domingo, 19 de decembro de 2021

Charla sobre Emilia Pardo Bazán

 


O pasado venres día 17 de decembro o grupo de 4º B tivo a oportunidade de asistir á ponencia sobre dona Emilia Pardo Bazán impartida por Rubén Amado Barcia. Esta iniciativa parte da colaboración entre El Ideal Gallego e a Xunta de Galicia para conmemorar o segundo centenario da morte da autora coruñesa. A idea da conferencia foi dar ao alumnado as claves da súa época para entender a escritora e, en particular, a través das súas obras La Tribuna e Los pazos de Ulloa


Incorporamos á biblioteca como novidade o libro de relatos breves El encaje roto. Antología de cuentos de violencia contra las mujeres, editado por Cristina Patiño Eirín, que dá boa conta do compromiso de Emilia Pardo Bazán sobre o maltrato á muller. Esperamos que teña moitos préstamos para que vexades a modernidade de dona Emilia da que falou Rubén Amado na súa ponencia. 






xoves, 16 de decembro de 2021

RECOMENDACIÓNS PARA O TEMPO DE LECER

As vacacións de Nadal xa están aquí e imos ter moito tempo por diante para descansar, para facer deporte, para ver amigos, amigas e familiares, para xuntarnos (con prudencia) pero tamén para ler aquelas novelas, cómics, mangas, poesía, teatro... que sempre imos sacrificando.

Tamén para ver algunha película, serie ou documental divertido, entretido e... a poder ser, en versión orixinal subtitulada, para írmonos medindo nas nosas competencias lingüísticas en linguas estranxeiras.

Aquí vos deixamos as recomendacións que vos facemos desde a biblioteca, xa nos contaredes se os Reis, o Apalpador ou o Papá Noel se portaron e vos fan un bo agasallo. E á volta, xa falamos!!!



venres, 3 de decembro de 2021

FANZINE MES DA CIENCIA NA BIBLIO

Aquí vos deixamos o Fanzine deste mes que nos quedou mooooooi lucido e interesante. Non só investigaron sobre mulleres científicas galegas, senón que tamén houbo tempo para apoiar a votación das árbores senlleiras, soubemos máis cousas das pseudociencias, dos animais que nos contaxian enfermidades, dos bechos que nos chuchan o sangue e, como non, a irreverente crítica de xoguetes educativos.

Se é que un fanzine é máis ca texto e imaxe, é darlle unha voltiña ás cousas, é valerse do humor para a aprendizaxe e o gozo estético. Temos que dar grazas ás profes que traballaron nas súas sesións, que tiraron de recursos para ir elaborando os traballos e, sobre todo, á rapazada que se prestou animosa e que fixo uns traballos ben chulos.

Non sabemos cando volveremos co terceiro número, pero seguro que axiña se nos ocorrerá algo e, lembrade, a ciencia non se fai soa, hai que facela!!!! Gozade moito desta lectura, pois é vosa!

Para lelo, CLICA NA SEGUINTE LIGAZÓN: FANZINE IES MALPICA CIENCIA

mércores, 1 de decembro de 2021

A CAIXIÑA DOS BOS DESEXOS

Coma cada curso, na biblioteca abrimos a Caixiña dos bos desexos, para que cada alumno, profesor ou PAS poida depositar nela un bo desexo para un compañeiro ou compañeira ao que queira mostrarlle afecto.

Pese a que este curso está transcorrendo dentro dunha certa normalidade, continuamos con medidas restritivas que nos impiden relacionarnos como realmente quereriamos todos e todas. E iso algo pesa no ánimo, aínda que teñamos que ser optimistas e pensar que todo ten un final e que moito se avanzou.

O 2022 pode ser o ano en que por fin poidamos volver xuntarnos, mesturarnos e estar máis tranquilos e, se non o é, pode ser polo menos mellor, menos casos graves, menos persoas afectadas...

O funcionamento é moi sinxelo. Ata o día 17 poderanse depositar tarxetas (que poden ir en sobre ou abertas) ben identificadas para a persoa á que se lle quere facer chegar (isto é importante, que quede ben claro a quen se envía e en que curso está!). O día 21 o titor ou titora, xunto co boletín de notas, tamén lle fará entrega a cadaquén as tarxetas que lle escribesen.

Sería bonito que todos e todas recibísimos algún bo desexo, así que vos animamos a escribir máis de unha. O curso pasado houbo ata quen enviou chocolatinas en tarxetas para todos os compañeiros da clase!!!!

Benvido decembro e benvido o espírito positivo e construtivo! Que iso vos acompañe sempre!


XA PODES LER O ÚLTIMO DE ASTÉRIX NA BIBLIO!

O alumnado fan de Astérix xa pode achegarse pola biblio para ler ou para levar como empréstito o último número da serie, que incorporamos, por suxestión do departamento de francés, na lingua orixinal e tamén nas súas dúas traducións.

Que non se diga que os futuros e as futuras tradutores ou filólogos non podedes facer un experimento coas diferentes traducións! Animámosvos a achegarvos por aquí para botarlles un ollo.