Desde o equipo da biblioteca desexámosvos un moi feliz 2023 cheo de lecturas. Aquí van unhas cantas recomendacións:
04 xullo 2023
Presentación Hijos de York de Cristina Mourón
O venres 30 de xuño ás 18 h presentouse a triloxía de Hijos de York no auditorio de Malpica, un acto cheo de frescura e emoción no que Cristina Mourón, profesora da Universidade de Santiago, nos explicou que a levou a escribir esta obra. Anunciou que haberá máis obras súas, unha na que homenaxea o seu avó, natural de Buño.
Logotipo radio escolar
Tamén na gala se deu a coñecer o logotipo gañador para a nosa radio escolar. A vencedora foi Alma Shurink de 1º B. Tamén se lles concedeu un premio a todos os participantes neste concurso.
Parabéns!
Premio para as voluntarias da biblioteca
Na gala de final de curso premiamos moi merecidamente a Pino, Irene e Patricia, de 4º A e 4º B pola súa grande labor realizada durante este curso.
Grazas a vós puidemos abrir a biblioteca durante todos os recreos. Axudastes en todo o que se vos pediu, dende montar unha exposición como organizar as maletas viaxeiras polas aulas como no manexo de MEIGA.
Sorte na nosa nova etapa educativa!
Teatro na gala de final de curso
O martes 20 de xuño fomos testemuñas do talento artístico que hai no noso instituto. As dúas pezas teatrais representadas xurdiron do plan lector de centro deste curso escolar, dúas versións moi libres de A rateira de Agatha Christie protagonizada polo Yeray, María, Alma, Pablo, Alejandro, lker e Daniela de 1º B, e Tres sombreiros de copa de Miguel Mihura interpretada polo alumnos de 4º B e de 4º A.
Parabéns polo voso marabilloso traballo!
31 maio 2023
Mesas novas
Esta semana chegáronos catro mesas novas para a biblioteca procedente da Consellería de Eduación, que veñen con rodas e son pregables. Son moito máis manexables e operativas que as antigas.
Tamén en breve comezaremos co abrillantamento do chan.
Pouquiño a pouco imos renovando a nosa biblioteca, xa moi fermosa de por si.
Encontro con María Rei Vilas
Onte martes tivemos na biblioteca municipal o club de lectura e encontro literario con María Rei Vilas, quen nos falou da súa marabillosa novela Flores de ferro.
Antes, a modo de roteiro literario, fomos desde o centro da nosa vila ata perto de Santo Hadrián, para contemplar o mar, que ben puidera ser o de Briana co seu "azul cincento" mencionado tantas veces na obra.
Contamos nesta ocasión coa presenza dos clubs de lectura do CPI de Cabana de Bergantiños, que viñeron acompañados da súa profesora Carolina, integrantes do club de lectura de Carballo Aquelarre e público xeral de Malpica.
Ao final gozamos dunha chocolatada con pan de ovo, convite da consellería de Cultura do concello de Malpica. O noso agradecemento tamén á ANPA "Orxeira" quen nos axuda sempre en todo o que lle pedimos.
Foi un peche de ouro para os nosos club de lectura deste curso 2022-23!
16 maio 2023
Comedias clásicas coa compañía Condetrespés
Club de lectura
O luns 8 de maio tivemos o noso club de lectura coas alumnas de 1º de ESO, a quen lle agradecemos a súa sempre boa predisposición. Nesta ocasión intercambiamos as opinións sobre a novela E Xoel aprendeu a voar de Marica Ocampo.

.png)



















































