sábado, 14 de decembro de 2019

RECOMENDACIÓNS PARA AGASALLOS DO NADAL (2)

Velaquí deixamos as recomendacións como lecturas de Nadal para o noso alumnado máis experimentado ou de máis idade. Un libro sempre é un bo agasallo!


venres, 13 de decembro de 2019

RECOMENDACIÓNS PARA AGASALLOS DO NADAL (1)

O Nadal é un bo momento para a lectura, porque temos máis vagar, porque o frío fai que pasemos máis tempo na casa, tranquilas, descansando...
Porque cremos firmemente que ler é abrir xanelas a novos mundos desde o lugar en que nos atopemos, é soñar con liberdade, é imaxinar, empatizar, anoxarnos, gozar, rir e chorar ao noso ritmo e só noso.
Animamos as familias a que leades, a deades exemplo e aos rapaces e rapazas e tamén a que fagades incursións nas bibliotecas, librarías e en todos aqueles lugares que vos ofrezan unha lectura.
Non podemos deixar de recomendar libros para agasallar, porque tamén pode ser un bo agasallo, e, como non, temos algunhas lecturas preferidas para este Nadal.
Aquí van as nosas recomendacións para os rapaces e rapazas de 1º e 2º, nelas incluímos non só novela, senón tamén cómic e novela gráfica. Intentamos que houbese para gustos variados e sabemos que nas librarías sempre vos van facer boas recomendacións.
Feliz Nadal, pequenas e pequenos lectores!

XA ESTÁ AQUÍ O NADAL E CON EL CHEGAN OS BOS DESEXOS!

E unha das nosas alumnas, Ana, de 4ºA vai ser quen lle poña color aos bos desexos e ás actividades que ten programadas o Concello de Malpica.




Ana participou cun deseño ben churrusqueiro dunha árbore mariñeira, onde nin falta a balea, pois somos pobo baleeiro, nin as redes e as xoias do mar adornando unha árbore que ben puidera estar en calquera das casas malpicás.

Nos vos parece que lle quedou ben xeitosa? A nós encántanos e xa loce tamén nas paredes da biblioteca.




 

O alcalde de Malpica, Walter, xunto coas concelleiras de Educación e de Cultura, María e Olalla, achegáronse ata o noso centro para darlle os parabéns a Ana e entregarlle o premio, ademais de desvelar a primicia do cartel.

E xa que estaban polo noso centro, aproveitaron para charlar un pouco co alumnado do último ano, que tamén estaba alí para acompañar a Ana e para desexarnos a todos, profesorado e alumnado, unhas felices festas de Nadal.

Temos unha artista entre nós!

OBRADOIROS DE IGUALDADE

Nun dos obradoiros realizado coa Asociación Visibles traballáronse os roles de xénero, os estereotipos e como iso determina os nosos comportamentos.
No obradoiro de darlle a volta ao conto, que dirixiu Olalla, analizouse a literatura e as historias e todo o que recibimos a través dela. Como cambiaría o conto se...? Os nosos rapaces e rapazas traballaron arreo para cambiar o conto. Esperamos que o resultado sexa xeitosiño e que a súa historia sexa ben diferente!
Prometemos poñer o resultado final!

sábado, 30 de novembro de 2019

E AS GAÑADORAS FORON...

Logo de visualizadas todas as curtas, o alumnado votou e escolleu unha para cada modalidade. Os resultados foron os seguintes:
- A curta máis impactante:
1. No!
2. Bágoas de resío
3. Querido papá

- A curta que transmite mellor:
1. No!
2. Querido papá
3. Convidados de pedra

- A curta máis reivindicativa:
1. No!
2. Tú puedes cambiarlo / Querido papá

A curta No! foi a que que consideraron como a transmisora da mensaxe máis clara, impactante e reivindicativa e seguiuna moi de preto Querido papá, que talvez é a máis dura, pois é inequivocamente a máis dramática, por xuntar moitos dos datos rexistrados de violencia exercida cara as mulleres no mundo desde o momento en que nacen e encarnalo nunha única moza, que lles pon voz a todos eses abusos.

