martes, 23 de marzo de 2021

21 DE MARZO: DÍA DA POESÍA

No labor de expurgo coidámonos de buscar ideas para reaproveitar ese material que, ás veces, serve para sermos creativos e darlles unha segunda vida aos libros. E niso andamos, xa estivemos empregando oquiños entre os descansos destas semanas finais de exames, que sempre son tan estresantes, para ver a poesía como un lugar ao que volver, ao que chegar para relaxármonos, soñar, abrir novas fiestras e deixarnos levar. O 21 de marzo, día da poesía, non deixamos de celebralo nas aulas ao longo de todo o ano, porque a literatura, en tempos de pandemia, volveuse aínda máis esencial ca nunca. Velaquí o resultado do traballiño que se foi facendo estes días e que permanecerá exposto uns días no corredor da biblioteca.

       

 
 

Preparamos unha pequena exposición co traballo que estamos recompilando e aquí volo deixaremos conforme vaia medrando, confiamos en que vos vai gustar e que a nosa rapazada, unha vez máis, mostrará que ten máis creatividade ca a que poidamos imaxinar!






 

 


DÍA DE ROSALÍA NA BIBLIO

 Este curso foi moito o que traballamos para festexar a Rosalía e o resultado puidemos expoñelo nos corredores da biblioteca. Por suposto, o traballo nas aulas por parte da rapazada xunto cos seus profesores e profesoras de linguas e literatura foi espectacular e pensamos que este curso puideron ver unha nova faceta de Rosalía. A máis intimista e reivindicativa, porque xa por idade poden acceder a segundas lecturas e interpretacións máis adultas e maduras.

Como resultado, os grupos de 1º e 2º ESO mostráronnos Malpica e outras imaxes inspiradas a partir de Rosalía feita haiku. Como se nota o que lle presta a creación literaria a esta rapazada, todos os seus haikus a partir de versos rosalianos foron moi admirados.



 

 

 

 

 

 

Os grupos de 3º estaban inmersos na obra de Rosalía porque é a parte da literatura que lles corresponde traballar por currículo, así que a súa produtividade foi marabillosa. A partir do estilo de Rosalía atrevéronse a glosar versos tradicionais. E así, como bos cantareiros e cantareiras que son, procuraron versiños populares que despois desenvolveron. O resultado foi tamén ben xeitoso e de certo que a Rosalía saíronlle claros competidores e competidoras.



 

 

 

 

 

 

Os grupos de 4º estaban a fondo coa poesía vangardista así que lle deron un aire novo aos versos da poeta imaxinando como poderían chegar a ser se Rosalía fose surrealista, dadaísta, impresionista ou calquera dos ismos que revolucionaron a poesía no seu momento. Foron ben creativos e quedoulles ben xeitoso. A exposición resultou un éxito!

E para que non quedase só na anécdota, preparamos un xoguiño para que todo o alumnado puidese visitar a exposición e tirar proveito dela. A partir dunha serie de preguntas e procurando a información polos traballos dos compañeiros e compañeiras, fixeron unha inmersión na obra rosaliana case sen se decatar. Estamos moi contentas de facer pequenas cousas que acheguen a figura de Rosalía ás novas xeracións, que descobren nela unha pioneira e unha defensora da nosa cultura.



NOVIDADES

Este curso o Plambe estanos prestando moitísimo. Non só estamos mellorando a biblioteca facéndoa moito máis atractiva, funcional e accesible, senón que tamén estamos mellorando os fondos coas suxestións do alumnado.

E así puidemos facernos con cómics, banda deseñada e novela gráfica que están facendo as delicias dos nosos lectores e lectoras. Sobre todo temos unha sección marabillosa de temática LGBTI+, de Igualdade e de literatura universal. En definitiva, estanos rendendo moitísimo e gustando moito.

Por outra banda, fixémonos cun lote de novidades en novela e poesía que xa están circulando de maneira eficaz, sobre todo estabamos desexando compartir de novo lecturas actualizadas e interesantes. Hai para todos os gustos: novela xuvenil, aventura, traduccións de novelas que están triunfando no mundo, temática específica que nos van pedindo (encántavos o terror e todo o que provoque medo e misterio, sabémolo ben).

 

 

Pois velaí as novidades xa accesibles e ben dispostas para viaxar ás vosas casas nas mochilas!






luns, 22 de marzo de 2021

8M EXPOSICIÓN IGUALDADE: SEN ELAS NON HAI MÚSICA


 Durante unhas semanas tivemos no IES unha exposición proporcionada polo Concello de Malpica, na que puidemos apreciar non só a grandísima contribución das mulleres na música, senón tamén coñecer algunhas das máis significativas para a música galega de todos os xéneros e estilos.

Esta exposición acompañouse dunha unidade didáctica de explotación que afondaba na perspectiva de xénero no eido musical galego.