20 novembro 2025

Lecturas científicas para o mes da ciencia

Como xa vos avisamos polo Insta, renovamos as lecturas propostas aproveitando o mes da ciencia en galego nas bibliotecas. Entre elas atoparedes narrativa (Proxecto Bolboreta de Andrea Maceiras ou O curioso incidente do can á medianoite de Mark Haddon) e, principalmente, divulgación científica. Os seguintes títulos están dentro da colección de Xerais Básicos Ciencia:

  • Cóntame un conto cuántico
  • O universo matemático
  • Historia do ADN,
  • Bocados matemáticos
  • Unha mente que voa

Ademais, están á vosa disposición guías de campo para as vosas saídas, pero correde que algúns dos exemplares anteriores xa están emprestados! Nos próximos días anunciaremos máis celebracións desta efeméride.








19 novembro 2025

Gañadores do concurso de relatos de Samaín

 Presentámosvos aos gañadores dos premios do concurso de relatos de Samaín:

  • Sofía Alfeirán, 1.º premio por A folga interminable
  • Francisco Villaverde, accésit por Buffy's
Grazas a todo o alumnado participante. Non será o último certame do ano así que animádevos a entregar os vosos orixinais no seguinte, os próximos premiados podedes ser vós!





18 novembro 2025

Obradoiro de banda deseñada na biblio

Onte tivemos o pracer de recibir á ilustradora Julia Lago, quen impartiu un obradoiro de banda deseñada para todo o alumnado de 2.º da ESO. A actividade enmárcase nos esforzos desde trimestre por dar a coñecer o mundo do cómic para potencias, non simplemente a lectura, senón as alfabetizacións múltiples dentro dos conceptos ALFIN - AMI. Como poderedes ver nas imaxes, en Malpica hai canteira!



Viñetas do alumnado
Creatividade en acción!








17 novembro 2025

Segunda sesión do club de lectura

 


Hoxe houbo unha nova sesión do club de lectura. Leremos O misterio do torque  de Burela, de Antía Yáñez, que xa nos deu para falar de misterio, aventuras, a provincia de Lugo e os tesouros que se conservan dos antepasados. O señor das moscas deunos para debater sobre a liberdade, a bondade, o liderado, como sería unha sociedade ideal… e do simbolismo, da filosofía… buf! Isto vai dar moito de si!











03 novembro 2025

🧛🧟Apoteose de Samaín👻🎃

 Deixámosvos nesta entrada algunhas instantáneas do recreo do pasado venres ultimando detalles da decoración que quedou na biblio para o Samín, a culminación dunha semana que comezou co Magosto do luns á tarde e na que espantamos demos, trasnos e diaños coas nosas lecturas. No noso perfil de Instagram atoparedes tamén unha pequena montaxe co noso alumnado en acción!











29 outubro 2025

Brazaletes

O alumnado de terceiro e cuarto asistiu o pasado luns no Centro Cívico á peza de teatro Brazaletes, unha proposta de AMORODIO Teatro á que puidemos asistir grazas á Deputación da Coruña e ao Concello de Malpica. Queremos agradecer tamén á empresa de transportes Pedro Pombo que nos facilitase o traslado.









27 outubro 2025

Horarios e plans de futuro

Non sen certa demora, publicamos os cartaces informativos que atoparedes no centro cos detalles do horario de atención presencial na biblioteca xunto coa distribución da hora de ler.

Ademais, a Consellería publicou recentemente as  instrucións para o deseño, elaboración e implementación do Plan de Lectura, Escritura e Acceso á información, un ambicioso documento que estruturará moitas das actuacións da biblioteca para os próximos anos.

Como sempre, manterémosvos informadxs a través deste blog e do noso perfil en Instagram!








26 outubro 2025

Día das Bibliotecas 2025

Deixámosvos por aquí os recursos relacionados coa actividade do pasado 24 de outubro para celebrar o día das bibliotecas. Alén dos cartaces que xa coñecedes e puidestes ver na propia biblioteca, incluímos unha das fotos tomadas durante a charla que impartiu César Rodríguez para ser retransmitida e gravada, xunto con varias ligazóns:

Esperamos que teñades gozado da ocasión!



Atención máxima durante o riguroso directo!

22 outubro 2025

Obradoiro de teatro 🎭

O pasado 1 de outubro tivo lugar na biblio un obradoiro de teatro para animar á rapazada a participar no grupo que se reúne semanalmente no centro cívico de Malpica. Estivo a cargo de Mario, o responsable de dita agrupación, que desenvolveu varias dinámicas con todos os grupos do centro. Deixámosvos un par de imaxes como mostra do talento dramático que hai entre o noso alumnado.





16 outubro 2025

Recomendacións polo Día das Escritoras

 O pasado luns 13 de outubro celebrouse o Día das Escritoras. Esta décima edición celébrase este ano baixo o lema «1975: Escribide, compañeiras!». Nas verbas de Anna Caballé, a comisaria da celebración este ano:

As escritoras activas ao redor de 1975 reflicten en moitas das súas obras o desexo dun cambio profundo e radical nas vidas das mulleres, denuncian a falta de liberdade e de autonomía, dan testemuño do que ocorre fóra de España, esixen unha nova orde amorosa e un cambio nas leis que as veu marxinando durante o franquismo.

Para máis información sobre as orixes desta efeméride, suxerímosvos visitar esta ligazón da Asesoría de Bibliotecas Escolares.





No centro, aproveitamos o día para falar das orixes desta data sinalada e ler parte da escolma que tamén poderedes atopar na web anterior. 



Na biblioteca atoparedes unha pequena selección de obras escritas por mulleres incluídas na selección que mencionamos xunto con algunhas das últimas adquisicións que fixemos.



Temos exemplos de comic poético (O puño e a letra de Yolanda Castaño), un clásico da narrativa galega (Anagnórise de María Victoria Moreno) e a recente gañadora do Premio Jules Verne (O corvo sobre a neve de Andrea Maceiras), pasando por novelas coñecidas da literatura en lingua inglesa en traducións ao galego (Sempre vivimos no castelo de Shirley Jackson; Un feiticeiro de Terramar de Ursula K. Le Guin).

Agardámosvos na biblio para gozar xuntas destas lecturas!