sábado, 14 de decembro de 2019

RECOMENDACIÓNS PARA AGASALLOS DO NADAL (2)

Velaquí deixamos as recomendacións como lecturas de Nadal para o noso alumnado máis experimentado ou de máis idade. Un libro sempre é un bo agasallo!


venres, 13 de decembro de 2019

RECOMENDACIÓNS PARA AGASALLOS DO NADAL (1)

O Nadal é un bo momento para a lectura, porque temos máis vagar, porque o frío fai que pasemos máis tempo na casa, tranquilas, descansando...
Porque cremos firmemente que ler é abrir xanelas a novos mundos desde o lugar en que nos atopemos, é soñar con liberdade, é imaxinar, empatizar, anoxarnos, gozar, rir e chorar ao noso ritmo e só noso.
Animamos as familias a que leades, a deades exemplo e aos rapaces e rapazas e tamén a que fagades incursións nas bibliotecas, librarías e en todos aqueles lugares que vos ofrezan unha lectura.
Non podemos deixar de recomendar libros para agasallar, porque tamén pode ser un bo agasallo, e, como non, temos algunhas lecturas preferidas para este Nadal.
Aquí van as nosas recomendacións para os rapaces e rapazas de 1º e 2º, nelas incluímos non só novela, senón tamén cómic e novela gráfica. Intentamos que houbese para gustos variados e sabemos que nas librarías sempre vos van facer boas recomendacións.
Feliz Nadal, pequenas e pequenos lectores!

XA ESTÁ AQUÍ O NADAL E CON EL CHEGAN OS BOS DESEXOS!

E unha das nosas alumnas, Ana, de 4ºA vai ser quen lle poña color aos bos desexos e ás actividades que ten programadas o Concello de Malpica.




Ana participou cun deseño ben churrusqueiro dunha árbore mariñeira, onde nin falta a balea, pois somos pobo baleeiro, nin as redes e as xoias do mar adornando unha árbore que ben puidera estar en calquera das casas malpicás.

Nos vos parece que lle quedou ben xeitosa? A nós encántanos e xa loce tamén nas paredes da biblioteca.




 

O alcalde de Malpica, Walter, xunto coas concelleiras de Educación e de Cultura, María e Olalla, achegáronse ata o noso centro para darlle os parabéns a Ana e entregarlle o premio, ademais de desvelar a primicia do cartel.

E xa que estaban polo noso centro, aproveitaron para charlar un pouco co alumnado do último ano, que tamén estaba alí para acompañar a Ana e para desexarnos a todos, profesorado e alumnado, unhas felices festas de Nadal.

Temos unha artista entre nós!

OBRADOIROS DE IGUALDADE

Nun dos obradoiros realizado coa Asociación Visibles traballáronse os roles de xénero, os estereotipos e como iso determina os nosos comportamentos.
No obradoiro de darlle a volta ao conto, que dirixiu Olalla, analizouse a literatura e as historias e todo o que recibimos a través dela. Como cambiaría o conto se...? Os nosos rapaces e rapazas traballaron arreo para cambiar o conto. Esperamos que o resultado sexa xeitosiño e que a súa historia sexa ben diferente!
Prometemos poñer o resultado final!