martes, 28 de marzo de 2023

Club de lectura

O luns 20 de marzo tivemos o noso club de lectura de nais na que tratamos da novela Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga, merecedora do premio nacional de narrativa 2021. Haberá outra sesión dedicada a este título ao non vir todas as nais. As valoracións non puideron ser máis positivas pois todos coñecemos historias parecidas. Tanto é así que trouxemos fotos de xente da nosa familia que emigrou ben a América ben ao Reino Unido, Suíza ou Alemaña. 



Á saída mandámoslle unha mensaxe a Xesús e isto foi o que nos respondeu: "Moitas grazas por pensar no meu libro para o voso club e polo tempo que lle dedicáchedes. Faime moita ilusión, e aínda máis saber que as vosas valoracións foron boas. Espero que vos resultase interesante, mesmo emocionante (iso xa sería para min obxectivo cumprido). Unha aperta forte para a boa xentiña do club de lectura de Malpica!". 

Por coincidencias, paseando un día por Compostela, vin un escaparate nunha libraría na que anunciaban un encontro con Xesús e velaquí tedes a proba do que vín: 




E ao final puiden acudir e, ademais de escoitalo con pracer, firmoume o meu libro. 



Sabiades que lle levou doce anos escribila? A espera pagou dende logo a pena. Para estruturala, seguiu o esquema do metro de Londres, onde a liña amarela, a circular, representaba a traxectoria vital do propio Xesús Fraga. 

Confiemos en que o vindeiro curso poidamos ter un encontro con Xesús Fraga na vila. 


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradecemos todos os comentarios, só un apuntamento, non os deixes de xeito anónimo e sé educado e construtivo!