mércores, 23 de febreiro de 2022

#SementandoPensamentos #23F (entregamos os pensamentos)

Os pensamentos chegaron ás mans dos seus destinatarios e destinatarias. Mentres se continúe lendo, reivindicando e festexando, o seu pensamento non esmorecerá.





 

#SementandoPensamentos #23F (materializamos os pensamentos)

Os rapaces e rapazas de 3ESO están traballando a fondo coa obra de Rosalía e os de cuarto fixérono o curso pasado.

Unha xeración sempre ten moito que aprenderlle á seguinte, pero tamén a máis nova á máis vella. Seguindo o lema deste ano, sementaron pensamentos, escollendo versos ou treitos da obra rosaliana para agasallarlles aos rapaces e rapazas de cuarto. 

Porque a liberdade de pensamento é algo que ninguén pode quitarnos.







luns, 21 de febreiro de 2022

23 de FEBREIRO, DÍA DE ROSALIA, #SEMENTANDOPENSAMENTOS

Este ano sumámonos ás propostas lanzadas desde a AELG, coa lectura do manifesto proposto pola escritora Beatriz Maceda.

Nas aulas tamén iremos realizando diferentes actividades e propostas de achegamento á obra rosaliana e, coma cada ano, trataremos de que a figura de Rosalía sexa coñecida nas múltiples perspectivas que ten.

Animamos a toda a comunidade educativa a festexar este día coma un día de festa, ben facendo na casa para xantar ou cear o Caldo de gloria, ben aproveitando a efeméride para facer algunha busca dun texto, dun poema, dunha canción versionada... que redunde nese afán por coñecer a obra da autora.

Ao final, Rosalía non deixa de ser a musa do pobo, polo que é o pobo quen debe achegarse libremente a ela.

Deixamos por aquí o manifesto e desexamos que sementedes moitos pensamentos...

PENSAR [TE] LIBRE

 Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino.

Rosalía de Castro.

Alimentamos a realidade do noso País a través da nosa lingua e das palabras que envolven a nosa diversidade social e cultural. Pensármonos na lingua de nosoutras é manter, transmitir e dignificar quen somos. E esta é a forza que atopamos en Rosalía de Castro: recoñecérmonos como pobo forte, unido na nosa lingua.

Non hai nada máis poderoso que as voces legadas polas nosas devanceiras, para arrodear os sentires, as emocións, a rebeldía, a liberdade dese pensamento sobre o que ninguén pode mandar.

Velaquí o maior acto revolucionario que nos agasallou Rosalía de Castro! Os seus versos transfórmanse nunha historia que rebela, provoca, emociona e que nos acolle para “eu tamén navegar”, para facermos parte dunha nosa Historia propia e libre.

Así vou eu/formando parte/Non me abandono e formo parte, do pobo que describe Rosalía de Castro, da xente que defende a cultura sen cancelas e enche as rúas de voces violetas para combater da man das compañeiras os mouchos que nos asexan e a aqueles que ladran contra as que camiñan.

Abracemos, entón, a desorde das ideas e a marcha dos pensamentos para seguir o navegar de Rosalía de Castro na voz das persoas humildes, para escoitar o silencio das oprimidas e censurar as inxustizas coa forza da nosa lingua. Non precisamos mans alleas que escriban a nosa historia así que, Dálle que dálle ó argadelo/noite e día/e pensa e pensa naquelo/porfía que te porfía, porque xa agroma forte a semente plantada. Vivamos a galope nunha rede de afectos e celebremos que nin a lingua nin o pensamento se exilian. Tezamos xuntas, fortes e libres os puntos que calcetaron as mestras da República, as cigarreiras, as misteiras, as costureiras e todas as que, coma ti, loitaron contra as inxustizas e polos dereitos.

Cosamos cos fíos da lingua na que entendemos, debatemos, amamos e enliñemos as nosas ideas e os nosos pensamentos.

Tal com’as nubes

Qu’impele o vento

Y agora asombran, y agora alegran

Os espaços inmensos d’o ceo,

Así as ideas

Loucas qu’eu teño

As imaxes de multiples formas

D’estranas feituras, de cores incertos,

Agora asombran,

O fondo sin fondo d’o meu pensamento.


 

mércores, 16 de febreiro de 2022

Obradoiro con Ledicia Costas

Onte estivo con nós Ledicia Costas e todo fluíu de marabilla. A verdade é que Ledicia é unha profesional non só da literatura infantil e xuvenil, xa que tamén conduce unhas sesións de animación á lectura e uns encontros cos lectores e coas lectoras que dan gusto.

Moitas grazas por vir, por falarnos do teu xeito de traballar, da túa produción literaria, do sistema, da exposición pública, das redes, da realidade virtual, dos videoxogos e tamén da violencia, dos personaxes que utilizas para representar esa violencia que debemos rexeitar, da creación de atmosferas que acompañen a mensaxe... e, sobre todo, por prestarte a dialogar tan naturalmente coa rapazada, responder as súas dúbidas, asinar novelas, facer fotografías...

Que bo retomar as vistitas de escritores e escritoras e que bo traer tanta Ledicia!




 

 

 



 


luns, 14 de febreiro de 2022

Visita de Ledicia Costas

 Mañá teremos no centro de visita a Ledicia Costas, unha escritora que admiramos profundamente, non só pola súa obra (e sobre todo por iso) senón polo labor de animación e fomento á lectura que sempre leva a cabo nas súas visitas, presentacións e obradoiros.

Este ano deixamos a un lado a súa produción para público infantil e xuvenil e entramos nunha das súas novelas para público máis adulto. Un thriller psicolóxico que non nos deixou indiferentes e que trata moitos temas que nos atinxen como sociedade e que lemos a diario na prensa.

Esperamos con bo ánimo e oxalá sexa moi frutífera esta visita e, como din por aquí, que lle gustemos :D



martes, 1 de febreiro de 2022

REUNIÓN CLUB LECTURA

Volvemos reunir algunhas das rapazas do club de manga e tamén parte do grupo do Club de narrativa de 4ºESO para traballar, charlar e valorar as lecturas que imos facendo.

Este curso fáltanos a conversa interxeracional, pero imos facendo outras cousiñas que tamén nos prestan.

Os de 4ESO están lendo Infamia, de Ledicia Costas, quen nos visitará proximamente, polo que estamos formando uns auténticos cicerones na obra da nosa autora LIX máis premiada e recoñecida, aínda que moitos e moitas xa a coñecen da súa etapa de Primaria.

No club de Manga seguimos coa serie de Yotsuba, Jojo's e My hero academia, aínda que xa hai moitas outras propostas aí agardando.