Este curso, por fin!, recuperaremos a figura dos axudantes da biblioteca. As súas tarefas consistirán en controlar os préstamos e as devolucións nos recreos, recoller a biblioteca despois de cada período de lecer, propoñer actividades, suxestións de compra, axudar coa decoración e promoción... Un membro máis do equipo que terá moito que dicir nel!
Sabemos que moitos e moitas xa fostes axudantes no cole e que tedes unha bagaxe impresionante, así que oxalá vos apeteza continuar sendo colaboradoras e colaboradores.
A proposta é facer un calendario para que non sexa un labor moi extenuante ou pesado. Que dicides? Animádevos!
CLUB DE LECTURA
Por outra banda, este ano tamén volvemos facer o club de lectura presencial, o que permitirá que nos atopemos de novo os amantes e as amantes dos libros cara a cara.
A nosa previsión é ter de novo un grupo de cómic e manga, outro de narrativa e iremos combinando pezas teatrais e poesía.
As reunións faranse fóra do horario lectivo, preferiblemente os luns no tempo que temos para comer. Buscaremos un acomodo para traer o bocadillo ou o que queiramos e levaremos a cabo as actividades que xurdan de cada lectura. Tamén poderemos acordar outro día que vos caia mellor e atoparnos, por exemplo, na propia praia, porque para iso vivimos nun paraíso.
Animádevos a formar parte do club, a achegar as vosas ideas e gustos e a crear unha pequena comunidade.
Non perdades a oportunidade!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Agradecemos todos os comentarios, só un apuntamento, non os deixes de xeito anónimo e sé educado e construtivo!