mércores, 16 de decembro de 2020

O CLUB DE LECTURA NO NADAL

Este curso imos aproveitar que non se pode saír moito da casa e os rapaces e as rapazas do club de lectura van continuar as súas lecturas durante o tempo de lecer e das vacacións.

O que sei do silencio xunto con Nacho Camacho: dúas maneiras
ben diferentes de enfrontarse á vida...

Para que todos e todas levasen ao seu gusto, diversificamos as lecturas e, ademais, seguiremos en contacto vía telegram para recomendarnos lecturas, para intercambiar opinións e, se é posible, para continuar vivindo e gozando das experiencias lectoras desde múltiples perspectivas.

Un de nós mente xunto con Wolfram... a intriga
está servida nos dous casos!!!!!

Ademais, como agasallo polo ben que están cumprindo todas as normas e o ben que levan que os clubs este ano sexan tan virtuais, vailles cada lectura cun agasalliño: unha bolsa, un caderno, un marcapáxinas e unha chapa... Continuando na liña da sensibilización pola Igualdade que traballamos de xeito transversal desde o centro.

Teatro e banda desañada estilo xaponés, unha para esmendrellarse
imaxinando a escena e outra para gozar de imaxes e textos!!!

O luns faremos a repartición na biblioteca e a voar... Felices lecturas!!!!

martes, 15 de decembro de 2020

A CAIXIÑA DOS BOS DESEXOS

 Desde a biblioteca e xunto cos departamentos de linguas e titorías puxemos en marcha unha caixiña de bos desexos para entregar xunto cos boletíns o último día antes das vacacións (merecidas) de Nadal.

Este curso resultounos a todos un pouco raro e xa case nos afixemos ao distanciamento físico para preservarmos a nosa saúde.

O alumnado está cumprindo e dando leccións en cada recuncho de Galicia, polo que ben merecemos sentir que o estamos a facer ben, a pesar do que se bota a faltar ver as risas, as apertas, compartir a merenda e lermos coas cabezas pegadas.

Que emoción!!!
Actualmente todo é virtual, cada reunión, cada tarefa colaborativa, cada vez que nos queremos xuntar con amigos ou simplemente charlar e estamos seguras de que recibir unha nota física hanos de prestar a todos e todas.

Levamos unha semaniña coa caixa aberta e así seguirá ata o venres, así que podedes entregar na biblio as postais de bos desexos, que serán ben acollidas!

Algunhas sonche ben paveras!

NOVIDADES

 Este curso estamos tendo un lote de novidades para ofrecer aos nosos lectores, en galego, castelán, inglés, francés, en formato libro, banda deseñada, álbum, lectura electrónica...

Estamos bastante contentos e contentas coa renovación dos fondos que conseguimos facer, grazas ás suxestións tanto de profes, de libreiros e libreiras da zona coma do propio alumnado. Chegar aos seus gustos é o obxectivo, polo que pensamos que o cumprimos.

Proximamente faremos o folleto de suxestións lectoras para o Nadal, mentres, pasade pola biblio e botádelle un ollo aos andeis de NOVIDADES, terémolos cheíños, cheíños... aínda que estamos catalogando a toda máquina para que poidades levar para a casa nestas vacacións.