luns, 21 de febreiro de 2022

23 de FEBREIRO, DÍA DE ROSALIA, #SEMENTANDOPENSAMENTOS

Este ano sumámonos ás propostas lanzadas desde a AELG, coa lectura do manifesto proposto pola escritora Beatriz Maceda.

Nas aulas tamén iremos realizando diferentes actividades e propostas de achegamento á obra rosaliana e, coma cada ano, trataremos de que a figura de Rosalía sexa coñecida nas múltiples perspectivas que ten.

Animamos a toda a comunidade educativa a festexar este día coma un día de festa, ben facendo na casa para xantar ou cear o Caldo de gloria, ben aproveitando a efeméride para facer algunha busca dun texto, dun poema, dunha canción versionada... que redunde nese afán por coñecer a obra da autora.

Ao final, Rosalía non deixa de ser a musa do pobo, polo que é o pobo quen debe achegarse libremente a ela.

Deixamos por aquí o manifesto e desexamos que sementedes moitos pensamentos...

PENSAR [TE] LIBRE

 Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino.

Rosalía de Castro.

Alimentamos a realidade do noso País a través da nosa lingua e das palabras que envolven a nosa diversidade social e cultural. Pensármonos na lingua de nosoutras é manter, transmitir e dignificar quen somos. E esta é a forza que atopamos en Rosalía de Castro: recoñecérmonos como pobo forte, unido na nosa lingua.

Non hai nada máis poderoso que as voces legadas polas nosas devanceiras, para arrodear os sentires, as emocións, a rebeldía, a liberdade dese pensamento sobre o que ninguén pode mandar.

Velaquí o maior acto revolucionario que nos agasallou Rosalía de Castro! Os seus versos transfórmanse nunha historia que rebela, provoca, emociona e que nos acolle para “eu tamén navegar”, para facermos parte dunha nosa Historia propia e libre.

Así vou eu/formando parte/Non me abandono e formo parte, do pobo que describe Rosalía de Castro, da xente que defende a cultura sen cancelas e enche as rúas de voces violetas para combater da man das compañeiras os mouchos que nos asexan e a aqueles que ladran contra as que camiñan.

Abracemos, entón, a desorde das ideas e a marcha dos pensamentos para seguir o navegar de Rosalía de Castro na voz das persoas humildes, para escoitar o silencio das oprimidas e censurar as inxustizas coa forza da nosa lingua. Non precisamos mans alleas que escriban a nosa historia así que, Dálle que dálle ó argadelo/noite e día/e pensa e pensa naquelo/porfía que te porfía, porque xa agroma forte a semente plantada. Vivamos a galope nunha rede de afectos e celebremos que nin a lingua nin o pensamento se exilian. Tezamos xuntas, fortes e libres os puntos que calcetaron as mestras da República, as cigarreiras, as misteiras, as costureiras e todas as que, coma ti, loitaron contra as inxustizas e polos dereitos.

Cosamos cos fíos da lingua na que entendemos, debatemos, amamos e enliñemos as nosas ideas e os nosos pensamentos.

Tal com’as nubes

Qu’impele o vento

Y agora asombran, y agora alegran

Os espaços inmensos d’o ceo,

Así as ideas

Loucas qu’eu teño

As imaxes de multiples formas

D’estranas feituras, de cores incertos,

Agora asombran,

O fondo sin fondo d’o meu pensamento.


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradecemos todos os comentarios, só un apuntamento, non os deixes de xeito anónimo e sé educado e construtivo!