Este mes de outubro sempre o comezamos forte pola biblioteca. Despois da formación de novos usuarios, de axudantes de biblioteca e de xuntar os e as interesados no Club de lectura sempre xorden dinámicas semellantes. O que lles gusta da biblioteca é a liberdade.
Valoran as seccións temáticas, que haxa banda deseñada, cómics e manga, a sección de Igualdade e LGBTIQ+ e poder acceder libremente aos textos.
E o medo. O paso dos contos de medo para non ter medo (os lobos bos, os monstros que non o son, o home do saco riquiño...) ás historias de misterio, novelas policiais, crimes sen resolver, literatura oral que che pon os pelos de punta...
Así que decidimos darlles pola corda e festexar o medo, o misterio, o ambiente escuro... ademais, é o mes do Samaín, importante na nosa cultura, así que aló imos.
Temos en proceso unha exposición na que están/estamos traballando, de novela de medo e misterio; unha convocatoria de microrrelato; un concurso de seres terroríficos que veñen da reciclaxe; unha decoración monstruosa; un fanzine a moitas mans e ata un cemiterio ortográfico.
Iremos informando por aquí, seguro que teremos axiña moito que vos mostrar! Viva o medo!
BASES PARA O PREMIO DE MICRORRELATO
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Agradecemos todos os comentarios, só un apuntamento, non os deixes de xeito anónimo e sé educado e construtivo!