| folla de rexistro para o reto |
11 xaneiro 2022
RETO LECTOR IES URBANO LUGRÍS
10 xaneiro 2022
FRASEOLOXÍA, O PAN DE CADA DÍA...
Volvemos ás aulas e, aínda con algunhas ausencias, parece que todos e todas imos indo ben. Que non nos falte a saúde nin a gana de rir e con iso xa estaría.
Se é que aquí somos fortes coma buxos, rexos coma pauferros, somos incombustibles, non nos para nin a claridade, non temos mal que cen anos dure, xa vemos a luz ao final do día, inda que isto está sendo longo coma un ano sen pan...
Xa nos entendedes...
Fraseoloxía temos para parar un tren e sabedoría popular outra pouca tamén. Para entrar con bo pé no trimestre, deixamos por aquí algún texto que nos deixou a rapazada de cuarto, que é aguda coma ela soa e así, seguro que nos animamos a seguir producindo e creando. Algúns dos seus textos expositivos ben puideran ser da sección Allos con bugallos do Portal das palabras.
Se é que por aquí hai xentiña material!
FRASEOLOXÍA SOBRE O TAMAÑO DOS CORPOS…
Certo é que as persoas damos moitas veces a nosa opinión sobre o aspecto de alguén sen que o pedise. Para iso, empregamos unha chea de cualificativos, algúns mellor vistos que outros, que ás veces poden depender do ben ou mal que nos caia esa persoa. Así, o adxectivo gordo pode empregarse dun xeito máis amable, dicindo frases como «está un pouco entrado en carnes», ou de formas máis despectivas. Un exemplo desta segunda ocasión é o verbo «rebolar», que todos ou case todos empregamos algunha que outra vez.
Se buscamos no dicionario da RAG a palabra «gordo», este definiránola como «persoa ou animal con moita carne ou graxa» e mostraranos, como alternativa ou sinónimo, «groso», que podemos considerar como menos despectivo e que na maioría dos casos se emprega con esa finalidade.
Pero esta non é a única forma de usar este adxectivo tan rico en sinónimos. Do mesmo xeito que «groso», «robusto», aínda que non sexa exactamente o mesmo, tamén se emprega, en certas ocasións, como un sinónimo de «gordo» co mesmo fin, é dicir, causar o menor dano posible na persoa.
Porén, hai moitas expresións que pretenden todo o contrario. Un claro exemplo é «estar coma un bocoi», comparando deste xeito a persoa obxecto da burla cun recipiente de madeira capaz de conter entre trescentos e setecentos litros de viño.
Frases feitas como «estar coma un pote» ou «ser coma un saco de patacas» así como «estar coma un rebolo» ou «estar coma un zoncho» non quedan atrás, e pretenden facer a comparativa con obxectos ou alimentos que teñen forma curva e que poden conter moita cantidade de algo. Por outra banda, tamén temos a expresión «estás que non colles polas portas», que nos permite imaxinar de xeito detallado o estado, xeralmente esaxerado, desa persoa. Do mesmo xeito, tamén son de uso frecuente outras frases como «ser un saco sen fondo», querendo dicir que comes moito, ou «ser grande coma un día sen pan», indicando que o teu corpo ten grandes dimensións.
Desta maneira, xa queda demostrada a cantidade de vocábulos e expresións que existen na nosa lingua para definir a complexión forte dunha persoa, xeralmente relacionada coa graxa que acumula no corpo. Ademais, debemos ter en conta que se non queremos ferir a sensibilidade das persoas non debemos dar opinións que non piden nin falar do tamaño da xente, moito menos se a comparamos con obxectos ou animais.
Os corpos, cadaquén ten o que ten!
SOBRE O COMER…
Á maioría das persoas gústalles comer, encher o bandullo ou apagar a fame, xa sexa por necesidade, entretemento ou pracer. Na nosa lingua existe unha gran cantidade de palabras ou frases para expresar conceptos relacionados con comer (moito ou pouco) ou mesmo coa comida (se está boa ou mala).
