luns, 31 de maio de 2021

BOTICA OPTIMISTA

Os grupos de 3ºESO estiveron traballando os textos instrutivos e ocorréusenos facer, aproveitando que podiamos traballar coordinados, unha botica optimista.

Ultimamente esta pandemia estanos deixando a todos e a todas algo tocados porque non podemos relacionarnos con normalidade, temos que tirar moito de redes, perdemos a calma en moitas ocasións, perdemos moitas das cousas divertidas que tiñamos no instituto: xuntarnos con outros grupos, extraescolares que nos deixasen saír fóra algúns días, obradoiros mixtos... e iso vaise notando no ánimo. 

Así que temos que buscar actividades, estratexias e métodos que nos fagan vivir o ano escolar con alegría e bo ánimo  e disposición a pesar de todo, que é importante coidarnos entre todos.



 A botica do optimismo non substitúe os afectos, pero nela podemos "adquirir" certos remedios para cousas tales como: soñar voluntariamente co que queremos, espertar o bo ánimo cando estamos baixiños, quitar a dor que nos dan as medras, alegrarnos se levamos un desengano, quedar sempre ben cando facemos traballos ou exames, reter con menos esforzo, ter unha boa autoestima que nos faga sentirnos mellor con nós mesmos... 




 

Ao final, os prospectos destas menciñas ou remedios tan paveros saíron ben xeitosos e animaron bastante as clases durante as que traballamos nelas.

 

 

Esperamos que vos guste a exposición a todas e todos, irémola agrandando conforme os compañeiros e compañeiras vaian acabando os seus particulares remedios.


 


luns, 24 de maio de 2021

O CLUB DE LECTURA NON PARA!

O club de lectura, que segue a súa actividade dinamizadora por Telegram, tivo unha xuntanza para recoller a que será a última lectura deste curso. Algúns dos membros do Club xa abandonarán o IES e collerán camiño cara a ciclos ou cara bacharelato, así que nos despediremos deles e delas na última reunión e intentaremos ter preparado algún agasallo especial.

Normalmente, o club remata cunha pequena xuntanza con merenda, cunha pequena saída para coñecer algún aspecto da literatura que sexa próximo e que resulte creativo, mais este curso non pode ser. As saídas escolares reducíronse á mínima expresión, polo que teremos que buscar outro xeito de que esa sesión final sexa especial.

O libro que pechará as lecturas do club é unha novela gráfica ou banda deseñada na que se fala do problema do acoso escolar, dos malos tratos entre xente nova, da incomprensión e da intolerancia. 

Seguro que lles ha gustar moito a todos e a todas.

Parte do alumnado do club nunha das poucas ocasións
en que nos xuntamos por niveis 


venres, 21 de maio de 2021

SEMANA DAS LETRAS

A semana das Letras, dedicada a Xela Arias, festexouse no centro e acabou cun Kahoot no que a rapazada, por niveis e sempre gardando as medidas de seguridade, participou e levou cadanseu premio por demostrar que Xela e a súa palabra calaran fondo neles.

 

O alumnado de PMAR preparou e guiou a actividade con moito acerto e moito tino, estamos moi orgullosas deles, porque non só presentaron diante dos compañeiros, senón que tamén dirixiron a actividade, secuenciárona e resolveron as dúbidas dos compañeiros á hora de facer a actividade. Esta xente nova, cando ten a oportunidade, non deixa de sorprender.

As nosas chapas sonvos ben paveras!



Ademais do agasallo para os máis rápidos e máis coñecedores e coñecedoras da obra e da biografía de Xela, tamén puideron facerse todos co material que se creou no IES para a conmemoración. Unhas chapiñas ben xeitosas que lucirán nas súas chaquetas e nas súas mochilas, un marcapáxinas e un díptico informativo que lles valeu para afrontar a actividade de maneira máis atinada.



 

Deixamos por aquí unhas fotiños e iremos subindo máis proximamente.



mércores, 12 de maio de 2021

XELA ARIAS - APROVEITAMENTO DIDÁCTICO DA EXPOSICIÓN

 Xa se respira Xela Arias na semana das letras. Agora mesmo nos corredores do centro temos dúas exposicións sobre Xela Arias que consideramos que cumpren o obxectivo de achegar a figura e a obra da autora homenaxeada de maneira óptima.



Unha delas é a exposición que ofrece a propia RAG e a outra é a do Seminario Galán. A partir delas, creamos material para que o alumnado poida investigar mentres percorre a exposición, o que dará coñecementos para un posterior traballo na aula. Coma sempre, trátase de que as actividades propostas teñan un percorrido e non queden no anecdótico.



 

Deixámosvos por aquí unhas fotografías e iremos subindo as diferentes actividades que terán lugar nos próximos días.

Feliz semana das Letras para todas e todos!


luns, 10 de maio de 2021

NON CANTAN PAXAROS NESTE BOSQUE - CLUB DE LECTURA

O club de lectura está lendo as historias de medo que Carlos Negro vén de dar ao prelo. A verdade é que este autor nunca nos defrauda, ben sexa poesía ou ben sexa narrativa, vese que coñece moi ben o labor dun bo poeta e dun bo narrador, consegue chegar aos lectores e ás lectoras.

Desta volta, estamos pasando bastante medo e tensión, recomendámolo encarecidamente. O volume componse de diferentes relatos de medo/tensión ou fenómenos inexplicables, protagonizados case sempre por adolescentes, o que nos recorda a moitas lendas urbanas que contamos pola noite para que nos saia esa risa frouxa de medo e incredulidade.

Pensamos que os alumnos e alumnas de 3º, 4º e aqueles que xa teñan gusto pola lectura de medo poden gozalo moito. Como non, tamén o temos na biblioteca como novidade para que as persoas interesadas poidan levalo para a casa, alén dos membros do club de lectura.

Felices lecturas!

xoves, 6 de maio de 2021

MES DAS LETRAS - XELA ARIAS

 Este mes é moi especial na biblioteca porque é o mes das Letras. Este curso, xunto cos departamentos das linguas e co EDNL temos previstas unha serie de actividades para achegarnos á figura de Xela Arias.

En principio, xa podedes achegarvos á biblioteca para poder levar para a casa parte da obra de Xela Arias e tamén algún dos estudos e biografías que se están a presentar sobre a súa figura.

Os grupos de PMAR están a preparar un cineforo aproveitando os vídeos que a RAG puxo ao dispor da comunidade e que teñen unha gran calidade didáctica para todos os públicos e tamén traballaremos cos materiais que deseñou o Seminario Galán e que levaremos para as clases.

Esperamos que a obra de Xela Arias vos guste tanto coma a nós e que a gocedes agora e sempre.