17 outubro 2022

Encontro con Inma López Silva

O vindeiro 17 de novembro teremos na biblioteca o encontro con Inma López Silva ás 10.25 h. Ademais de profesora de Teoría Teatral na Escola Superior de Arte Dramática, é novelista e ensaísta. 

Acude ao noso centro a través do programa "Por qué leer a los clásicos" do Ministerio de Educación e Cultura e falará das diferentes Rosalías no teatro galego contemporáneo. Aquí tedes o cartaz, que veredes exposto á entrada do instituto e tamén da biblioteca. 
















09 outubro 2022

Día das Escritoras

 



Este ano celebrarase o luns 17 de outubro e o lema elixido é "Antes, durante e despois da guerra". Desde a biblioteca Manuel María daremos visibilidade a aquelas escritoras galegas que por algún motivo tiveron que loitar para que a súa voz sexa escoitada.

O xoves 13, os alumnos de 4º de ESO terán a oportunidade de visitar a exposición da actriz galega María Casares na Coruña. A partir de aí leremos unha pasaxe da súa obra.
Había unha vez unha guerra. Despois da guerra, quedamos sen fogar. "Non importa", dixo a miña nai. "Temos un coche". Fomos vivir no coche. Desde entón, vivir era viaxar. Paula Carballeira, O principio (Kalandraka, 2012)Como vos anunciamos, puidemos ler fragmentos das memorias de María Casares Residente Privilexiada , aproveitando a visita a Casa-Museo Casares Quiroga da Coruña o xoves 13 de outubro. Paula Añón e Martín Cancela foron os encargados de darlle voz fronte ao seu retrato.




O propio día 17 recitamos en diferentes formatos, ben con audios ben con lecturas en diferentes partes do instituto, concedéndolle o protagonismo á escrita en galego. Grazas aos nosos recitadores e recitadoras! 



































Ismael Ramos, Premio Nacional de Poesía Joven 2022

Desde o equipo de biblioteca Manuel María queremos felicitar ao poeta Ismael Ramos polo Premio Nacional de Poesía Joven 2022 "Miguel Hernández", outorgado polo Ministerio de Cultura e Deporte, á súa obra Lixeiro. A primeira versión deuna a coñecer Galaxia e publicouse despois en castelán na editorial La Bella Varsovia.

Un recoñecemento máis á poesía escrita en galego, despois do recibido por Olga Novo no 2020 por Feliz Idade. Parabéns! 

(Xa dispoñible desde o venres, 4 de novembro, na sección de poesía galega)





De setembro a outubro


De setembro a outubro


Ao londo do mes de setembro foise formando o equipo de biblioteca, creando os novos carnés dos novos integrantes. Tamén se incorporaron ao equipo de voluntariado os novos alumnos e alumnas, que terán tarefiñas moi puntuais e enriquecedoras. Benvidos!





Están xa os horarios nas aulas coas sesións de “Hora de ler”. Ademais, tedes dispoñibles nas de 1º e 2º de ESO os volumes das maletas viaxeiras procedentes do servizo de asesoría de bibliotecas, Banda Deseñada e Portugués, incoporando así moitas novidades editoriais para que teñades máis variedade. 

O día 5 chegou ao noso instituto a exposición “Manuel María” da Casa-Museo Manuel María en Palas de Rei, e somos o primeiro centro educativo de Galicia en recibila neste 2022-23. Desexámoslle unha longa singradura este curso! Con ela conmemoraremos ao longo do mes de outubro o día das bibliotecas.

Queredes saber en que momento se decidiu o nome da nosa biblioteca? Sabiades que Manuel María acudiu á inauguración do IES e da biblioteca? Teremos concursos, recitais de poemas, club de lectura e moitas outras actividades.

Deica a vindeira entrada!



24 setembro 2022

Aló imos!

O venres chegaron dúas maletas viaxeiras cheíñas de libros de portugués e de novela gráfica recén creadas para vós na asesoría de bibliotecas, as que figuran non cartaz.


Así que o luns o alumnado voluntario xa terá unha tarefa importante, distribuír os libros nas diferentes aulas. Deixaremos un carteliño ben vistoso no que lle recordaremos a todo o profesorado a hora de ler co tempo. Credes que funcionará? 


A placa identificativa do alumnado voluntario

A lenda que se verá nas bibliotecas de aula



15 setembro 2022

Comezamos o curso 2022-23!

Benvidas e benvidos ao curso 2022-23! 

Despois do tempo de lecer, é o turno de voltar ás aulas e, como non, de converter a biblioteca Manuel María nun espazo activo! Estes días chegáronos uns exemplares da concellería de Educación, cultura, patrimonio e deportes do concello de Malpica, amosando o talento e bo facer que hai na zona. Moitas grazas! 

Xa estamos artellando actividades para o curso e facendo as xestións necesarias para ter cantas máis actividades mellor. Sabiades que estamos na procura de voluntariado? Semella que haberá clubes de lectura de mozos e mozas, pais e nais... Estamos tamén pedindo exposicións, visitas de autores e especialistas para este 2022-23. 

Aló imos!


 

15 xuño 2022

DESPEDÍNDONOS E (RE)RECOMENDANDO

Ás nosas redes viñeron parar unhas mareas ben xeitosas. Como boa vila mariñeira, que mellor que despedírmonos do curso tecendo redes, de xeito metafórico, pero halando as redes tamén de xeito real. O verán, non cansamos de dicilo, é un período fantástico para mergullarse nas lecturas que nos prestan, naquelas que non están no plan lector, aquelas que nos quitan o sono, nos poñen os pelos de punta, nos namoran, nos mergullan nas historias ata facernos perder o sentido do tempo e do espazo...

Non deixedes de ler, pasade un bo verán!










14 xuño 2022

OS LIBROS SON (TAMÉN) PARA O VERÁN...

Xa están aquí algunhas das nosas recomendacións lectoras para este verán, porque unha sombriña e un bo libro, coas ondas e a brisiña do mar... non hai mellor plan!

Como sabemos que o verán é momento de lectura lixeira, que te atrape, que te traslade a outro universo, que che fale do amor, das amizades, das experiencias... fixemos unha selección un pouco con esa intención. Agardamos que vos guste, que leades algunha das propostas e que á volta nos contedes o que vos pareceron.

Picade AQUÍ para acceder ao texto en pdf, que poderedes inspeccionar con máis detemento.




RECOLLIDA DAS BIBLIOS DE AULA

O mes de xuño é de despedidas, recollidas e reflexións variadas. O traballo que non se ve tamén existe... dá mágoa comezar a recoller as biblios de aula, pero para o curso que vén volveremos poñelas ao dispor e, con algo de sorte, poderemos poñer algún puntiño de lectura máis.

Traballaremos con esa ilusión.