Por un lado, están as persoas que comen pouco, pero moi pouco, é dicir, esas que comen coma un pito. Ademais, hai persoas que comen case por obriga, desas dise que están a pan e auga, e as que comen para satisfacer o apetito ou calmar a fame simplemente matan o becho. Tamén hai ocasións nas que alguén decide por vontade propia privarse do consumo de certos alimentos, ou o que é o mesmo, gardarse a boca.
Pola contra, durante a vida tamén nos podemos atopar con xente que come moito, como se fosen un saco sen fondo, aquela que come a rebentar ou coma un cura. Logo, cando se ten moita fame, xa sexa porque esa persoa vén do traballo ou por outras causas, dise que come a Deus polas pernas.
Cando estamos ante alguén que non é esixente á hora de comer e que come de todo dise que é de bo dente. Esta é moi similar en canto á estrutura a frase ter bo dente, só que esta emprégase no caso de que alguén teña aprecio cara a boa gastronomía.
O padal de cada persoa é diferente e segundo iso o que para unha sabe a gloria, é dicir, sabe moi ben, para outra non e viceversa. Algo así tamén acontece cos restaurantes, cada un vai comer ao que máis lle gusta, xa sexa segundo a relación calidade-prezo ou segundo a carta (as opcións de pratos que teña á disposición do consumidor). Algo moi común é a recomendación, entre amigos, de restaurantes nos que a persoa que recomenda xa ten comido e nos que segundo o seu criterio se come ben, pois comeu ata que se fartou e saíu contento polo prezo.
Finalmente, non podemos negar que cando comes o teu prato favorito sempre tes a necesidade de repetir ata quedar como un Pepe.
SOBRE O DURMIR…
Unha das cousas que máis lles gusta ás persoas, sobre todo á xuventude é durmir. Hoxe en día, hai miles de palabras que se asocian a durmir e que teñen en común con esta palabra. A Real Academia Galega dinos que durmir é estar nun estado de repouso caracterizado pola suspensión da consciencia, durante certo tempo, xeralmente pola noite. O certo é que se pode recoñecer a palabra durmir tan só dicindo palabras como “voume ao outro mundo”, “vou descansar”, “vou soñar cos anxos” ou máis coloquialmente falando “vou sobar”.
Como ben dixen antes, durmir consiste en chegar a un punto no que o teu corpo se relaxa e descansa completamente. As persoas, adoitamos durmir períodos longos de unhas oito horas aproximadamente, aínda que tamén podemos durmir e sen ser pola noite. Sobre todo, destacan as horas que durme a xuventude, xa que poden ou non durmir nada ou durmir moito.
É dicir, unha fin de semana un adulto esperta as 10 da mañá, e un adolescente pode chegar a espertar á 1 ou 2 da tarde. Isto non ocorre en todos os adolescentes, claro. Cando as persoas non dormen pola noite, acostuman durmir pola tarde, esta acción é recoñecida como “sesta” ou “durmir a sesta”. As persoas dormen a sesta porque queren descansar, non durmiron dabondo de noite...
Cando nos dedicamos a durmir, o noso corpo ten pensamentos, ós que chamamos soños. Os soños poden ser de diversos tipos como por exemplo alegres, tristes ou incluso podemos non ter soños. Cando unha persoa ten un soño de medo, chamámoslle pesadelo. Ter pesadelos non é nada agradable xa que estás tan metido no soño que pensas que está ocorrendo esa acción na realidade.
Unha frase feita moi popular é durmir coma un tronco, significa que o soño é demasiado profundo, é dicir, que é moi difícil espertar por ruídos que o teu corpo pode estar oíndo na realidade.
Durmir a perna solta, caer en mans de un Morfeo, durmir coma un león ou durmirse nos loureiros son algunhas das moitas frases feitas que hai coa palabra durmir.
Así que xa sabes, sempre hai alguén que se pasa o día durmindo e desfrutando, e ti, a que esperas?
SOBRE O CHOVER…
Unha das principais características de Galicia é o seu mal tempo. No inverno vai moito frío e chove moito, polo que é normal que ao longo dos anos se foran creando palabras para designar a choiva, así como a cantidade, é dicir, se chove moito ou pouco, ou frases feitas relacionadas coas precipitacións.
