venres, 28 de febreiro de 2020

ÚLTIMA CHAMADA PARA O I CERTAME URBANO LUGRÍS

A ANPA ORXEIRA xunto co departamento de Orientación, convoca o I Certame IES Urbano Lugrís.
Aínda estades a tempo de participar no certame, achegando o voso debuxo ou cartel e un relato ou biografía. Tal e como se estableceu nas bases, hai dúas categorías e podedes participar en ámbalas dúas.
Esta fin de semana, aproveitade para rematar as vosas obras, que posteriormente serán exhibidas no centro para que todas e todos poidamos gozar delas.


xoves, 27 de febreiro de 2020

MÁIS NOVELAS NO LIBRO ELECTRÓNICO

Animámosvos a todos e a todas a que probedes tamén a lectura en formato electrónico. Por agora, estamos atendendo os gustos e peticións das persoas que máis uso lle están dando, pero estamos abertos a calquera suxestión que nos fagades.
Lembrade que o empréstito se fai por un mes e que teredes que coidar o dispositivo e cargalo adecuadamente, ese será o voso compromiso, ler moito e tratar ben o material!
Lembrade tamén que, á parte de en galego e castelán, podemos proporcionarvos lecturas en inglés, portugués, francés, romanés, italiano e as linguas en que faledes/leades ou queirades iniciar para mellorar.
Esperamos que a selección que imos facendo vos guste!


venres, 14 de febreiro de 2020

DECONSTRUÍNDO O AMOR ROMÁNTICO

Beatriz Guerra e Olalla, da Asociación Visibles, pasaron hoxe polo noso centro para traernos un interesante obradoiro: Deconstruíndo o amor romántico.
Un bo grupo de rapaces e rapazas enfrontáronse aos tópicos e prexuízos que nos rodean e cos que nos bombardean sobre o amor, sobre todo nos medios audiovisuais e nos produtos de ficción que consumimos cando somos máis cativos.


Unha vez identificados os mitos, é máis fácil velos como tal e ter máis ferramentas para construírnos, cunha autoestima e cunha estima polo noso corpo moito máis saudable.
Relacionármonos é máis fácil cando non levas ao lombo unha mochila cargada de prexuízos, condicionantes e estereotipos cos que a maioría da poboación non cadra ou cadra nunha porcentaxe moi pequena.
Grazas ás dúas polo traballo, seguro que os froitos xa comezaron a madurar!


mércores, 12 de febreiro de 2020

DECONSTRUÍNDO MITOS DO AMOR ROMÁNTICO

Nas aulas este xa é un tema que se aborda, pois a literatura dános moito xogo para falar dos tópicos, do amor, da concepción das relacións amorosas en diferentes etapas da historia da literatura... e tamén en Historia, en Valores éticos... onde se vai traballando e comprobando que o xeito de relacionármonos ao longo do decorrer do tempo ou do espazo muda moitísimo e vai dependendo dos nosos costumes, da nosa cultura, pois non se mocea igual en Malpica hoxe ca hai cen anos, nin na Costa da Morte se ten a mesma idea ca nas Antípodas.
Ademais, estamos moi condicionados pola cultura cinematográfica, sobre todo americana, ao  quen amor romántico lles deu moito xogo para un monte de series e películas...
e así, chegamos ao 14 de febreiro, día que para nós pouco ou nada significaba ata que tamén houbo un interese económico por vendernos o AMOR, que, ao final é algo que se debe coidar a diario e que non necesita dun día cheo de agasallos materiais. Va que non?
Xa que logo, dentro do noso plan de Igualdade, que teimamos estender ao longo do curso ata onde nos sexa posible, teremos un obradoiro interesantísimo que afondará máis polo miúdo este tema cos nosos rapaces e rapazas máis experimentados! Veremos se lles gusta darlle a volta ao conto (un pouco máis)!!!


EMPRÉSTITO DE LIBROS ELECTRÓNICOS

Febreiro tráenos novas novidades para a biblio, entre outras, a posta en marcha do empréstito de lectores dixitais para aquelas persoas que devorades lecturas. Xa veredes como tamén vos ha gustar enganchar unha novela con outra e con tan pouquiño peso. Unha mochila sempre cargada con moitas lecturas para os tempos mortos, encantaravos!
Ademais, van xa cargadiños coas novelas e cos autores que máis vos gustan, en galego, en castelán e en inglés. Por outra parte, as persoas que leades noutras linguas: alemán, francés, portugués, romanés... só tedes que dicírnolo e nós atoparémosvos lecturas que vos poidan gustar nesas linguas.
A nosa biblio non ten fronteiras, polo que vos animamos a pasar por aquí para facervos cun deles e comezar a experiencia á de XA!