mércores, 1 de decembro de 2021

A CAIXIÑA DOS BOS DESEXOS

Coma cada curso, na biblioteca abrimos a Caixiña dos bos desexos, para que cada alumno, profesor ou PAS poida depositar nela un bo desexo para un compañeiro ou compañeira ao que queira mostrarlle afecto.

Pese a que este curso está transcorrendo dentro dunha certa normalidade, continuamos con medidas restritivas que nos impiden relacionarnos como realmente quereriamos todos e todas. E iso algo pesa no ánimo, aínda que teñamos que ser optimistas e pensar que todo ten un final e que moito se avanzou.

O 2022 pode ser o ano en que por fin poidamos volver xuntarnos, mesturarnos e estar máis tranquilos e, se non o é, pode ser polo menos mellor, menos casos graves, menos persoas afectadas...

O funcionamento é moi sinxelo. Ata o día 17 poderanse depositar tarxetas (que poden ir en sobre ou abertas) ben identificadas para a persoa á que se lle quere facer chegar (isto é importante, que quede ben claro a quen se envía e en que curso está!). O día 21 o titor ou titora, xunto co boletín de notas, tamén lle fará entrega a cadaquén as tarxetas que lle escribesen.

Sería bonito que todos e todas recibísimos algún bo desexo, así que vos animamos a escribir máis de unha. O curso pasado houbo ata quen enviou chocolatinas en tarxetas para todos os compañeiros da clase!!!!

Benvido decembro e benvido o espírito positivo e construtivo! Que iso vos acompañe sempre!


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradecemos todos os comentarios, só un apuntamento, non os deixes de xeito anónimo e sé educado e construtivo!