Por un lado están as frases máis comúns como chove gordo, chove a chuzos ou está caendo a do copón/ cristo, son as máis utilizadas cando chove moito, acompañadas de chove coma se a tiraran con caldeiros que é unha forma esaxerada de dicir que cae moita cantidade de auga, e, cando ocorre isto, acabas mollado coma un pito.
Hai uns días no ano que chove tanto que lle chamamos diluvio universal e dicimos que está arroiando, aínda que, como se di, nunca choveu que non escampara, e iso que hai días que parece que non o vai facer nunca.
Os días que o ceo está moi escuro chove que anuce , pero que as nubes sexan grandes e cunha cor desagradable de cara ao tempo, non quere dicir que vaia caer un chaparrón , pode chover pouco, é dicir, orballar ou gharuar que tamén se lle pode chamar cala-bobos porque é esta choiva tan fina que parece que non molla pero cando te dás de conta estás pingando.
Antigamente relacionábanse todos os refráns coas características da zona, polo que en Galicia hai ata cancións: se chove deixa chover, se orballa deixa orballar é unha parte típica das cancións populares galegas.
Utilizámola ata na retranca galega, un claro exemplo é se chove, fai frío e vento, sinal de mal tempo, cousa que é obvia.
Por outro lado están as frases feitas, por exemplo, cando non te están escoitando dis que esa persoa está coma se oíra chover ou cando che da igual algo dise por min, que chova.
Cada zona de Galicia ten as súas propias expresións e refráns, estas son algunhas que se din, sobre todo pola nosa zona.
SOBRE O BEBER SEN TER TINO…
Abre a porta que mañá vou verte, abre a porta que me quero emborrachar
Todos ou case todos coñecemos a algunha persoa que sempre carga o carro ou que agarra unha tranca, tamén se pode dicir que apaña unha chea ou unha prea, aínda que podemos usar diferentes frases e palabras segundo a situación ou contexto, sempre se dará a entender que está moi bébedo ou un pouco bébedo pero se usamos unha xerga máis coloquial dirase estar borracho.
Aínda que apagar a sede con algo de alcol e acabar cunha enchente, ou máis coloquialmente, acabar borracho, non en todas as situacións encaixa ben, se non se está bébedo como unha prea e só bebeu un pouco de alcol e esa persoa xa colleu unha borracheira ou case, dise estar peneque ou que vai facendo eses, pero cando se bebe intercaladamente durante unha conversa talvez sexa mais axeitado dicir que se está a mollar a palabra ou mollar a palleta, pero non é o mesmo que mollar a gorxa, xa que isto non só ten que ver co alcol, senón que tamén se pode usar cando se bebe calquera outra bebida.
Moitas veces as persoas xa empinan pola mañá, sen tomar nada antes en xaxún, xusto ao acabar de ergueres, e para esta acción dise que beben para matar o becho.
Se unha bebida alcólica é moi forte cualifícase como que é tan forte que consegue resucitar a un morto.
Por un lado, se unha persoa bebe un día de festa cuns amigos, e acaba algo peneque non significa que sexa borracha, pero se pola contra todos días ou case todos acaba cunha trompa enriba, si se pode dicir que se anda seguido de borracheira.
En calquera caso, chamémoslle como lle chamemos, máis disfrazado, con eufemismos para parecer máis cortés ou eludir o que estamos vendo, ou se simplemente o expresamos como é en realidade, todos nos dan a entender que esa persoa está tendo un comportamento de intoxicación e que ben non fai e que nunca vai soa.
20 decembro 2021
Charla sobre Emilia Pardo Bazán
O pasado venres día 17 de decembro o grupo de 4º B tivo a oportunidade de asistir á ponencia sobre dona Emilia Pardo Bazán impartida por Rubén Amado Barcia. Esta iniciativa parte da colaboración entre El Ideal Gallego e a Xunta de Galicia para conmemorar o segundo centenario da morte da autora coruñesa. A idea da conferencia foi dar ao alumnado as claves da súa época para entender a escritora e, en particular, a través das súas obras La Tribuna e Los pazos de Ulloa.
