22 xaneiro 2026

Recomendacións para o trimestre

Como sabedes, o Día das Letras Galegas este ano está dedicado a Begoña Caamaño. Figura polifacética, escribiu dúas novelas nas que tomou elementos da mitoloxía clásica (Circe ou o pracer do azul) ou o ciclo artúrico na súa obra máis coñecida e premiada (Morgana en Esmelle) cunha perspectiva feminista.

Se ben falaremos nos próximos meses da autora máis polo miúdo, acabamos de preparar unha selección de lecturas inspiradas nese territorio transitado por Caamaño onde se misturan temas míticos, feminismo e outras inquedanzas actuais.

Na fotografía podedes apreciar na escolma lecturas moi variadas:

  • Poesía: Na noite estrelecida, onde o ciclo artúrico toma forma en verso.
  • Non ficción: en Pequena mitoloxía de Galicia abandonamos materias tan lonxanas para a nosa terra e centrámonos en figuras máis coñecidas para o noso folclore
  • Banda deseñada: Belleza, unha reconversión dos contos de fadas habilmente actualizada
  • Materia da Bretaña: de Merlín e familia até Irmán Rei Artur, a literatura galega afondou no tratamento das historias inspiradas nas terras de Camelot
  • Escollas eclécticas: non están ausentes clásicos máis ou menos modernos do xénero, quer da literatura fantástica en sentido máis estricto, quer de libros máis cercanos á ciencia ficción máis especulativa ou revisión de temas mitolóxicos como A cabeza de Medusa ou Contos e lendas dos países celtas
Desexámosvos unhas boas lecturas para os vindeiros meses!




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradecemos todos os comentarios, só un apuntamento, non os deixes de xeito anónimo e sé educado e construtivo!