O reconto tirou uns resultados ben unánimes.
Aproveitamos para darlles os parabéns aos compañeiros e compañeiras do IES Maximino Romero de Lema, de Baio, autores da curta Bágoas de resío, polo seu traballo tan interesante, que remove conciencias e tan ben traído para o público ao que se dirixe e aos compañeiros e compañeiras da Serra de Outes, autores da curta Convidados de pedra, que foi outra das que mellor se valorou. Pouco a pouco, xente pequena, facendo cousas pequenas, acabarán por cambiar o mundo!

Agora quedamos á espera da resposta das familias. Animámosvos a empregar este material para dialogar cos vosos fillos e fillas.

Aquí vos deixamos unhas fotos de como trascorreu o noso cineforo e o posterior debate.



sábado, 23 de novembro de 2019

ACCIÓNS 25N NO IES URBANO LUGRÍS

Os días 25 e 26 de novembro no IES, dentro do Plan de Igualdade, traballamos con diferentes accións e obradoiros unha cuestión que preocupa moito na nosa sociedade, por resultar unha das maiores lacras das que non se ve libre niguén, nin os rapaces e as rapazas máis novos, que poden ser vítimas de violencia tanto psicolóxica coma física ou sexual e perpetuar eles mesmos roles que debemos tratar de cambiar entre todas e todos.
O noso obxectivo é sempre traballar a empatía, o respecto pola diversidade, as actitudes positivas e libres de prexuízos e por esta razón, ao longo do curso, á parte de nas aulas, iremos tamén levando a cabo pequenas accións que iremos publicando por aquí.
Animamos a toda a comunidade educativa a que poida seguir acompañando na educación dos seus fillos e fillas tendendo pontes con nós, polo que vos pedimos que volvades ver o material que ofrecemos, en familia, e que iso xere un pequeno debate que poidades enriquecer tamén coas vosas opinións e suxestións.
É un tema delicado, mais é fundamental que os nosos rapaces e rapazas medren en entornos seguros, saudables e que poidan relacionarse sen sentirse presos de ningún rol social que deban cumprir. Tamén é importante que sintan que as familias apoiades o seu desenvolvemento cara a vida adulta con naturalidade e comprensión.
Unha vez vistos os vídeos, que tedes na entrada seguinte do blog, pedímosvos que completedes o formulario (que é anónimo) e que nós nos servirá de avaliación da actividade. Moitas grazas de antemán!

ENQUISA SOBRE AS ACCIÓNS 25N NO IES URBANO LUGRÍS


xoves, 21 de novembro de 2019

CINEFORO 25N


O 25 de novembro, con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, na biblioteca faremos un cineforo. No que non só veremos curtas de interese, senón que votaremos as máis impactantes para o alumnado e comprobaremos a mensaxe que mellor chega aos nosos rapaces e rapazas. 
As curtas que analizaremos son:
Bágoas de resío, do IES de Baio (duración 6:46 min)


A xeito de documental, os rapaces e rapazas de Baio cóntannos como nunha noite de festa xorde o amor e nace unha parella de adolescentes, mais... ao final, as actitudes e os comportamentos non collen a deriva que deberan: mentiras, illamento social, manipulación e finalmente, o abuso físico. Unha historia que non pode deixar indiferente a ninguén.


El ascensor, de Rocerder Productos (duración 5:36)


A violencia dentro do ámbito familiar non responde a estereotipos, non hai unha familia estándar na que se dean este tipo de comportamentos. E moitas veces as aparencias enganan e, as persoas que coidamos máis a salvo son as que menos o están. A persoa maltratadora sempre é “un bo veciño, falaba con todos, ía ben vestido, sempre saudaba...”, non hai unha relación entre a imaxe que proxectamos fóra e a que reservamos para o inferno en que se pode converter a vida familiar nalgúns casos.


Chea de vida, do CPI de Dodro (duración 4:00)


Clip musical que os grupos de 4ºESO de Dodro realizaron para reivindicar o daniño da violencia de xénero. Canción que reivindica a necesidade de que as mulleres poidan sentirse seguras na sociedade, sen seren agredidas polo feito de seren mulleres.


Querido papá (dear dad) da axencia Schjaerven para a ONG Care Norway (duración 5:00)


Unha moza escríbelle unha carta con carácter futurista ao seu pai e pídelle que a protexa e que tome conciencia das actitudes que terá que sufrir ao longo da súa vida, tanto de nena coma xa de adulta. Os datos en que se basea esta curta son estarrecedores, pois 1 de cada 3 mulleres do mundo experimentará ao longo da súa vida algún tipo de violencia física ou sexual.


