xoves, 25 de novembro de 2021

25 N DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA EXERCIDA CARA AS MULLERES

Hoxe propuxemos que o centro contribuíse a visibilizar a repulsa cara a lacra que supón esta violencia que non cesa. A educación en valores como a empatía, o respecto, a liberdade e a non-violencia levámola a cabo todos e cada un dos días, non só explicitamente, senón tamén co noso exemplo.

Hoxe asistiremos ao centro vestidos de negro, mostrando, deste xeito, que nas nosas vidas non caben actitudes de minusvaloración da muller na sociedade e, moito menos, agresións de ningún tipo.

 

Ademais, a nosa sección de lecturas será visitada, explicada e mostrada con máis afán se cabe; desde as titorías traballaranse documentos audiovisuais que esperten dalgún xeito a capacidade crítica e a empatía e tamén desde orientación se promoverán faladoiros específicos.


Coma sempre, a mellor educación é a que mostremos adultos e adultas co noso comportamento diario. É un labor de todos e todas e debemos ser conscientes da importancia que ten.



O grupo de 2ESO traballou na biblio o cambio de relato, porque é importante cambiar os finais truncados que moitas vidas teñen por causa da violencia. Logo do traballo con textos xornalísticos que os achegaron a algunhas historias, fixeron as súas reflexións e mudaron a crueldade por empatía, a dor por acougo e a morte por vida. Canto talento e canta conciencia entre as novas xeracións.







TRABALLANDO AS LECTURAS DO CLUB

As rapaces e rapaces do Club de Manga xa leron os seus volumes e a partir deles naceu o noso primeiro Bookflix de recomendacións. Se todo vai ben, acabaremos facendo unha pequena canle en genial.ly imitando a popular Netflix peeeero, no canto de anime audiovisual, teremos anime en formato libro.

 


 

 

 

 

 

As nenas de 1ºESO fixeron moi bo traballo.







Tamén nos acompañou a lectora de narrativa de 1º e incorporamos unha nova lectora, que xa tiña gusto por Iria Misa ao ter lido Mamá, quero ser Ziggy Stardust. A cidade do átomo gustoulle e convenceu a compañeira. Confiamos en que a suxestión tan chula que deixamos atraia máis lectores e lectoras. Xa sabedes, podedes atopar os volumes todos na biblio!






 

Os máis grandes tamén se xuntaron para falar da memoria histórica, da época da guerra civil, das minas de wolframio, dos totalitarismos, das ditaduras e de todos os coñecementos que xa teñen por ter lido novelas que tratan o tema: In memoriam, de Pepe Carballude; A caixiña dos rancores, de Cajaraville; Agosto do 36, de Fernández Ferreiro, Wolfram, de Alberto Varela... e tamén polo que levan estudado nas aulas, visto nas series históricas e documentais e polo seu coñecemento da actualidade. Dá gusto ver que a rapazada se vai facendo adulta e quere saber para poder opinar, para poder ser crítica e formarse unha opinión.


venres, 19 de novembro de 2021

NOVAS INCORPORACIÓNS E UNHA RECOMENDACIÓN

Na nosa biblio non paran de adquirirse novidades e recomendacións lectoras que nos suxiren os usuarios. A pedimento dos alumnos de economía fixémonos con algunhas obras que xiran a redor do mundo globalizado, da economía sustentable e do uso dos recursos para lograr un mundo mellor para as persoas que o habitamos.

Esperamos que estas lecturas sexan de proveito e que vexamos estes rapaces e rapazas nun futuro tomando medidas desde postos de poder 💕.

Tamén nos suxeriran o título Xente normal, que tiñan ganas de ler a raíz do seu éxito como serie, así que nos pareceu unha marabillosa idea dar o salto da pantalla ao papel. Esta novela está traducida ao galego, polo que enseguida corremos encargala á libraría.

 

Desde os departamentos de ciencias tamén nos suxeriron Be water, my friend e A que altura está o ceo, que xa tiñamos en fondos pero fixémonos con outro volume para poder traballar con el nas bibliotecas de aula.

Por último, esta novela gráfica que chegou ás nosas mans e que nos pareceu un tesouro. É a nosa recomendación lectora para o alumnado de 4º estes días.

