martes, 24 de outubro de 2023

Encontro con Francisco Castro

Onte martes 24 de outubro, día das bibliotecas, Francisco Castro tivo o encontro co noso alumnado. Falou da súa extensa traxectoria literaria de case 35 anos. Deu unhas pinceladas de cada novela, nas que inspirou nun feito da realidade. 

Centrándose en especial en A historia de Sara, texto acompañado dos debuxos de Luz Berroso, reivindicou o papel das bibliotecas así como a necesidade dunha escrita comprometida coas causas que o requiran como é o maltrato infantil. 

Falou tamén do xa considerado clásico Chamádeme Sinbad, libro do 2009 que, catorce anos despois, segue funcionando á perfección en diferentes países e idiomas. Escribiuno cando a súa nai comezou a padecer o Alzheimer. Como moitas veces, escribe desde a ferida. Aínda recoñecendo a súa faceta de escritor, declarou que el realmente quería ser músico. 

Respondeu moi amablemente ás nosas preguntas, entre outras, as que se lle fixeron sobre O corazón da branca de neve, novela que lemos no noso club de nais.

En vésperas do seu propio aniversario recoñece que lle fai moita ilusión a presentación do seu primeiro disco. 






 

Club de lectura de nais: O corazón da branca de neve, de Francisco Castro

O luns 23, ás 18 h tivemos o noso primeiro club de lectura de familias no que lle demos a benvida a Dinia. Nel falamos da novela O corazón da branca de neve, de Francisco Castro, libro que nos recomendou o propio autor. É unha novela do xénero negro pero no que curiosamente trata do tráfico de nenos, algo que por desgraza ocorreu con demasiada frecuencia durante os anos 80. Valoramos positivamente a súa trama, como nos cautiva desde a primeira páxina. Chamounos moito a atención a brevidade de cada capítulo e incluso da novela porque xusto cando máis interesante se poñía, remata. Aborda unha historia que non nos resulta allea. 





 

Club de lectura: Ronia

O luns 23 de outubro tivemos o club de lectura co libro Ronia de Astrid Lindgren, traducido recentemente ao galego. Foi un libro moi ben valorado polo noso alumnado. O perfil de bandoleira de Ronia, intrépida aventureira, permítelle recoñecer os valores de vivir na natureza ao tempo que se relaciona con outros seres e loita contra certos inimigos, como as harpías. 

Deste libro seleccionamos unha pasaxe na que se retrata o outono: 

Ronia seguía indo ao monte como era costume. Todo estaba moi tranquilo, pero a Ronia tamén lle gustaba o outono para pasar tempo nos bosques. A carriza do chan estaba húmida, verde e mol baixo os seus pés nus, había un cheirume a outono moi agradable e as pólas das árbores brillaban coa humedén. Chovía con frecuencia e ela gustáballe sentar anicada baixo unha póla espesa e ouvir as tranquilas pingas a caeren diante dela. Ás veces caía unha bategada forte e todo o bosque murmuraba coa chuvia, cousa que tamén lle gustaba. Mais así non se vían moitos animais. 






 

Mes das escritoras

O día 16 de outubro conmemórase o día das escritoras mais desde a biblioteca queremos dedicarlle todo este mes de outubro (e incluso o curso académico, por que non?). Ademais de exposicións de libros escritos por mulleres, lemos pasaxes da antoloxía elaborada polo servizo de asesoría de bibliotecas. 

Día das escritoras 1

Día das escritoras 2

Día das escritoras 3

Día das escritoras 4








domingo, 22 de outubro de 2023

Cadeiras

No comezo deste curso conseguimos renovar todas as cadeiras da biblioteca para que quede máis colorida e acolledora. 





Exposición "O Miño, canle de luz e néboa"

Para comezar o curso trouxemos desde a Casa-Museo Manuel María de Quiroga a exposición "O Miño, canle de luz e néboa" sobre o noso benquerido poeta Manuel María. Nela, dun xeito transversal, a través da súa poesía podemos aprender da xeografía, botánica e fauna de toda Galicia. 






Club de lectura: A historia de Sara, de Francisco Castro

O 9 de outubro tivemos dous clubs de lectura nos que falamos da obra A historia de Sara, de Francisco Castro. Valoramos o equilibrio entre a dureza e a tenrura da trama así como o detallismo dos debuxos de Luz Beloso. 

É unha boa antesala á visita de Francisco Castro ao noso instituto o vindeiro día 23 de outubro, día das bibliotecas escolares. 












Formación de novos usuarios/as

Nestas primeiras semanas formamos ao alumnado novo no centro para que coñezan a nosa biblioteca. 

A formación recibida nos vosos coles foi xa moi sólida e esperamos que sigades nesa liña os anos do instituto. Aportaredes moito no voluntariado, nos clubs de lectura e na suxerencia para a adquisición de libros. 






Comezamos o curso 2023-24!

Comezamos outubro e con el as actividades programadas da biblioteca. Desde a asesoría de bibliotecas este ano propoñen a liña temática do cómic, a banda deseñada e a novela gráfica; o seu lema é "unha biblioteca escolar en viñetas".