mércores, 11 de marzo de 2020

CAMBIANDO O CONTO

Hoxe na biblio presentamos o volume Cambiando o conto, que recompila os contos que escribiron os rapaces e rapazas de Malpica de Bergantiños. Logo dos obradoiros que impartiron coa asociación Visibles, os grupos que se fixeron continuaron ata darlle forma a unhas historias ben xeitosas que, posteriormente, foron ilustradas por Laura Tova e editadas en forma deste fermoso volume, no que un paxariño nos anuncia que dentro hai moito para escoitar e abraiar.

Sentimos moito orgullo como centro de que o noso alumnado vexa o seu potencial feito forma, que leven para as súas casas e para as súas familias unha mostra do grandes que poden chegar a ser. Moitos outros non deron acabado o produto en equipo, por falta da loxística propia do tempo en que están, mais o proceso foi igualmente enriquecedor e estamos certas de que haberá máis ocasións para todos e todas.








Moitas grazas a Olalla, quen promoveu os obradoiros desde a súa asociación e a Leticia, a concelleira de Igualdade por vir ata o centro e por transmitirlles esa alegría e ese orgullo polo futuro tan igualitario no que están traballando estas novas xeracións.




















E grazas, finalmente, ao alumnado que traballou arreo e que hoxe nos leu as súas creativas historias. Darlle a volta ao conto é un labor máis levadeiro se o facemos con persoas amigas!




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradecemos todos os comentarios, só un apuntamento, non os deixes de xeito anónimo e sé educado e construtivo!