El club de los libros prohibidos é a historia persoal de Kim Hyun Sook , a obediente filla dos propietarios dun modesto restaurante de Corea do Sur, que sempre fora unha estudante apolítica e o orgullo da familia, a qien agradecía eternamente o esforzo para sufragarlos gastos da súa matrícula universitaria. 

Un día, seguindo o consello do titor, únese ao equipo de danza folclórica da facultade, onde coñece a un compañeiro que a invita a un club de lectura prohibido. Acepta polas gañas de coñecemento e a súa paixón pla lectura, ata que se dá de conta de que os libros seleccionados polo club (Moby Dick, A letra escarlata, Hamlet…) teñen un denominador común revelador: todos denuncian, dunha forma ou outra, o réxime opresivo do país e alentan a rebelarse contra el. 

Pensamos que esta lectura pode gustar moito, a nós fascinounos!

DARÍO XOHÁN CABANA

O escritor Darío Xohán Cabana acaba de falecer e desde a nosa biblioteca quixemos facerlle unha pequena homenaxe para mostrar o noso pesar. Os lectores e lectoras de lingua galega sentímonos un pouco máis orfos e a perda para a Literatura Infantil e Xuvenil é inestimable.

Comprometémonos a que non caia no esquecemento e a divulgar, sempre, a súa obra.



martes, 16 de novembro de 2021

MES DA CIENCIA EN GALEGO NA BIBLIOTECA


Na biblioteca do noso IES este mes e mais parte do que vén, dedicaremos boa parte da actividade a divulgar materiais que temos como fondos e que son ESPECTACULARES.

Promoveremos que o alumnado se achegue a coñecelo e se anime a investigar. 

Por outra banda, o noso fanzine científico xa está en marcha e confiamos en que nos quede un número ben xeitosiño. Agardamos a creatividade e o bo facer do noso alumnado.

Animamos tamén a participar no concurso que nos lanzan desde a Deputación da Coruña. Podedes intentalo desde as vosas contas persoais (familias) ou propias se tedes a idade para manexar as vosas propias redes sociais.

 

 

INFORMACIÓN SOBRE A CAMPAÑA #AsPalabrasDaCiencia 

Parécenos unha boa iniciativa e desde o centro tamén pensaremos en algo!

 Ademais, nalgúns grupos xa se están levando a cabo charlas de concienciación ambiental, que promovan que conservemos este paraíso no que vivimos e este medio natural tan marabilloso.






 

 

 

 

 


mércores, 10 de novembro de 2021

FANZINE DO MES DE OUTUBRO- MES DO MEDO


Aquí vos deixamos a ligazón ao FANZINE do mes de outubro, un número que non deixará a ninguén indiferente.

Música e películas para vivir o medo, historias para non durmir e moitas máis ideas que foron xurdindo.

Estamos preparando xa o próximo número, que agardamos que siga estando á altura.

Que o gocedes moito!

FANZINE IES MALPICA (OUTUBRO) - CLICA AQUÍ 

 

xoves, 4 de novembro de 2021

NOVEMBRO - MES DA CIENCIA NA BIBLIOTECA


Este mes de novembro, entre outras efemérides, celebraremos o mes da ciencia en galego no noso centro e, coma sempre, desde a biblioteca aglutinaremos actividade, propoñeremos pequenas accións e funcionaremos como eixo que vertebre os traballiños por proxectos ou colaborativos que os diferentes profesores e profesoras queiran levar a cabo.

 

Algunhas destas actividades serán:

1. Retos lectores que empreguen textos e recursos que teñan que ver coa educación científica do alumnado e da sociedade en xeral.

2. Subscrición a revistas científicas que dinamizaremos de acordo coa proposta do plan lector.

2. Exposición de materiais e fondos da biblioteca para máis fácil acceso e promoción deles (propoñemos visitas para realizar pequenas investigacións, xogos, kahoot, etc en colaboración co profesorado de ámbito científico).

3. O fanzine do mes de novembro estará dedicado á Ciencia e ás científicas máis próximas no tempo e no espazo.

4. En colaboración co EDNL sumarémonos a algunhas propostas suxeridas por parte do Equipo das Bibliotecas Escolares xunto coa Xunta de Galicia.

Agardamos un mes cheo de educación científica e confiamos en que vos preste!