Incorporamos á biblioteca como novidade o libro de relatos breves El encaje roto. Antología de cuentos de violencia contra las mujeres, editado por Cristina Patiño Eirín, que dá boa conta do compromiso de Emilia Pardo Bazán sobre o maltrato á muller. Esperamos que teña moitos préstamos para que vexades a modernidade de dona Emilia da que falou Rubén Amado na súa ponencia.
16 decembro 2021
RECOMENDACIÓNS PARA O TEMPO DE LECER
As vacacións de Nadal xa están aquí e imos ter moito tempo por diante para descansar, para facer deporte, para ver amigos, amigas e familiares, para xuntarnos (con prudencia) pero tamén para ler aquelas novelas, cómics, mangas, poesía, teatro... que sempre imos sacrificando.
Tamén para ver algunha película, serie ou documental divertido, entretido e... a poder ser, en versión orixinal subtitulada, para írmonos medindo nas nosas competencias lingüísticas en linguas estranxeiras.
Aquí vos deixamos as recomendacións que vos facemos desde a biblioteca, xa nos contaredes se os Reis, o Apalpador ou o Papá Noel se portaron e vos fan un bo agasallo. E á volta, xa falamos!!!
03 decembro 2021
FANZINE MES DA CIENCIA NA BIBLIO
Se é que un fanzine é máis ca texto e imaxe, é darlle unha voltiña ás cousas, é valerse do humor para a aprendizaxe e o gozo estético. Temos que dar grazas ás profes que traballaron nas súas sesións, que tiraron de recursos para ir elaborando os traballos e, sobre todo, á rapazada que se prestou animosa e que fixo uns traballos ben chulos.
Non sabemos cando volveremos co terceiro número, pero seguro que axiña se nos ocorrerá algo e, lembrade, a ciencia non se fai soa, hai que facela!!!! Gozade moito desta lectura, pois é vosa!
Para lelo, CLICA NA SEGUINTE LIGAZÓN: FANZINE IES MALPICA CIENCIA
01 decembro 2021
A CAIXIÑA DOS BOS DESEXOS
Pese a que este curso está transcorrendo dentro dunha certa normalidade, continuamos con medidas restritivas que nos impiden relacionarnos como realmente quereriamos todos e todas. E iso algo pesa no ánimo, aínda que teñamos que ser optimistas e pensar que todo ten un final e que moito se avanzou.
O 2022 pode ser o ano en que por fin poidamos volver xuntarnos, mesturarnos e estar máis tranquilos e, se non o é, pode ser polo menos mellor, menos casos graves, menos persoas afectadas...
O funcionamento é moi sinxelo. Ata o día 17 poderanse depositar tarxetas (que poden ir en sobre ou abertas) ben identificadas para a persoa á que se lle quere facer chegar (isto é importante, que quede ben claro a quen se envía e en que curso está!). O día 21 o titor ou titora, xunto co boletín de notas, tamén lle fará entrega a cadaquén as tarxetas que lle escribesen.
Sería bonito que todos e todas recibísimos algún bo desexo, así que vos animamos a escribir máis de unha. O curso pasado houbo ata quen enviou chocolatinas en tarxetas para todos os compañeiros da clase!!!!
Benvido decembro e benvido o espírito positivo e construtivo! Que iso vos acompañe sempre!
XA PODES LER O ÚLTIMO DE ASTÉRIX NA BIBLIO!
Que non se diga que os futuros e as futuras tradutores ou filólogos non podedes facer un experimento coas diferentes traducións! Animámosvos a achegarvos por aquí para botarlles un ollo.
25 novembro 2021
25 N DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA EXERCIDA CARA AS MULLERES
Hoxe asistiremos ao centro vestidos de negro, mostrando, deste xeito, que nas nosas vidas non caben actitudes de minusvaloración da muller na sociedade e, moito menos, agresións de ningún tipo.
