xoves, 21 de novembro de 2019

CINEFORO 25N


O 25 de novembro, con motivo da conmemoración do Día contra a violencia de xénero, na biblioteca faremos un cineforo. No que non só veremos curtas de interese, senón que votaremos as máis impactantes para o alumnado e comprobaremos a mensaxe que mellor chega aos nosos rapaces e rapazas. 
As curtas que analizaremos son:
Bágoas de resío, do IES de Baio (duración 6:46 min)


A xeito de documental, os rapaces e rapazas de Baio cóntannos como nunha noite de festa xorde o amor e nace unha parella de adolescentes, mais... ao final, as actitudes e os comportamentos non collen a deriva que deberan: mentiras, illamento social, manipulación e finalmente, o abuso físico. Unha historia que non pode deixar indiferente a ninguén.


El ascensor, de Rocerder Productos (duración 5:36)


A violencia dentro do ámbito familiar non responde a estereotipos, non hai unha familia estándar na que se dean este tipo de comportamentos. E moitas veces as aparencias enganan e, as persoas que coidamos máis a salvo son as que menos o están. A persoa maltratadora sempre é “un bo veciño, falaba con todos, ía ben vestido, sempre saudaba...”, non hai unha relación entre a imaxe que proxectamos fóra e a que reservamos para o inferno en que se pode converter a vida familiar nalgúns casos.


Chea de vida, do CPI de Dodro (duración 4:00)


Clip musical que os grupos de 4ºESO de Dodro realizaron para reivindicar o daniño da violencia de xénero. Canción que reivindica a necesidade de que as mulleres poidan sentirse seguras na sociedade, sen seren agredidas polo feito de seren mulleres.


Querido papá (dear dad) da axencia Schjaerven para a ONG Care Norway (duración 5:00)


Unha moza escríbelle unha carta con carácter futurista ao seu pai e pídelle que a protexa e que tome conciencia das actitudes que terá que sufrir ao longo da súa vida, tanto de nena coma xa de adulta. Os datos en que se basea esta curta son estarrecedores, pois 1 de cada 3 mulleres do mundo experimentará ao longo da súa vida algún tipo de violencia física ou sexual.


Homes con saia, IES Cañada Blanch de Londres (duración 2:25)




Os alumnos do IES Cañada Blanch de Londres comprométense contra os roles de xénero, o machismo e a violencia contra as mulleres. Utilizando a canción de Guadi Galego e apupados pola intervención do monologuista Carlos Blanco móstrannos un vídeo no que sae a súa sesión de fotos para a campaña que promoveron polas redes. Pola liberación masculina, por liberarse desa carga de teren que ser un estereotipo de machos, #homesconsaia


25 N, IES de Laxeiro (duración 5:38)


 Se te critica polo teu aspecto, se tenta illarte, se te controla, se te insulta, se te ameaza... non é amor! Unha muller frega a louza e con cada prato debe afrontar os insultos que acotío recibe, e fregar e refregar todas aquelas ideas e controis que a perseguen ata inutilizala e paralizala. Loitar todo o tempo, sen descanso, en soidade. Ata que atopa axuda, apoio social e consegue enfrontarse con seguridade. Sabe que non está soa.


#Notepierdas sin libertad no hay amor. Campaña de prevención da violencia do Instituto Andaluz de la Juventud (duración 0:30)


Unha moza vai reflexionando sobre o amor, o amor verdadeiro e apaixonado que ela creu atopar. E conforme vai avanzando a súa reflexión dáse de conta de que está xustificando actitudes e comportamentos que non están xustificados, que non a benefician, nos que non atopa ningunha felicidade... ter que cambiar a personalidade, estar baixo control... non é amor verdadeiro.


Convidados de pedra, do IES da Serra de Outes (duración 6:46)

 
Nunha entrega de premios literarios contra a violencia de xénero, unha moza chamada Paz gaña o concurso ao relatar un caso de maltrato. Mais o maltrato resulta ser a súa propia historia, a historia da súa familia, e os seus pais encóntranse na sala...


Despierta, de Cristina Barón (duración: 3:33)


Un pai mándalle unha mensaxe desesperada e sincera á súa filla, que se encontra nunha relación tóxica cun maltratador e intenta axudala a espertar, abrir os ollos ante o que non está ben e ofrécelle todo seu apoio. A familia adoita ser a primeira fronte da que se liberan os maltratadores, porque illando socialmente e familiarmente a persoa, esta é máis vulnerable e feble...


No!, de Adrián Vereda (duración 13:03)


Dicir que non a unha relación pola que apostaches é moi difícil e duro. Sentes que te equivocaches, que é culpa túa, que todo poderá mellorar, ser coma antes... Identificar as condutas que atentan contra a persoa é moi difícil cando confundes iso con amor. Isto é o que lle sucede a unha moza que non é capaz de dicir NON por si soa, mais que acabará por conseguilo co apoio da súa familia e dos seus amigos.


Tú puedes cambiarlo, campaña para previr a violencia de xénero en adolescentes (duración 3:00)


Como sería o mundo se se puidese ter un xuíz observando e corrixise as condutas tóxicas antes de que xurdisen? Como serían as relacións se alguén nos advertise de que podemos cambiar o que non nos gusta? Isto é o que lles sucede a estes rapaces e rapazas, atallan as condutas violentas, invasivas ou de control que non son apropiadas e atentan contra a liberdade e integridade.


Ao final da sesión, o alumnado terá que votar en tres categorías: a curta máis impactante para eles e elas, a que consideran que transmite mellor a súa mensaxe e a que consideran máis reivindicativa. En próximas entradas poñeremos o resultado e verémolos en acción no debate que se abrirá logo do visionado das curtas. Estade atent@s!

Temos as entradas repartidas!



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradecemos todos os comentarios, só un apuntamento, non os deixes de xeito anónimo e sé educado e construtivo!