luns, 26 de febreiro de 2024

Club de lectura: Conta nove estrelas de Andrea Maceiras

Hoxe luns 26 de febreiro tivemos o noso club de lectura do primeiro ciclo da ESO ao que acudiron só Antía, María García, Lucía e María Rellán. Valoramos moi positivamente a novela Conta nove estrelas de Andrea Maceiras, ilustrada por Paula Mayor. 

Gustounos en especial a trama, as aventuras así como a ambientación futurista. A novela cautiva dende o plano das constelacións coa que comeza nas primeiras páxinas. Ademais, a descrición da paisaxe coas rusgalias e as augas de cores considerámola un trazo positivo desta obra de Andrea Maceiras.

Ogallá poidamos respectar as tres normas no noso día a día: ser invisibles, silenciosos e inmóbiles, as que lle pediron á protagonista Quepi. 












mércores, 21 de febreiro de 2024

Club de lectura de familias: Azucre de Bibiana Candia

Hoxe mércores 21 de febreiro tivemos o club de lectura centrado na novela Azucre, de Bibiana Candia. Nesta ocasión reunímonos na biblioteca Eduardo Blanco Amor de Malpica na hora de sempre, ás 18 h.

A novela de Bibiana Candia gustounos malia a súa dureza. Comentamos o título, a brevidade dos capítulos, a súa poeticidade e as ilustracións de Xosé Cobas para esta edición de Kalandraka. 

Para acompañar este club lemos uns poemas de Rosalía de Castro, aproveitando que o 23 será o seu día, sobre a emigración a finais do século XIX, periodo histórico no que se centra a trama da novela. 







venres, 16 de febreiro de 2024

Libros dereitiños

Acabamos de mercar suxeitalibros para que todos estean dereitiños. 

Grazas a todos por deixar sempre a biblioteca recollida e limpa tras os recreos! 




Encontro con Mónica Rodríguez

O xoves á volta do Entroido tivemos a Mónica Rodríguez, a actual Premio Barco de Vapor, no noso instituto. Falou da súa traxectoria de 17 anos, periodo no que publicou 70 libros. Unha prolífica carreira na que acadou os premios máis importantes da literatura infantil e xuvenil (Premio Gran Angular, Premio Cervantes Chico, entre outros).

Falou distendidamente con todo o alumnado do noso instituto en dúas quendas: 

a) De 8.45 a 9.35 h, 3ºA, 3ºB, 3º PDC e 4º A. 

b) De 9.35 a 10.25 h, 1ºA e B, 2º A e B.

Firmounos no libro de autoridades e tamén varios dos exemplares.  

Este día magnífico foi posible grazas ao programa "Encuentros literarios" do MEC. 

Grazas, Mónica, pola túa amabilidade e xenerosidade! 













Día da Paz

Co motivo da celebración do Día da Paz decoramos a porta da biblioteca. Lembrade que a lectura sempre nos permite crear un mundo mellor no que non imperen os conflitos nin a guerra. Aquí tendes algunhas recomendacións lectoras. 




xoves, 15 de febreiro de 2024

Taller de xadrez

O luns 5 de febreiro ao mediodía Edda Beltrán tivo a amabilidade de ofrecer un taller de xadrez para o alumnado do club de ciencias. Explicáronse xogadas básicas e a funcionalidade de pezas fundamentais. Grazas a todos por participar! 







Emigración

O luns 5 de febreiro grazas ao programa social de A Banca centrado na emigración tivemos a oportunidade e escoitar a tres persoas que viviron a emigración desde tres perspectivas distintas destinada a todos os grupos de 3º e a 4ºA. 

Tres mulleres de Viveiro contaron as súas experiencias. Edelmira emigrou a Suíza na década dos 70 en compañía do seu home pero tivo que deixar o seu fillo maior na casa dos pais. María Jesús emigrou cos seus pais cando xa era nena e tivo que voltar sentíndose desarraigada por segunda vez; a formación que obtivo en Francia foi sólida e permitiulle superar con éxito a escolarización en Galicia. Luisa, pola súa banda, criouse cuns pais ausentes na casa dos avós. Viviu a emigración a Sudamérica por parte dos avós como a dos pais a Suíza. 

Malia os contratempos e as ausencias, todas fixeron un balance positivo da emigración polo que lles supuxo: ingresos económicos e amplitude na perspectiva de miras. 

O 8 de abril teremos a segunda parte do seminario e contamos para daquela ter no noso instituto a exposición sobre a emigración. 

A emigración é unha liña temática que abordaron algunhas das obras da literatura castelá e galega como Cantares gallegos de Rosalía de Castro, Diario de un emigrante de Miguel Delibes ou as recentes Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga e Azúcar de Bibiana Candia. 

















Actividades febreiro


Encontro con…

Mónica Rodríguez, MEC. Premio Barco de Vapor 2023. Levou todos os premios de literatura infanto-xuvenil. Conseguímola a través do programa “Encuentros literarios do MEC”. Quero agradecerlle a Shara que me deseñase o cartaz da actividade.

 

Xoves, 15/02/23.

8: 45- 9:35 h: Grupos: 3º A, 3º B, 3º PDC e 4º A.

9:35-10:25 h: Grupos: 1º A, 1º B, 2º A e 2º B.

 

Exposición

A Banca. “A emigración”. Teremos unha actividade co alumnado de 3º e 4º de ESO.

A segunda sesión terá lugar o luns 8 de abril coincindo coa exposición no noso instituto.

 

Maleta viaxeira

Maleta mariñeira de CEIDA, do 1 de febreiro ao 1 de marzo. Hora de ler, 3º de PDC. 

Radio na biblio

Excursión a Radio Vigo o xoves 8 de febreiro co alumnado de 2º de ESO.

(Adiada polo temporal) 

Recitado de poemas de Rosalía de Castro. 

Versos de amor. 

A tertulia literaria.

 

Clubs de lectura:

a) Luns, 26 de febreiro. Alumnado de 1º e 2º de ESO. Conta nove estrelas, de Andrea Maceiras. De 15 h a 16 h.

 

b) Familias: Mércores, 22 de febreiro. Azucre, de Bibiana Candia. Biblioteca municipal Eduardo Blanco Amor. De 18 h a 19 h.

 

Días conmemorativos:

9 de febreiro: Día internacional de Internet Seguro.


11 de febreiro. Día internacional da Muller e Nena na Ciencia.


13 de febreiro. Día mundial da Radio.

14 de febreiro. Día do Amor e da Amizade.

21 de febreiro: Día internacional da lingua materna.

24 de febreiro, Día de Rosalía.

 

Hora de ler

Día 7 - 3ª hora

Día 21 - 4ª hora

Día 28 - 5ª hora



 

 

 

 

Día da Ilustración 2024

O Día da Ilustración 2024, que se celebrará o 30 de xaneiro, homenaxeará este ano ao artista Chichi Campos. Bibliotecas e escolas de Arte Superior xa teñen programadas numerosas actividades para conmemorar este día e ao seu homenaxeado.

Lembrade que na nosa biblioteca temos bastantes exemplares de bandas deseñadas, cómics, novelas ilustradas, poemarios ilustrados.