venres, 29 de outubro de 2021

BUSCANDO POEMAS

Hoxe as alumnas e alumnos de 4º B foron á biblioteca para conmemorar as dúas efemérides da semana, o día das bibliotecas e o día de Samaín. O obxectivo era buscar poemas en castelán en homenaxe á unha persoa falecida, recitalos e compilalos para despois poder traballar con eles na aula ao longo do curso.


MICRORRELATO DE TERROR SAMAÍN 2021: ALUMNADO GAÑADOR

 Xa temos gañadores e gañadoras de Microrrelato. Mil grazas ás persoas que participastes, sen vós nunca nada é posible, así que vos animamos a continuardes participando en todas as propostas. Deixámosvos os premiados, os relatos gañadores estarán incluídos no FANZINE do mes de novembro que publicaremos por aquí e os premios entregaranse mañá durante a hora do recreo na entrada do IES, en fronte da conserxería. Alí vos agardamos para facervos entrega do voso agasallo! Parabéns!

 Microrrelatos en castelán:

1º ciclo ESO:

Gañadora: Mireia Couto Baamonde (1º B)

Accésit: Alicia Facal Suárez (1º A)


2º ciclo ESO:

Gañador: Pablo Pose Sueiro (3º B)

Accésit: Marcos Señorís García (3º A)


Microrrelatos en galego:

                                                                  1º ciclo ESO:

                                               Gañadora: Sara Trigo Rodríguez (1º B)

                                                Accésit: Eva Blanco Ferreiro (2º A)


                                                                  2º ciclo ESO:

                                                                     (Deserto)

E aquí deixamos as fotiñas dos e das merecedoras de agasallos. Faltounos un compañeiro pero enseguida ha recibir o seu tamén! Entregaron os premios os orgullosos profes de Lengua española e de Lingua galega, tamén membros do xurado.




martes, 26 de outubro de 2021

BOOK FACE!!!

 Xa imos tendo algún bookface chulo para irvos mostrando. A ver se se anima máis persoal e conseguimos un traballiño máis amplo.

Grazas aos alumnos e alumnas que estades colaborando! 

Unha estrela no vento

La edad de la ira

No es un crimen enamorarse

Hilario e os tres medos

El diario azul de Carlota


venres, 22 de outubro de 2021

24 DE OUTUBRO - DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES


O 24 de outubro estamos de festa e na nosa biblioteca escolar queremos levar a cabo algunhas actividades que acheguen as persoas aos libros pero tamén os libros ás persoas e para que a biblioteca forme parte deses lugares comúns de encontro e de actividade.


O alumnado que xa andou mergullado nos poemas dedicados ás persoas que xa non están neste mundo acudirán á biblioteca para ampliar os seus horizontes e comprobar, efectivamente, que a poesía é unha magnífica canle para abrirse ao mundo e para poñerlles palabras aos sentires, ata para os máis dolorosos ou transcendentes.







Ao longo da semana, tamén animamos a todo o persoal do centro, tanto alumnado como profesorado e PAS a que pase rescatar un libro dos esquecidos e tamén a que se anime a tirar unha foto ao estilo "bookface".

QUE É UN BOOKFACE? QUE TEÑO QUE FACER?






Os "libros esquecidos" estarán sinalados con cadrados vermellos, para facilitarvos o traballo de procura por entre os nosos fondos. 








Sabemos que hai persoas moi creativas, así que vos agardamos por aquí. 

Durante os recreos, os grupos aos que lles toque o lecer na biblioteca poderán coller eses volumes esquecidos e tamén andarán por alí algún dos profes colaboradores da biblio para tirar unha fotografía "bookface" a quen o desexe.

Se preferides envialas por correo electrónico e facer as fotografías na casa, o enderezo de correo para o envío é manuelmaria.iesurbanolugris@gmail.com (tes toda a semana para o faceres!)

Con todo o que recompilemos, alimentaremos este blog entre todas e todos. Agardámosvos con ilusión!!!!

xoves, 21 de outubro de 2021

O día da biblioteca achégase...

 ...e a nosa invitación é que pasedes por ela e poidades gozar da luz que ten, do bo ambiente e dese fondo que cada día é máis rico, variado, accesible e para todos os gustos.

Algo andamos argallando para festexar ese día tan especial para todas as bibliotecas do mundo, pero mentres non chega a hora, pasade pola biblio!







martes, 12 de outubro de 2021

Reunión do Club de Lectura

O venres 16 os membros do Club de Lectura reunirémonos para recoller os nosos volumes e fixar a data da primeira reunión. Porque... por fin chegaron os Manga que nos faltaban para comezar a rodar!

Esperamos que pasedes todos e todas pola biblioteca para volver xuntarnos, explicar as dinámicas que trazaremos e comezar a ler e a organizar os pequenos obradoiros que xurdirán das obras propostas.

