martes, 23 de abril de 2024

Día do Libro

Desde a semana pasada comezamos coas actividades en torno ao Día do Libro. Na biblioteca dispuxemos diferentes mesas, a modo de polos creativos, nos que tendo o motivo do libro, compuxerades: textos breves (poemas, haikus, lemas), unha nova ou relato inspirado nela e unha micropeza de teatro.

Ben de modo individual ou por grupos podedes participar no concurso. As alumnas ou alumnos gañadores saberanse o luns durante o recreo. Grazas pola vosa alta participación! 





domingo, 21 de abril de 2024

Exposición "Lembrando soños" de Maribel Castiñeira

O luns 22 de abril Maribel Castiñeira achegouse á nosa biblioteca e despois de montar a exposición "Lembrando soños" tivo un encontro co alumnado de 2º A. 

A súa pintura é intuitiva e case non obedece a unha planificación previa; en cambio, as mellores obras súas xurden despois de moitas horas de traballo e dedicación. 
Comezou a pintar durante a pandemia e nestes case catro anos xa leva cinco exposición, expoñendo na contorna (Caión, Carballo) e en Santiago de Compostela. Agora mesmo ten expostos cadros seus de xeito virtual en Zurich e Venecia. 

Grazas, Maribel, por voltar ao teu antigo colexio de Beo-Seaia e por explicarlles os teus cadros aos alumnos e alumnas do noso instituto! 











 

Roteiro literario

O mércores 17 de abril fómonos de excursión á Coruña co alumnado de 2º de ESO. Grazas á concellería de Cultura e Educación de Malpica e ao instituto, saíunos todo gratis. Na Fundación A Banca, visitamos a exposición "Picasso en viñetas" en sintonía coa liña temática das bibliotecas escolares deste curso, "Unha biblioteca en viñetas". 





Pola tarde fixemos un percorrido dende os Cantóns, pasando pola rúa Real ata chegar á cidade vella nas que nos acompañaron moitas figuras salientables do mundo literario: Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Curros Enríquez, Yolanda Castaño ou pensadoras como Juana de Vega ou a mesma María Pita. O percorrido rematou diante da Real Academia Galega e a Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán. 










Club de lectura Sobrevives? de Fina Casalderrey

O luns 15 de abril tivemos o club de lectura de 2º de ESO centrado na novela Sobrevives?, de Fina Casalderrey. 

Moni, Francisco Sánchez Loiro, un estudante de formación profesional de dezasete presnta mala, ten amigos pouco recomendables, ten obsesión pola caza e os cans podengos, trazos que fan sorprender aos compañeiros e ao profesorado.

O que máis valoramos foi a dualidade entre o mundo urbano que o rexeita e o rural no que se sinte tranquilo e feliz.

Deica o vindeiro club!



domingo, 14 de abril de 2024

Club de xadrez

O luns 8 de abril houbo outra sesión do club de xadrez coa profesora Edda Beltrán moi ben aproveitada polo alumnado. Grazas, Edda, pola túa aportación e ás mozas e mozos por asistir!





 

martes, 9 de abril de 2024

Club de lectura de nais

O luns 8 de abril tivemos unha sesión de club de lectura dobre con María Jesús e Sonia. Intercambiamos opinións sobre dúas obras literarias que tratan dos personaxes femininos destacados e que se recuperan da memoria para darlles visibilidade: As malas mulleres, de Marilar Aleixandre, a lectura do mes de marzo, e As alumnas, de Paula Carballeira. 

As malas mulleres, de Marilar Aleixandre, pareceunos unha novela complexa e densa, moi próxima ao ensaio. Nela, a autora recupera a memoria da cidade da Coruña na que se fala do cárcere que houbo na cidade. Recupera como personaxes literarios a Juana de Vega e Concepción Arenal. Só Sisca é un personaxe ficcional. 

Mellor acollida tivo As alumnas de Paula Carballeira, porque recupera unha memoria histórica non alonxada. As dúas alumnas reencóntranse no enterro da súa mestra, María Barbeito, docente á que lle abriron un expediente a alonxaron da súa profesión, por ser demasiado avanzada ao seu tempo. Moitas das pasaxes levounos a reflexionar sobre a liberdade da muller no ensino e no fogar. 

