martes, 25 de outubro de 2022

Marilar Aleixandre, Premio Nacional de Narrativa 2022

Marilar Aleixandre foi galardoada hoxe co Premio Nacional de Narrativa 2022 pola súa obra As malas mulleres, editada por Galaxia. Sucede a Xesús Fraga, premio nacional o ano pasado pola súa novela Virtudes (e misterios)

Parabéns desde o noso equipo da biblioteca! Podedes levar prestados varios dos seus libros que temos! Será a mellor maneira de descubrila. 










Concurso Samaín 2022


Bases do

concurso “Escribimos versos tristes ou micorrelatos de terror”

Samaín 2022

Quen che dixo que non podías ser unha excelente Mary Shelley ou un Edgar Allan Poe? Gústache crear historias de terror ou medo? Es bo poeta e tes a virtude para crear elexías? Invitámoste a participar no concurso de microrrelato de terror da nosa biblioteca.

 

Haberá dous premios, un para o relato gañador ou os poemas tristes e fermosos das alumnas e alumnos de primeiro ciclo de ESO (1º e 2º) e outro para os de segundo ciclo de ESO (3º e 4º).

 

Deberedes entregar en dous sobres separados:

 

1) No tamaño folio irá o texto firmado cun seudónimo. Por fóra escribiredes: “Microrrelato/Elexía de Samaín 2022” e o voso seudónimo.

 

2) Nun sobre máis pequeno incluiredes os seguintes datos: por fóra figurará o seudónimo e dentro escribiredes o voso nome real completo e o curso ao que pertencedes (1º, 2º, 3º ou 4º de ESO).

 

Valoraranse a orixinalidade e a corrección idiomática dos textos. Aquel que sexa plaxio doutro publicado será excluído.

 

Poderedes entregalo escrito a man ou mecanografiado pero lembrade que só empregaredes como máximo 100 verbas.

 

O xurado estará formado polas profesoras e profesores que traballan no equipo da biblioteca.

 

Data límite de entrega: no recreo do venres, 4 de novembro de 2022.

 

Publicaremos o listado de gañadoras e gañadores o luns 7 de novembro no blog da biblioteca.





luns, 24 de outubro de 2022

Club de lectura: Harry Potter

O luns 24 de outubro, e coincindo co día das bibliotecas, tivemos o primeiro club de lectura do curso, o de Harry Potter, co alumnado de 1º de ESO, e grazas a el, démonos conta de que non temos a saga completa na nosa biblioteca (traxedia!). Non vos preocupedes porque faremos todo o posible para telo!

Principalmente centrámonos nos dous primeiros títulos da saga, Harry e a cámara segreda e Harry e a pedra filosofal. Durante unha hora deunos a oportunidade de intercambiar opinións sobre este clásico xuvenil, ler diferentes pasaxes, seguir o fío da exposición na nosa biblio e explicar elementos, responder a preguntas do grupo rival e compartir opinións.

Da lembranza deste día quédanos un novo xogo de mesa do que poderes gozar no tempo de lecer! Emprazámonos para o seguinte club!



Día das bibliotecas

 Para conmemorar o día das bibliotecas, tivemos este mes a exposición sobre Manuel María cedida pola Casa-Museo do autor. Xa levades moitos participando e facendo o cazatesouros da biblioteca e grazas a iso, puidestes coñecer un chisquiño máis de por que leva o seu nome a nosa biblio. Tamén moitos lestes poemas seus dos libros que temos na biblioteca, compuxestes versos e recitastes. En breve daremos a coñecer os gañadores e gañadoras do cazatesouros. 













luns, 17 de outubro de 2022

Encontro con Inma López Silva

O vindeiro 17 de novembro teremos na biblioteca o encontro con Inma López Silva ás 10.25 h. Ademais de profesora de Teoría Teatral na Escola Superior de Arte Dramática, é novelista e ensaísta. 

Acude ao noso centro a través do programa "Por qué leer a los clásicos" do Ministerio de Educación e Cultura e falará das diferentes Rosalías no teatro galego contemporáneo. Aquí tedes o cartaz, que veredes exposto á entrada do instituto e tamén da biblioteca. 
















domingo, 9 de outubro de 2022

Día das Escritoras

 



Este ano celebrarase o luns 17 de outubro e o lema elixido é "Antes, durante e despois da guerra". Desde a biblioteca Manuel María daremos visibilidade a aquelas escritoras galegas que por algún motivo tiveron que loitar para que a súa voz sexa escoitada.

O xoves 13, os alumnos de 4º de ESO terán a oportunidade de visitar a exposición da actriz galega María Casares na Coruña. A partir de aí leremos unha pasaxe da súa obra.
Había unha vez unha guerra. Despois da guerra, quedamos sen fogar. "Non importa", dixo a miña nai. "Temos un coche". Fomos vivir no coche. Desde entón, vivir era viaxar. Paula Carballeira, O principio (Kalandraka, 2012)Como vos anunciamos, puidemos ler fragmentos das memorias de María Casares Residente Privilexiada , aproveitando a visita a Casa-Museo Casares Quiroga da Coruña o xoves 13 de outubro. Paula Añón e Martín Cancela foron os encargados de darlle voz fronte ao seu retrato.




O propio día 17 recitamos en diferentes formatos, ben con audios ben con lecturas en diferentes partes do instituto, concedéndolle o protagonismo á escrita en galego. Grazas aos nosos recitadores e recitadoras! 



































Ismael Ramos, Premio Nacional de Poesía Joven 2022

Desde o equipo de biblioteca Manuel María queremos felicitar ao poeta Ismael Ramos polo Premio Nacional de Poesía Joven 2022 "Miguel Hernández", outorgado polo Ministerio de Cultura e Deporte, á súa obra Lixeiro. A primeira versión deuna a coñecer Galaxia e publicouse despois en castelán na editorial La Bella Varsovia.

Un recoñecemento máis á poesía escrita en galego, despois do recibido por Olga Novo no 2020 por Feliz Idade. Parabéns! 

(Xa dispoñible desde o venres, 4 de novembro, na sección de poesía galega)





De setembro a outubro


De setembro a outubro


Ao londo do mes de setembro foise formando o equipo de biblioteca, creando os novos carnés dos novos integrantes. Tamén se incorporaron ao equipo de voluntariado os novos alumnos e alumnas, que terán tarefiñas moi puntuais e enriquecedoras. Benvidos!





Están xa os horarios nas aulas coas sesións de “Hora de ler”. Ademais, tedes dispoñibles nas de 1º e 2º de ESO os volumes das maletas viaxeiras procedentes do servizo de asesoría de bibliotecas, Banda Deseñada e Portugués, incoporando así moitas novidades editoriais para que teñades máis variedade. 

O día 5 chegou ao noso instituto a exposición “Manuel María” da Casa-Museo Manuel María en Palas de Rei, e somos o primeiro centro educativo de Galicia en recibila neste 2022-23. Desexámoslle unha longa singradura este curso! Con ela conmemoraremos ao longo do mes de outubro o día das bibliotecas.

Queredes saber en que momento se decidiu o nome da nosa biblioteca? Sabiades que Manuel María acudiu á inauguración do IES e da biblioteca? Teremos concursos, recitais de poemas, club de lectura e moitas outras actividades.

Deica a vindeira entrada!