venres, 13 de marzo de 2020

TERCEIRO TRIMESTRE - TAREFAS POR CURSOS E SEMANAS

O terceiro trimestre intentaremos organizalo máis polo miúdo. Previsiblemente, todo este trimestre será vía telemática, polo que é necesario o seguimento o máis ao día posible.
Desta volta, moitos dos vosos profesores xa puxeron en marcha aulas virtuais, polo que a comunicación será máis fluída dese xeito. Aqueles profes que non teñen aula virtual, deixarán nas carpetas a tarefa (e algúns tamén a porán repetida para aqueles aos que vos sexa máis fácil vir por aquí).
Estará organizada por semanas. Cada semana terá unha folliña de control da actividade onde estará anotado o traballo que hai para facer (o tempo que vos pode levar e cal é a data de entrega). Tamén ides ter na carpeta un horario de atención de cada un dos vosos profes, para que poidades contactar con el ou con ela, ben vía videoconferencia, por chat ou como estea especificado. Esperamos que isto vos sexa fácil de seguir e que enseguida nos afagamos todos, non vos agobiedes, sabemos que a situación é delicada e todos temos que ter empatía e paciencia. Acabaremos este curso fortalecidos e fortalecidas. Confiemos en que saia todo o mellor posible.

TAREFA PARA O GRUPO DE 1º

TAREFA PARA OS GRUPOS DE 2º

TAREFA PARA OS GRUPOS DE 3º

TAREFA PARA OS GRUPOS DE 4º

mércores, 11 de marzo de 2020

CAMBIANDO O CONTO

Hoxe na biblio presentamos o volume Cambiando o conto, que recompila os contos que escribiron os rapaces e rapazas de Malpica de Bergantiños. Logo dos obradoiros que impartiron coa asociación Visibles, os grupos que se fixeron continuaron ata darlle forma a unhas historias ben xeitosas que, posteriormente, foron ilustradas por Laura Tova e editadas en forma deste fermoso volume, no que un paxariño nos anuncia que dentro hai moito para escoitar e abraiar.

Sentimos moito orgullo como centro de que o noso alumnado vexa o seu potencial feito forma, que leven para as súas casas e para as súas familias unha mostra do grandes que poden chegar a ser. Moitos outros non deron acabado o produto en equipo, por falta da loxística propia do tempo en que están, mais o proceso foi igualmente enriquecedor e estamos certas de que haberá máis ocasións para todos e todas.








Moitas grazas a Olalla, quen promoveu os obradoiros desde a súa asociación e a Leticia, a concelleira de Igualdade por vir ata o centro e por transmitirlles esa alegría e ese orgullo polo futuro tan igualitario no que están traballando estas novas xeracións.




















E grazas, finalmente, ao alumnado que traballou arreo e que hoxe nos leu as súas creativas historias. Darlle a volta ao conto é un labor máis levadeiro se o facemos con persoas amigas!




luns, 9 de marzo de 2020

O país das 20.000 fontes e das 10.000 penas

O alumnado do IES que agora está en 3º da ESO participou, xunto coa súa profesora Rocío Romar, na recolleita de microtopónimos que, doutro xeito, se acabarían perdendo inexorablemente.
O froito desta actividade, na que participou a comunidade educativa (familiares e veciñanza) xa pode verse no produto final, produto que non sería posible sen esa achega inestimable de todas as persoas que nel participaron.
Deixámosvos a ligazón á noticia que puidestes ler no xornal desta fin de semana:
Noticia na Voz de Galicia
E tamén vos deixamos a ligazón ao visor do proxecto GaliciaNomeada:
PROXECTO GALICIA NOMEADA
Traballamos coa arela de que o noso patrimonio inmaterial non se perda e é de agradecer que haxa unha implicación desta magnitude por parte da xente de Malpica de Bergantiños.

venres, 6 de marzo de 2020

LECTURAS DA SECCIÓN DE IGUALDADE, TEN PREMIO!

Xa fostes moitos e moitas que vistes por aí circular as chapas e as bolsas e nos preguntastes como conseguilas.
Moi fácil! Só tedes que facer algunhas lecturas da sección de Igualdade e entregar a ficha na que nos contedes as vosas impresións e se recomendariades esa obra concreta. Deste xeito, contribuídes a espallar as lecturas, a ser uns críticos literarios fiables para o resto de alumnado e, como non, a gozar de obras escolleitas pensando só en vós.
Esperamos ver axiña moitas chapas máis e moitas bolsas máis pola vila e polo centro!


xoves, 5 de marzo de 2020

AMPLÍASE O PRAZO PARA O CONCURSO DE ILUSTRACIÓN E LITERARIO

Animamos a todo o alumnado a que participe no concurso de debuxo, cartel, biografía ou relato, tal e como indican as bases que se publicitaron.
A ANPA decidiu ampliar o prazo de presentación para que máis alumnas e alumnas puidesen presentar os seus traballos a concurso.
Animádevos!

martes, 3 de marzo de 2020

AGASALLOS QUE CAMPAN!

No ronsel de actividades a prol da Igualdade que levamos facendo nas aulas e en obradoiros específicos fixemos uns agasallos ben xeitosos que van campar moito este verán por Malpica.
Como sabedes, na biblio temos de estrea unha sección de igualdade que, para alén de ser marabillosa, tamén vai levar consigo un premio.
Animádevos a pasar pola biblio e a conseguir a vosa bolsa ou a vosa chapa! IES Urbano Lugrís pola igualdade é o noso obxectivo e o que nos move cada día.


O deseño é do noso profe de XH Sergio!


Va que queda ben bonito?