Esta lectura levounos a revisar as enciclopedias arquivadas nos fondos históricos da nosa biblioteca, do antigo colexio de Beo-Seaia, para ver o ensino cívico-moral que lle ofrecían ás alumnas durante a década dos 40 e 50 do século pasado. As bonecas eran necesarias para realizar prácticas de puericultura para o bo coidado dos fillos. 




Actividades mes de abril

 Encontro con: 

Fina Casalderrey, martes 23 de abril, ás 13 h con 4ºA en hora de Lingua castelá e literatura.
 
Clubs de lectura: 
a. 1º e 2º de ESO: Sobrevives?, de Fina Casalderrey. Luns, 17 de abril, de 15 a 16 h.   

b. Nais: 

As alumnas, de Paula Carballeira, luns 8 de abril ás 18 h.  

Una madre, de Diana Aradas, luns 29 de abril ás 18 h. Gañadora do XXVIII Premio Universidad de Sevilla.
Falaremos coa autora por videochamada.
 
Radio na biblio: 
Sesión formativa. Mércores, 3 de abril ás 16.15 h e mércores 24 de abril ás 16.15 h. 

Creación de dous pódcasts sobre Luísa Villalta “Teatro, música e verso”.

Pódcast “Falando de libros”.

Expresión da simpatía: entoación e recursos lingüísticos na radio.
 
Exposición:
Cadros de Maribel Castiñeira. Exalumna do colexio de Beo-Seaia.
Datas: do 15 ao 30 de abril.

"A emigración". Fundación A Banca. Unha semana en abril aínda por concretar. 

Club de xadrez (club de ciencias): 
Coa profesora Edda Beltrán.
Alumnado de 1º, 2º 3º e 4º
Luns, 8 de abril, ás 15 h. 
 
Roteiro literario:
Mércores, 17 de abril. Saída á Coruña co alumnado de 2º de ESO.
A cidade vella da Coruña (RAG, Emilia Pardo Bazán).
A linguaxe vangardista na exposición sobre Picasso (Fundación A Banca).
  
Hora de ler:
Día 3 - 3ª hora
Día 10 - 4ª hora
Día 17 - 5ª hora
Día 24 - 6ª hora
 
 
Días conmemorativos: 
2 de abril, día do libro infantil e xuvenil.  
23 de abril, día do libro.



 
 

luns, 18 de marzo de 2024

Club de lectura: Pegadas de tinta

Onte luns, 18 de marzo, tivemos o noso club de lectura centrado nesta ocasión na novela Pegadas na tinta, de Clara Vila-Amado. O xénero detectivesco segue sendo un dos nosos favoritos para a etapa ardua dos exames. Valorouse moi positivamente esta novela polo suspense e a intriga. 

Hermontis, situada cerca de Menfis, é unha cidade tranquila. O asasinato do gobernador veu a que Harsa e Takara comezasen unha investigación que lles levou a ter moita información desacougante sobre o seu lugar. 

Tivemos que adiar o club de lectura de nais para o vindeiro 8 de abril. 

Deica o seguinte club! 







Día da Prensa na biblioteca con César Rodríguez

O luns 18 tivemos a sorte de ter na nosa biblioteca a César Rodríguez, responsable da edición, distribución e creación de contidos dixitais de La Voz de Galicia dende o ano 2004, quen nos impartiu unha charla sobre as fake news ao alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO. 

Vivimos na época da urxencia, na que se crean bulos e novas rápidas sen moita reflexión, unha tendencia que xa comezou aló polo final do s. XIX canda o Desastre do 98. De aí que sexa necesaria sempre unha actitude reflexiva ante as novas que consumimos no noso día a día e máis agora dende a aparición da intelixencia artificial. 

Con el conmemoramos o día da prensa na biblioteca. 

Grazas, César por vir ata o noso instituto! E grazas tamén ao noso alumnado polo seu bo comportamento! 











Nova estación de radio

 A semana pasada quedou montado o estudio de radio co novo equipamento. Poquiño a pouco iremos creando un espazo máis confortable pero polo de agora o paso dado xa é importante: temos un espazo no que cabemos máis xente e cun equipamento bo. Todo isto foi posible grazas a ser seleccionados dentro do programa "Radio na biblio". 

Alí xa impartimos dúas clases de Lingua castelá de 3º de ESO dedicadas á mística e tamén os alumnos de 2º e 1º de ESO entrevistaron a Shara, a nosa querida auxiliar de conversa. 








