luns, 27 de setembro de 2021

Club de lectura - NARRATIVA E POESÍA

As novelas polas que comezaremos xiran arredor de acontecementos históricos, de memoria histórica e tamén nos iniciaremos na novela policial.

Para os rapaces e rapazas de primeiro propoñeremos abordar unha historia que se ambienta en Chernóbil e que nos pode dar pé a desenvolver a empatía a fondo. Que farías ti se tes que desaloxar a túa casa dun día para outro? Que levarías? Que supoñería...?

Para os de terceiro pode ser ben ilustrativo comezar a ler novela negra, policial e de misterio máis alá da intriga. Sabemos que xa son moi consumidores de series negras, que coñecen moitas claves policiais de investigación e que non os defraudará.

E para cuarto vai ser unha boa lectura complementaria para o seu currículo achegarse a parte da historia que descoñecen e que sucedeu cabo de nós. Como os membros do club deste grupo son grandes amantes da historia moderna e contemporánea, estamos certas de que lles vai interesar moito!

En canto á poesía, darémoslle unha grandísima oportunidade ás Aldaolado, que nunca nos defraudan e leremos Ninguén morreu de ler poesía. Seguro que dela nos sairán uns proxectiños xeitosos.

 


Club de lectura - MANGA e NOVELA GRÁFICA

 Para botar a andar o club de manga xa temos decididos os primeiros títulos. Serán para iniciarse e para iniciadas/os. 

Estes son os que prevemos para o grupo de 1º e 2º ESO:



E para os grupos de 3º e 4º, xa que moitos coñecen os Jojo's do audiovisual, comezaremos cos volumes desde o principio, confiamos en que non haxa moitos spoilers.


Este curso, ademais, contaremos coa colaboración dos máis experimentados para que nos dean unha pequena clase do que significa o manga e tamén contamos con facer algún obradoiro para debuxar manga, para procurar noutras plataformas series manga e moitas outras ideas que se nos vaian ocorrendo.

E para aqueles que non teñan gana de manga, leremos esta novela gráfica que nos gustou moito a algúns o curso pasado e que xa temos en galego. 

Agardámosvos!!!!!

mércores, 22 de setembro de 2021

BUSCAMOS AXUDANTES E NOVOS MEMBROS PARA O CLUB DE LECTURA

 Este curso, por fin!, recuperaremos a figura dos axudantes da biblioteca. As súas tarefas consistirán en controlar os préstamos e as devolucións nos recreos, recoller a biblioteca despois de cada período de lecer, propoñer actividades, suxestións de compra, axudar coa decoración e promoción... Un membro máis do equipo que terá moito que dicir nel!

Sabemos que moitos e moitas xa fostes axudantes no cole e que tedes unha bagaxe impresionante, así que oxalá vos apeteza continuar sendo colaboradoras e colaboradores. 

A proposta é facer un calendario para que non sexa un labor moi extenuante ou pesado. Que dicides? Animádevos!

CLUB DE LECTURA

Por outra banda, este ano tamén volvemos facer o club de lectura presencial, o que permitirá que nos atopemos de novo os amantes e as amantes dos libros cara a cara.

A nosa previsión é ter de novo un grupo de cómic e manga, outro de narrativa e iremos combinando pezas teatrais e poesía.

As reunións faranse fóra do horario lectivo, preferiblemente os luns no tempo que temos para comer. Buscaremos un acomodo para traer o bocadillo ou o que queiramos e levaremos a cabo as actividades que xurdan de cada lectura. Tamén poderemos acordar outro día que vos caia mellor e atoparnos, por exemplo, na propia praia, porque para iso vivimos nun paraíso.

Animádevos a formar parte do club, a achegar as vosas ideas e gustos e a crear unha pequena comunidade.

Non perdades a oportunidade!


xoves, 16 de setembro de 2021

A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA

Cartel de Pablo Otero

Volvemos ás aulas! O curso escolar comezou onte e, un ano máis, o noso IES encóntrase dentro do Plambe, así que a nosa biblio tratará de ser un fervedoiro de proxectos, ideas, lecturas, presentacións e alfabetización dixital.

Este curso non só volveremos con novidades, xogos e bibliotecas de aula, senón que tamén intentaremos ir recuperando a vida de alumnado colaborador, recreos animados, propostas de lecturas temáticas e moitas máis sorpresas nas que xa estamos matinando.

Os pequenos que se nos incorporan recibirán formación, aínda que sabemos que xa traen unha bagaxe estupenda do seu cole e só terán que se afacer a novas dinámicas. Confiamos en que o novo itinerario lector que preparamos no centro afonde nas súas ganas de ler e lles abra novos horizontes lectores.

A biblioteca escolar ten a palabra!