mércores, 26 de abril de 2023

Club de lectura


O luns 24 de abril tivemos o club de lectura coas alumnas de 1º de ESO e fixémolo co conto "La bruja Leopoldina" de Miguel Delibes, dado que esta semana virá a súa filla Elisa Delibes ata o noso instituto. Lémolo en voz alta, debuxamos e creamos textos inspirándonos nel, e serán os que están presentes durante o encontro acompañando a Elisa. 



domingo, 23 de abril de 2023

Fina Casalderrey

O venres 21 ás 20 h Fina Casalderrey presentou a súa última novela A muller xabaril en na librería Espiral Maior en Carballo. Tivo a amabilidade de firmarnos un exemplar para a nosa biblioteca e outros libros que tiñamos. 

Será unha lectura que fagamos o vindeiro curso no club de lectura de familias.

Parabéns por ser proposta para o premio Christian Andersen de narrativa xuvenil. Ti xa es a nosa gañadora! 

Grazas, Fina! 














Encontro con Marta Villar

O venres 21 tivemos a sorte de ter o encontro con Marta Villar na biblioteca municipal Eduardo Blanco Amor de Malpica, quen nos presentou a súa primeira novela Non temerás os coches amarelos. A noite anterior tivemos a sorte de participar con ela no club de lectura na librería Clarión de Carballo. 

Dina, a protagonista, debátese entre dous mundos, o rural e o urbano. Con doses de humor, e con moita dureza, fai unha profunda reflexión sobre a violencia de xénero nunha contorna ben coñecida por todos, con mencións a Carballo e Malpica. 

Pola mañá, Marta Villar achegouse ao noso instituto para ver a exposición da Fundación Miguel Delibes e aproveitou para dedicarnos un libro e firmar no libro de autoridades. 



Grazas, Marta, e longa vida para a túa carreira literaria! Grazas a Yeray, Marcos, María, Daniel, pais e nais por acudir ao encontro! E tamén a todos os asistentes. 








Exposición "Sen cancelas"

Desde o venres 21 ao xoves 4 de maio poderemos ver a exposición "Sen cancelas" do Consello da Cultura Galega, xestionada polo equipo da biblioteca. Animámosvos a que a vexades e participedes deixando a vosa opinión no buzón que puxemos á entrada do insituto. 

Lembrade que temos diferentes libros de temática LGTBI na nosa biblioteca que poderedes levar emprestados. 


















mércores, 19 de abril de 2023

Exposición "El camino, de Miguel Delibes"

Dentro do Mes do Libro, o martes aproveitamos a nosa "Hora de ler" para ver a exposición sobre El camino, de Miguel Delibes. Cada texto garda relación cos debuxos realizados polo autor para a edición norteamericana feita en 1960 da novela. A vindeira semana, Elisa Delibes, presidenta da Fundación Miguel Delibes, seguro que nos ha de contar a historia destes debuxos. 

Desde o equipo da biblioteca e do departamento de lingua castelá, animámosvos a que a vexades e leades os textos! 

Queremos agradecerlle en primeiro lugar á Fundación Miguel Delibes a súa amabilidade e eficacia por facer posible que a exposición chegase dende Valladolid ata Malpica, á biblioteca municipal González Garcés da Coruña por prestarnos os expositores e ao concello de Malpica por axudarnos co seu traslado. Tamén ao CPI As Revoltas e ao IES Eduardo Pondal de Ponteceso por implicarse nesta aventura. 













Club de lectura con María Rei no IES Maximiliano Romero

Queremos felicitar ao equipo da biblioteca do IES Maximino Romero de Baio polo club de lectura con María Rei Vilas ao que puidemos acudir onte como convidados. Parabéns polo voso excelente traballo en equipo, por serdes un exemplo para todas as bibliotecas escolares! 

E parabéns tamén a María Rei por compartir connosco todo o vivido con Flores de ferro onte en Baio nunha tarde máxica! Es merecedora de todos os premios recibidos, así que longa vida á túa escrita! Lémbrate que nos veremos en Malpica o martes 30 de maio... 






 

Encontro con Marta Villar

Dentro do Mes do Libro teremos o encontro coa autora malpicá Marta Villar quen nos falará da súa primeira novela, Non temerás os coches amarelos, o venres 21 de abril ás 18:00 h na biblioteca municipal. Contamos convosco! 

Queremos agradecerlle a Belén de Carballo por facilitarnos o seu contacto. 









Exposición "Tesouros da biblioteca"

Dentro do "Mes do Libro" decidimos facer unha exposición con aqueles libros situados nas estanterías superiores da nosa biblioteca, a sección dos tesouros antigos. Son a historia do ensino dunha época, cando aínda era o colexio de Beo-Seaia, a historia dos vosos avós, avoas, nais e pais. 



(Antesala do MEIGA-KOHA)


(Antes do Google eran as Enciclopedias)


(E seguimos estudando a Platero y yo, setenta anos depois...)

















Maleta CEIDA

Desde o 14 de marzo ao 14 de abril tivemos nas aulas de 1º ESO a última maleta viaxeira deste curso académico, a de temática marítima. Foi dende logo a mellor valorada do curso e enriqueceu a variedad dos libros de aula para a nosa "Hora de ler".