Onte á tarde tivemos o privilexio de recibir a Antía Yáñez cun faladoiro sobre dúas das súas obras coas que o noso alumnado gozou recentemente: O misterio de Portomarín e O misteiro do torque de Burela. Poder coñecer en persoa e interactuar ao vivo coa autora engadiulle un grande valor á nosa experiencia lectora e a rapazada conectou con Antía ao instante. Esperamos poder contactar con ela nos próximos anos con novas lecturas. Velaquí un par de imaxes do encontro, atoparedes un saúdo especial da escritora burelá no post do noso Instagram.
12 maio 2026
08 maio 2026
Expo Carvalho Calero
Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) foi o escritor homenaxeado do Día das Letras Galegas do ano 2020. Representa unha das figuras máis importantes da cultura galega do século XX pola súa contribución ao estudo da literatura galega, por ser o primeiro profesor e catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega e pola influencia que atinxiron as súas ideas sobre o noso idioma.
A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña programou diferentes actividades para celebrar a figura de Carvalho Calero, mais algunhas delas foron adiadas pola situación da alarma sanitaria provocada pola covid-19. Chega agora ao noso centro esta exposición para recordar a unha das figuras máis influíntes da nosa lingua.
06 maio 2026
De Circe a Morgana
A Secretaría Xeral de Lingua envíanos a proposta De Circe a Morgana do IES Castelao de Vigo para darlle visibilidadde ao proxecto dunha muller transcendental no noso universo lingüístico e literario, pois a súa é uha escrita orixinal elaborada dende o feminismo, nas que nos ofrece outra perspectiva dos mitos clásicos e nos conida a abrir espazos de liberdade e reflexión colectiva como sociedade. Esperamos que gocedes do material!
30 abril 2026
M8 POR LER
Sabías que só o 8% dos libros que se venden en Galicia son na nosa lingua? Para cambiar esta cifra e facer que a lectura sexa algo moito máis divertido e compartido, naceu M8porler, unha plataforma que é moito máis ca unha simple web: é a primeira rede social do libro en galego.
Que podes facer en M8porler?
Se che gusta organizar as túas series ou películas en apps, isto vaiche encantar. En M8porler podes:
- Crear a túa propia biblioteca virtual: Marca os libros que xa liches, os que estás ler agora e, sobre todo, os que queres ler no futuro.
- Descubrir novidades: Atopa miles de títulos en galego de todos os estilos (cómic, novela, poesía, ensaio...).
- Ser crítico/a literario/a: Podes puntuar con estrelas os libros e escribir a túa propia opinión para axudar a outros lectores a decidirse.
- Conectar coa comunidade: Segue a autores, editoras e outros lectores (¡coma os teus amigos do cole!) para ver que están recomendando.
Ler non ten por que ser unha actividade solitaria. Grazas a esta iniciativa da Fundación Cultural Galega Xistral, agora temos un espazo propio onde o libro galego é o protagonista. É unha oportunidade xenial para descubrir historias que se cadra non coñecías e para demostrar que a mocidade tamén le (e moito) en galego.
Anímaste a crear o teu perfil? Pásate pola web, busca o teu libro favorito e localiza o perfil da biblioteca do centro. Vémonos entre as páxinas de m8porler.gal!
29 abril 2026
#XCL26
Deixámosvos por aquí a ligazón ao post de Instagram coa mostra do noso paso pola XVIII Xornada de Clubs de Lectura!
27 abril 2026
Eis as biblioaxudantes!
Velaquí temos a dúas das nosas biblioaxudantes na cautivadora tarefa de etiquetas o noso fondo. Este ano migramos a un novo programa de xestión do fondo e, con tal mudanza, foi preciso modernizar a catalogación a todos os niveis. Iso implicou, entre outras cousas, ir reetiquetando cada un dos nosos volumes, para o que contamos coa colaboración de alumnado e EABE.
En breves esperamos rematar con este obxectivos para seguir modernizádonos!
24 abril 2026
Novas incorporacións ao fondo!
Algunhas cousiñas saídas do prelo en proceso de catalogación:
- Na parte inferior tedes o exemplar mensual do Papagaio
- Os catro volumes na parte superior foron agasallo do Concello de Malpica con motivo do Día do Libro
- Entre o resto de novidades atoparedes temas moi diversos: neurodiverxencia, narrativa xuvenil, banda deseñada e a colección completa editada por Sushi Books das traducións ao galego das novelas de David Walliams.
Nova exposición: «Rosalía de Castro. Proclamar ao mundo que Galiza existe.»
Xa temos aquí unha nova exposición dedicada a Rosalía de Castro cedida pola Sección de Normalización da Deputación da Coruña.
Esquecede eses retratos serios de sempre! Esta mostra está pensada por e para vós, cunha ollada moderna sobre a muller que se atreveu a darlle voz á nosa lingua cando ninguén o facía. Entre poemas e ilustracións, poderedes descubrir á Rosalía máis rebelde e actual.
Vémonos entre os seus libros!
23 abril 2026
Dereitos de Autor e ALFIN/AMI: un mundo por descubrir
Adoitamos esquecer que o 23 de abril non é só o Día do Libro, senón tamén do Dereito de Autor, tema do que estivemos falando e que semella tan aburrido ata que alguén usa a túa foto sen permiso ou che borran o vídeo favorito de TikTok por copyright.
Metémonos de cheo no mundo da ALFIN/AMI (Alfabetización Informacional e Multimodal), porque saber buscar en Google está ben, pero saber que podes usar, como citalo e como protexer o que ti mesmo creas... iso é subir de nivel!
Aprendemos a distinguir entre unha licenza Copyright de toda a vida e as Creative Commons (esas que nos deixan compartir e crear comunidade con sentidiño).
Grazas ao alumnado de 4.º pola vosa participación. Agora xa sabedes: antes de facer un "copia e pega", lembrade que detrás de cada obra hai un autor que merece o seu crédito.
Respectar a creación é facer que a cultura siga viva!
Obradoiro do Día do Libro
Hoxe a biblioteca transformouse nunha auténtica factoría de historias. Celebramos un obradoiro espectacular onde o alumnado se converteu en editor e autor por un día co reto definitivo: crear o bestseller que a eles mesmos lles gustaría ler. Nada de historias impostas nin clásicos obrigatorios. Aquí o que mandaba era a vosa imaxinación! Saíron tramas de fantasía épica, thrillers que quitan o alento e romances dos que non podes soltar. Entre cafés (imaxinarios!) e moitos borradores, demostrastes que o talento non ten límites e que, ás veces, o libro que tanto buscas na estantería está gardado na túa cabeza.
Grazas a todos os que participastes por regalarnos ese anaco de creatividade. Quen sabe? Quizais o vindeiro fenómeno literario mundial naceu hoxe nun recreo da nosa biblio. 🌟📚


.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
















