Hoxe asistiremos ao centro vestidos de negro, mostrando, deste xeito, que nas nosas vidas non caben actitudes de minusvaloración da muller na sociedade e, moito menos, agresións de ningún tipo.
Ademais, a nosa sección de lecturas será visitada, explicada e mostrada con máis afán se cabe; desde as titorías traballaranse documentos audiovisuais que esperten dalgún xeito a capacidade crítica e a empatía e tamén desde orientación se promoverán faladoiros específicos.
Coma sempre, a mellor educación é a que mostremos adultos e adultas co noso comportamento diario. É un labor de todos e todas e debemos ser conscientes da importancia que ten.
O grupo de 2ESO traballou na biblio o cambio de relato, porque é importante cambiar os finais truncados que moitas vidas teñen por causa da violencia. Logo do traballo con textos xornalísticos que os achegaron a algunhas historias, fixeron as súas reflexións e mudaron a crueldade por empatía, a dor por acougo e a morte por vida. Canto talento e canta conciencia entre as novas xeracións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Agradecemos todos os comentarios, só un apuntamento, non os deixes de xeito anónimo e sé educado e construtivo!