venres, 18 de xuño de 2021

A CASA DE BERNARDA ALBA - alumnado de 4ºB

As rapazas e rapaces de 4ºB fixeron unha adaptación teatral do texto de La casa de Bernarda Alba que representaron na biblioteca.
A verdade é que é unha mágoa que non puidese haber público porque o seu esforzo pagou a pena. Con todo, deixámosvos aquí un anaquiño para que vexades o nivel. O ensaio foi intenso pero mereceu a pena.
Botaremos moito de menos no centro a Verónica, Elena, Jimena, Ana, Alicia, Andrea, Pablo, Brais, Andrea P., Iris, Noemí e Yéssica. Levan aquí catro anos e todas e todos deixan un bo recordo do seu paso por secundaria. Recibímolos sendo uns pequerrechos e marchan para Bacharelato sendo unhas/uns adolescentes marabillosas/os. 
Todo o bo que lles pase será pouco, foi un pracer pasar polas súas vidas!




luns, 14 de xuño de 2021

OS LIBROS SON PARA O VERÁN

Este curso, alén das recomendacións lectoras que deixaremos por aquí, pensamos en deseñar os nosos propios libros soñados.

Todos e todas temos na cabeza unha historia, unha banda deseñada, un poemario... algo que leriamos sen dubidalo ou que editariamos de sermos unha editora.

Pois a iso iremos, o alumnado, durante estes días, deseñará ese libro e fará unha maqueta: a portada, a contraportada, a faixa, a biografía, o primeiro capítulo...

Deste xeito, volveremos traballar os xéneros, as partes do libro, os inicios que nos poden enganchar á lectura, a combinación de imaxe e texto... Andaremos estes días traballando neles e deixaremos por aquí o resultado. Este curso lucirán como novidades as creacións máis xenuínas, froito das imaxinacións máis fecundas, as dos nosos rapaces e rapazas.


Oxalá vos guste moito o resultado, así como a actividade!

xoves, 10 de xuño de 2021

ENTREVISTAS BIZARRAS

 O final do curso sempre é propicio para levar a cabo tarefas que quedan pendentes ao longo do trimestre e que poden dinamizarse desde a biblioteca: debate, entrevista, teatro, escenificacións, música...

Algúns grupos estiveron traballando a entrevista e a biografía a partir de noticias clickbait que adoitan exaltar ou destacar rarezas, cousas pouco noticiables e que só satisfán a lectores e lectoras que non buscan información, senón rexoubeos levados á prensa coma se fosen noticias.

Escollemos algunhas delas: unha moza que ten récord guiness pola lonxitude do cabelo, un rapaz que escachizou a casa para construír unha montaña rusa, un home que se dedica a formar superviventes no monte, un cazafantasmas, un artista que agasalla a súa obra de arte...

A partir delas, creamos o personaxe e redactamos a súa biografía e bosquexamos unha posible entrevista. De aí xa partimos á improvisación oral. 

Deixamos por aquí un pequeno vídeo, que agardamos que vos guste, é unha actividade que se pode planificar con máis tempo e que dá xeito para traballar a oralidade, e tamén para rir un pouco mentres se realiza. O humor é a arma máis eficaz para tirar para adiante, que non falte nunca!

 


mércores, 9 de xuño de 2021

A VOLTAS CO MEDIO NATURAL - OS OCÉANOS

 O profesorado de Ed. Física está agora mesmo desenvolvendo un encontro en liña con especialistas en medio ambiente e os estragos dos plásticos no medio mariño.

Os diferentes grupos irán pasando pola biblioteca para estes encontros virtuais dos que seguro que tirarán moito proveito.

Malpica é un contorno paradisíaco que debemos valorar, coidar e respectar. Moita xente vive do mar directa e indirectamente e o noso alumnado non só o percibe coma un lugar de desfrute no seu tempo de lecer, senón tamén como un medio de vida. Pais, nais, avós e avoas desenvolven tarefas como mariñeiros, atadoras, redeiras, mariscadoras, pescantíns e pescantinas e tamén vinculadas ao sector turístico e deportivo (buceo, inmersións, surf e outros deportes acuáticos, sendeirismo pola ruta dos faros...). 

É importante que as novas xeracións continúen estas tarefas tendo un coñecemento máis amplo, o medio atópase cada día máis deteriorado e frear esa deterioración é un labor ao que todas e todos debemos contribuír. 

Desde o centro procuramos traballar todas esas frontes abertas que teñen por diante como adultos en formación e que as súas inquietudes vaian tendo respostas positivas para mirar o futuro.





Algúns booktubers

 O alumnado de 3ºESO animouse coa video-reseña a partir das lecturas de Fernández Paz, Corredores de sombras e de Luís Leante, Fuxe sen mirar para atrás.


 Deu para bastante reflexión e as dúas novelas foron do gusto de parte do alumnado, xa sabemos que para gustos  hai cores e que as lecturas precisamente poden deixar pegadas ou escoar coma a auga entre as mans. Estas dúas son das que deixan pegada. Iremos subindo máis cousiñas por aquí para que outras persoas se animen con este formato, o audiovisual sempre lle dá un plus ao produto final e temos verdadeiros e verdadeiras artistas nas aulas!

 


5 de XUÑO, día do medio ambiente

Co gallo do día do medio ambiente celebramos un concurso fotográfico. Durante este ano, de xeito transversal en diferentes materias, leváronse a cabo varias accións de concienciación de coidado do ambiente, tratando de fomentar un dos obxectivos do milenio, nomeadamente, o coidado dos océanos e tamén a redución do plástico.






Os nosos nenos e nenas recibiron formación educativa a través do surfing, obradoiros de sensibilización, recollida de lixo, accións de limpeza de lugares do seu arredor, educación física na praia, camiñadas para recreos máis activos pola beira do mar...

Os tres R (reutilizar, reciclar e, sobre todo, reducir) están presentes como valor educativo para a sociedade do futuro.

As fotografías que achegaron realizando algunha desas accións beneficiosas ou outras máis creativas redundaron nunha exposición que temos na entrada do IES e as mellores levaron tamén un premio, para motivar que continúen coa súa actitude exemplarizante e recoñecerlles o seu traballo.

Parabéns para todos e todas, sodes o futuro!