



Á saída mandámoslle unha mensaxe a Xesús e isto foi o que nos respondeu: "Moitas grazas por pensar no meu libro para o voso club e polo tempo que lle dedicáchedes. Faime moita ilusión, e aínda máis saber que as vosas valoracións foron boas. Espero que vos resultase interesante, mesmo emocionante (iso xa sería para min obxectivo cumprido). Unha aperta forte para a boa xentiña do club de lectura de Malpica!". 

Por coincidencias, paseando un día por Compostela, vin un escaparate nunha libraría na que anunciaban un encontro con Xesús e velaquí tedes a proba do que vín: 




E ao final puiden acudir e, ademais de escoitalo con pracer, firmoume o meu libro. 



Sabiades que lle levou doce anos escribila? A espera pagou dende logo a pena. Para estruturala, seguiu o esquema do metro de Londres, onde a liña amarela, a circular, representaba a traxectoria vital do propio Xesús Fraga. 

Confiemos en que o vindeiro curso poidamos ter un encontro con Xesús Fraga na vila. 


 

Cadeiras de cores

Como puidestes ir comprobando estamos cambiando as cadeiras negras da biblioteca por outras de cores, máis lixeiras, funcionais, operativas e, claro, tamén máis fermosas. Isto pode facerse grazas á partida do PLAMBE para mobiliario, importe que dedicamos integramente este curso ás vinte e unha cadeiras que mercamos. Alégranos moito saber que son do voso agrado e que vos resulten tan cómodas! 




(ANTES)


(AGORA)



luns, 13 de marzo de 2023

Curso de formación MEIGA

 Onte luns, día 13 de marzo, tivemos o curso de formación "Manexo de MEIGA", impartido por Begoña López Soto, a coordinadora da biblioteca do IES Fernando Esquío de Neda. Queremos agradecerlle as súas explicacións tan valiosas así como os consellos tan útiles que nos deu. 




Exposición "Elvira López Mourín, unha enfermeira de altura"

Dentro das celebracións do 8M trouxemos a exposición itinerante “Elvira López Mourín, unha enfermeira de altura”, que veu directamente desde a Deputación de Lugo, onde o 8 de marzo se presentou tamén o libro. Queremos agradecerlle a Isidoro Rodríguez, o presidente do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, por atendernos sempre tan amablemente.

Elvira López Mourín, natural de Láncara, foi unha muller de orixe humilde, que chega a Madrid, onde en 1918 forma parte da primeira promoción de enfermeiras profesionais da Cruz Vermella xunto a outras catro compañeiras. O 1 de novembro de 1922 participa de forma voluntaria no primeiro vó en misión sanitaria da aviación española, realizada durante o conflito bélico do Rif. 





 

8M





















 

luns, 6 de marzo de 2023

Encontro con Ana Cabaleiro

 


Club de lectura

 O luns 6 de marzo tivemos o club que tanto nos levades pedindo desde que comezamos o curso, o de Stranger Things. Para iso tivemos que incorporar varios títulos novos á nosa biblioteca. Valorastes moi positivamente a escritura das bandas deseñadas así como a calidade dos debuxos. Despois, intercambiastes as vosas opinións na nosa estación de radio. Deica o vindeiro club! 












Encontro con Chiki Fabregat

O martes 28 de febreiro tivemos a inmensa sorte de contar con Chiki Fabregat, gañadora do premio SM Gran Angular 2021, coa novela El cofre de Nadie, grazas ao programa "Encuentros con autores" do Ministerio de Educación e Cultura. 

Ademais de contarnos que a levou a ser escritora, falou das súas lecturas. Respondeu moi amablemente a todas as preguntas que lle fixeron os alumnos de 1º e 3º de ESO. Foi día de celebración na nosa biblioteca! Podedes ler entrevista en La Voz de Galicia. Grazas, Chiki!