Homes con saia, IES Cañada Blanch de Londres (duración 2:25)




Os alumnos do IES Cañada Blanch de Londres comprométense contra os roles de xénero, o machismo e a violencia contra as mulleres. Utilizando a canción de Guadi Galego e apupados pola intervención do monologuista Carlos Blanco móstrannos un vídeo no que sae a súa sesión de fotos para a campaña que promoveron polas redes. Pola liberación masculina, por liberarse desa carga de teren que ser un estereotipo de machos, #homesconsaia


25 N, IES de Laxeiro (duración 5:38)


 Se te critica polo teu aspecto, se tenta illarte, se te controla, se te insulta, se te ameaza... non é amor! Unha muller frega a louza e con cada prato debe afrontar os insultos que acotío recibe, e fregar e refregar todas aquelas ideas e controis que a perseguen ata inutilizala e paralizala. Loitar todo o tempo, sen descanso, en soidade. Ata que atopa axuda, apoio social e consegue enfrontarse con seguridade. Sabe que non está soa.


#Notepierdas sin libertad no hay amor. Campaña de prevención da violencia do Instituto Andaluz de la Juventud (duración 0:30)


Unha moza vai reflexionando sobre o amor, o amor verdadeiro e apaixonado que ela creu atopar. E conforme vai avanzando a súa reflexión dáse de conta de que está xustificando actitudes e comportamentos que non están xustificados, que non a benefician, nos que non atopa ningunha felicidade... ter que cambiar a personalidade, estar baixo control... non é amor verdadeiro.


Convidados de pedra, do IES da Serra de Outes (duración 6:46)

 
Nunha entrega de premios literarios contra a violencia de xénero, unha moza chamada Paz gaña o concurso ao relatar un caso de maltrato. Mais o maltrato resulta ser a súa propia historia, a historia da súa familia, e os seus pais encóntranse na sala...


Despierta, de Cristina Barón (duración: 3:33)


Un pai mándalle unha mensaxe desesperada e sincera á súa filla, que se encontra nunha relación tóxica cun maltratador e intenta axudala a espertar, abrir os ollos ante o que non está ben e ofrécelle todo seu apoio. A familia adoita ser a primeira fronte da que se liberan os maltratadores, porque illando socialmente e familiarmente a persoa, esta é máis vulnerable e feble...


No!, de Adrián Vereda (duración 13:03)


Dicir que non a unha relación pola que apostaches é moi difícil e duro. Sentes que te equivocaches, que é culpa túa, que todo poderá mellorar, ser coma antes... Identificar as condutas que atentan contra a persoa é moi difícil cando confundes iso con amor. Isto é o que lle sucede a unha moza que non é capaz de dicir NON por si soa, mais que acabará por conseguilo co apoio da súa familia e dos seus amigos.


Tú puedes cambiarlo, campaña para previr a violencia de xénero en adolescentes (duración 3:00)


Como sería o mundo se se puidese ter un xuíz observando e corrixise as condutas tóxicas antes de que xurdisen? Como serían as relacións se alguén nos advertise de que podemos cambiar o que non nos gusta? Isto é o que lles sucede a estes rapaces e rapazas, atallan as condutas violentas, invasivas ou de control que non son apropiadas e atentan contra a liberdade e integridade.


Ao final da sesión, o alumnado terá que votar en tres categorías: a curta máis impactante para eles e elas, a que consideran que transmite mellor a súa mensaxe e a que consideran máis reivindicativa. En próximas entradas poñeremos o resultado e verémolos en acción no debate que se abrirá logo do visionado das curtas. Estade atent@s!

Temos as entradas repartidas!



martes, 12 de novembro de 2019

Benvidos e benvidas ao blog da biblioteca do IES Urbano Lugrís

A partir de agora esta será a nosa pequena xanela aberta ao mundo. Neste blog iremos colgando as nosas recomendacións, as novidades literarias, as actividades da biblioteca e, en fin, cantas cousas nos vaian pasando polo maxín.
Esperamos que vos guste e que nos fagades chegar as vosas suxestións para melloralo. Este blog é da biblio, pero a biblio é de todas e todos nós, así que benvidos sexades!