21 setembro 2026

Tempo de Lectura na Biblioteca Manuel María

Neste curso poñemos en marcha a actividade Tempo de Lectura, un espazo semanal reservado para que cada grupo poida gozar da lectura individual na biblioteca ao longo de todo o ano.

Cremos na importancia de ter momentos de acougo, concentración e descubrimento entre as páxinas dun bo libro. Unha oportunidade para desconectar da rutina diaria, explorar novas historias e consolidar o hábito lector nun ambiente cómodo e acovedor.

Prepárate para atopar o teu vindeiro libro favorito! Pasade pola biblioteca e aproveitade ao máximo o voso Tempo de Lectura. 

16 setembro 2026

Retomamos os clubs!

 Os clubs de ciencias, lectura, radio e polos creativos xa están en marcha e xa temos horario para que non perdades ningunha sesión.

En outubro comezarán as sesións que estamos "cociñando" e, por suposto, queremos darlles unha benvida moi especial aos nenos e ás nenas que comezan en primeiro e que participarán nestas actividades voluntarias. Esperamos que poidan desfrutalas, compartir con rapaces e rapazas doutros grupos e aprender dun xeito divertido.

Tamén necesitaremos en breve axudantes para a biblio, pois axiña comezará a funcionar durante o tempo de lecer e axudantes para o equipo de dinamización lingüística. Sabemos que hai moitas boas ideas por aí adiante e non podemos perdelas!

Se aínda non vos anotastes en nada, quedan prazas no Club de Lectura e acollémosvos con gana!



11 setembro 2026

🕒 Horario da biblioteca para o curso 2026/2027

Xa podedes consultar o horario de apertura e atención da biblioteca para este novo ano académico.

Organizádevos para vir estudar, facer traballos en equipo, consultar fondos ou levar en préstamo as vosas lecturas favoritas. Lembrade que o noso equipo estará á vosa disposición para axudarvos en todo o que precisedes.

Consultade a táboa adxunta para coñecer as horas de apertura e os períodos de atención ao público. Esperámosvos!


09 setembro 2026

Benvidxs!

🔔 Benvidos e benvidas ao novo curso na biblioteca!

Comeza un novo ano académico e as portas da biblioteca do IES Urbano Lugrís volven abrirse de par en par para toda a comunidade educativa.

Este espazo é voso: un lugar tranquilo para ler, estudar, investigar ou simplemente descubrir novos títulos que desperten a vosa curiosidade. Ao longo dos vindeiros meses temos preparadas moitas lecturas, actividades e propostas para que aproveitedes ao máximo o voso tempo aquí.

Pasade a botar un ollo ás novidades, levade a vosa vindeira lectura ou deixádevos guiar polas nosas recomendacións.

Bo inicio de curso a todos e todas. Esperámosvos!