Puzles literarios

    E as queridas alumnas de 3ºB, Sara, Carla, Saray e Sabina comezaron outro puzle literario de mil pezas, actividade que as mantén concentradas durante os recreos activos da biblioteca. Parabéns! 






 

luns, 4 de marzo de 2024

8M







Aquí temos algunhas das recomendacións literarias para esta data e todo o mes de marzo. Pasade polo mostrador cando queirades! 

Co gallo desta data conmemorativa, as alumnas de 3ºB elaboraron un guion radiofónico que falan da importancia da muller no mundo do fútbol. Cada vez máis na contorna de Malpica son as mozas que gozan deste deporte, xa non visto como discriminatorio senón representativo do avance da muller na escolla da práctica libre do deporte. 

Guion de radio

 

Sara Mato Loureiro, Saray Veiga Dourado, Sara Trigo Rodríguez e Carla Trigo Rodríguez 3ºB

 

FÚTBOL FEMININO

 

Sara.T: Ola a todos, son Sara Trigo e hoxe estamos aquí con Saray, Carla e Sara Mato. Mañá, 8 de marzo, celébrase o día da muller traballadora. Que significa para vos o 8M?

 

Saray: Pois para min o 8M é un día no que se reivindica a muller en todos os seus aspectos, e se recorda todo o que tivo que pasar ata hoxe para poder ser aceptada nesta sociedade, tanto polo traballo, como polo soldo, ou mesmamente polo deporte. Ainda así, actualmente ainda se segue loitando buscando a igualdade total entre homes e mulleres.

 

Carla: Desde o meu punto de vista, o 8M é a conmemoración da loita das mulleres para lograr a súa participación activa na sociedade e a igualdade co home. Ademais, é un día para destacar a importancia das mulleres en todos os entornos e protexer os seus dereitos. Asúmese que a muller debe ter un rol principal de esposa e nai, por enriba das súas aspiracións profesionais, personais e a falta de recoñecemento no ámbito deportivo, especialmente na práctica do fútbol.

 

Sara Mato: Eu penso que o 8M é un día celebrado anualmente que conmemora o avance da muller, defendendo os dereitos humanos, a xustiza e a igualdade. Tamén é un día para recordar ás máis de 120 mulleres asesinadas pola policía tras manifestarse pola desigualdade salarial na industria textil no s.XIX, e tamén seguir loitando polo progreso da igualdade de xénero tanto no salario, no deporte e nas oportunidades.

 

Sara Trigo: Ben dito! Estamos dacordo en que as mulleres avanzamos moito nos nosos dereitos pero aínda non somos totalmente aceptadas en todos os ámbitos da sociedade e moitas veces somos menosprezadas. Un deses aspectos é o deporte, e dentro deste, o fútbol. Que pensades do futbol feminino? Credes que se avanzou?

 

Carla: Sobre as mulleres no fútbol penso que se avanzou moito con respecto a hai algúns anos, pero que aínda queda un longo camiño para conseguir o mesmo recoñecemento. Creo que este 8M tamén é para celebrar o grande esforzo de todas aquelas mulleres que levaron o fútbol feminino ata onde está hoxe en día.

 

Sara Mato: Eu diría que se avanzou bastante estes últimos anos, xa que antigamente, que unha muller xógase fútbol era considerado demasiado agresivo para unha, chegando a chamalas ‘marimachos’ o outros insultos por realizar un deporte que existe dende moitos anos atrás. Con todo, actualmente, aínda queda moito que avanzar, xa que polo normal, dáselle máis importancia ás categorias masculinas que as femininas. Isto supón que os entrenamentos sexan distintos, o que xa supón unha falta de igualdade, e se se dedican profesionalmente, probablemente reciban un soldo menor que a dos homes.

 

Saray: Na miña opinión actualmente as mulleres conseguiron ser algo máis aceptadas no deporte, como ben dis ti, no fútbol, pero ainda non acadaron o mesmo ou parecido público ca os homes. O fútbol feminino entrou con forza, sobre todo estes últimos anos, aínda que se lles segue poñendo obstáculos impedíndolle o seu avance, aínda que pouco a pouco o van conseguindo.

 

Sara: Moitas grazas por compartir convosco a vosa opinión sobre un tema tan importante e grazas a vós por escoitarnos. Feliz día da muller!