Ademais, a nosa sección de lecturas será visitada, explicada e mostrada con máis afán se cabe; desde as titorías traballaranse documentos audiovisuais que esperten dalgún xeito a capacidade crítica e a empatía e tamén desde orientación se promoverán faladoiros específicos.
Coma sempre, a mellor educación é a que mostremos adultos e adultas co noso comportamento diario. É un labor de todos e todas e debemos ser conscientes da importancia que ten.
O grupo de 2ESO traballou na biblio o cambio de relato, porque é importante cambiar os finais truncados que moitas vidas teñen por causa da violencia. Logo do traballo con textos xornalísticos que os achegaron a algunhas historias, fixeron as súas reflexións e mudaron a crueldade por empatía, a dor por acougo e a morte por vida. Canto talento e canta conciencia entre as novas xeracións.
TRABALLANDO AS LECTURAS DO CLUB
As nenas de 1ºESO fixeron moi bo traballo.
Tamén nos acompañou a lectora de narrativa de 1º e incorporamos unha nova lectora, que xa tiña gusto por Iria Misa ao ter lido Mamá, quero ser Ziggy Stardust. A cidade do átomo gustoulle e convenceu a compañeira. Confiamos en que a suxestión tan chula que deixamos atraia máis lectores e lectoras. Xa sabedes, podedes atopar os volumes todos na biblio!
Os máis grandes tamén se xuntaron para falar da memoria histórica, da época da guerra civil, das minas de wolframio, dos totalitarismos, das ditaduras e de todos os coñecementos que xa teñen por ter lido novelas que tratan o tema: In memoriam, de Pepe Carballude; A caixiña dos rancores, de Cajaraville; Agosto do 36, de Fernández Ferreiro, Wolfram, de Alberto Varela... e tamén polo que levan estudado nas aulas, visto nas series históricas e documentais e polo seu coñecemento da actualidade. Dá gusto ver que a rapazada se vai facendo adulta e quere saber para poder opinar, para poder ser crítica e formarse unha opinión.
19 novembro 2021
NOVAS INCORPORACIÓNS E UNHA RECOMENDACIÓN
Na nosa biblio non paran de adquirirse novidades e recomendacións lectoras que nos suxiren os usuarios. A pedimento dos alumnos de economía fixémonos con algunhas obras que xiran a redor do mundo globalizado, da economía sustentable e do uso dos recursos para lograr un mundo mellor para as persoas que o habitamos.
Esperamos que estas lecturas sexan de proveito e que vexamos estes rapaces e rapazas nun futuro tomando medidas desde postos de poder 💕.
Tamén nos suxeriran o título Xente normal, que tiñan ganas de ler a raíz do seu éxito como serie, así que nos pareceu unha marabillosa idea dar o salto da pantalla ao papel. Esta novela está traducida ao galego, polo que enseguida corremos encargala á libraría.
Desde os departamentos de ciencias tamén nos suxeriron Be water, my friend e A que altura está o ceo, que xa tiñamos en fondos pero fixémonos con outro volume para poder traballar con el nas bibliotecas de aula.
Por último, esta novela gráfica que chegou ás nosas mans e que nos pareceu un tesouro. É a nosa recomendación lectora para o alumnado de 4º estes días.
El club de los libros prohibidos é a historia persoal de Kim Hyun Sook , a obediente filla dos propietarios dun modesto restaurante de Corea do Sur, que sempre fora unha estudante apolítica e o orgullo da familia, a qien agradecía eternamente o esforzo para sufragarlos gastos da súa matrícula universitaria.
Un día, seguindo o consello do titor, únese ao equipo de danza folclórica da facultade, onde coñece a un compañeiro que a invita a un club de lectura prohibido. Acepta polas gañas de coñecemento e a súa paixón pla lectura, ata que se dá de conta de que os libros seleccionados polo club (Moby Dick, A letra escarlata, Hamlet…) teñen un denominador común revelador: todos denuncian, dunha forma ou outra, o réxime opresivo do país e alentan a rebelarse contra el.
Pensamos que esta lectura pode gustar moito, a nós fascinounos!