Este curso foi moito o que traballamos para festexar a Rosalía e o resultado puidemos expoñelo nos corredores da biblioteca. Por suposto, o traballo nas aulas por parte da rapazada xunto cos seus profesores e profesoras de linguas e literatura foi espectacular e pensamos que este curso puideron ver unha nova faceta de Rosalía. A máis intimista e reivindicativa, porque xa por idade poden acceder a segundas lecturas e interpretacións máis adultas e maduras.
Como resultado, os grupos de 1º e 2º ESO mostráronnos Malpica e outras imaxes inspiradas a partir de Rosalía feita haiku. Como se nota o que lle presta a creación literaria a esta rapazada, todos os seus haikus a partir de versos rosalianos foron moi admirados.
Os grupos de 3º estaban inmersos na obra de Rosalía porque é a parte da literatura que lles corresponde traballar por currículo, así que a súa produtividade foi marabillosa. A partir do estilo de Rosalía atrevéronse a glosar versos tradicionais. E así, como bos cantareiros e cantareiras que son, procuraron versiños populares que despois desenvolveron. O resultado foi tamén ben xeitoso e de certo que a Rosalía saíronlle claros competidores e competidoras.
Os grupos de 4º estaban a fondo coa poesía vangardista así que lle deron un aire novo aos versos da poeta imaxinando como poderían chegar a ser se Rosalía fose surrealista, dadaísta, impresionista ou calquera dos ismos que revolucionaron a poesía no seu momento. Foron ben creativos e quedoulles ben xeitoso. A exposición resultou un éxito!
E para que non quedase só na anécdota, preparamos un xoguiño para que todo o alumnado puidese visitar a exposición e tirar proveito dela. A partir dunha serie de preguntas e procurando a información polos traballos dos compañeiros e compañeiras, fixeron unha inmersión na obra rosaliana case sen se decatar. Estamos moi contentas de facer pequenas cousas que acheguen a figura de Rosalía ás novas xeracións, que descobren nela unha pioneira e unha defensora da nosa cultura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Agradecemos todos os comentarios, só un apuntamento, non os deixes de xeito anónimo e sé educado e construtivo!