O traballo de selección quedou feito, agora a gozar da lectura!



xoves, 7 de outubro de 2021

FANZINE - RIP MALPICA

A portada nos seus inicios...

O fanzine xa se está materializando e estes días andamos a voltas con el. A verdade é que temos un alumnado que é unha canteira de ideas! Como a temática é o medo, xa hai por aí historias de medo, poemas de terror, entrevistas que botan para atrás... pero moito máis: playlist para vivir o Samaín e o Alén, moda zombie para vir ao insti, frases míticas de profes que paralizan a calquera... 

Non imos adiantar nada ata que teñamos todo o material dixitalizado, pero este ano se cadra acabamos retomando algunha revista trimestral porque moita cousa estamos xuntando!

Animamos a todo o alumnado a que participe, pode facelo enviando unha folla dixitalizada coa súa achega ou entregar o orixinal para que nós o dixitalicemos. O caso é sumar! Tamén animamos o profesorado que queira colaborar a que faga o mesmo, RIP Malpica somos todos.


BIBLIOTECAS DE AULA PARA A HORA DE LER

A hora de ler xa comezou no noso IES e as bibliotecas de aula están listas para a súa función. Son moi xeitosiñas estas novas caixas porque podemos limpalas, limpalas e limpalas. E tamén son fáciles de transportar para renovar as lecturas e en fin... que é moi bonito ver que de novo podemos andar coas lecturas de arriba para abaixo, comezando e deixando, comezando e continuando, que é o que nos gusta!

 
Confiamos en que esta selección, ademais das lecturas que poidades traer da casa, a prensa e calquera outras que vos propoñan na aula os profes de cada materia faga da hora de ler un momento de desconexión agradable, un punto de encontro de gustos literarios e axude a medrar, a mellorar a nosa capacidade de comprensión e expresión e, sobre todo, continúe a fomentar o gusto pola lectura.

Como se renovarán periodicamente, aceptamos suxestións, xa sabedes, comunicádelles os vosos gustos aos axudantes da biblio, aos profes colaboradores da biblio ou deixádelas na caixa de suxestións que haberá na sala da biblioteca.


martes, 5 de outubro de 2021

MES DE OUTUBRO - MES DO MEDO

Este mes de outubro sempre o comezamos forte pola biblioteca. Despois da formación de novos usuarios, de axudantes de biblioteca e de xuntar os e as interesados no Club de lectura sempre xorden dinámicas semellantes. O que lles gusta da biblioteca é a liberdade.












Valoran as seccións temáticas, que haxa banda deseñada, cómics e manga, a sección de Igualdade e LGBTIQ+ e poder acceder libremente aos textos.

E o medo. O paso dos contos de medo para non ter medo (os lobos bos, os monstros que non o son, o home do saco riquiño...) ás historias de misterio, novelas policiais, crimes sen resolver, literatura oral que che pon os pelos de punta...

Así que decidimos darlles pola corda e festexar o medo, o misterio, o ambiente escuro... ademais, é o mes do Samaín, importante na nosa cultura, así que aló imos.

Temos en proceso unha exposición na que están/estamos traballando, de novela de medo e misterio; unha convocatoria de microrrelato; un concurso de seres terroríficos que veñen da reciclaxe; unha decoración monstruosa; un fanzine a moitas mans e ata un cemiterio ortográfico.

Iremos informando por aquí, seguro que teremos axiña moito que vos mostrar! Viva o medo!







BASES PARA O PREMIO DE MICRORRELATO





venres, 1 de outubro de 2021

FORMACIÓN NOVOS USUARIOS E USUARIAS

 O día 8 os rapaces e as rapazas de 1º ESO virán á biblioteca para facer a súa formación. Estamos traballando nun pequeno xogo que nos deixe ver o que xa saben (que estamos seguras de que é moito) e intentaremos orientalos nos cambios que supón unha biblioteca de Primaria e unha de Secundaria. Moitos nenos e nenas xa están bastante emocionados coa nosa sección de igualdade, coas novidades e, sobre todo, coa sección de Manga, que este ano está arrasando e provocou que moitos e moitas se anotasen no Club de Lectura de Manga, que botará a rodar en breve.

Benvidos e benvidas, estamos desexando tervos pola sala coma peixes no estanque!

AXUDANTES DA BIBLIOTECA


O día 6 os novos e novas axudantes da biblioteca recibirán a súa formación para poder traballar na biblio desde a próxima semana.

Estamos moi contentas porque conseguimos un grupo ben xeitosiño e animoso que seguro que nos dará moitas alegrías á hora de contribuír na boa marcha da sala, das actividades que dinamizamos e nos labores máis propios de organización.

Benvidos e benvidas, xa sodes parte da familia da biblioteca! Confiamos no voso criterio e na vosa responsabilidade!