martes, 9 de abril de 2024

Club de lectura de nais

O luns 8 de abril tivemos unha sesión de club de lectura dobre con María Jesús e Sonia. Intercambiamos opinións sobre dúas obras literarias que tratan dos personaxes femininos destacados e que se recuperan da memoria para darlles visibilidade: As malas mulleres, de Marilar Aleixandre, a lectura do mes de marzo, e As alumnas, de Paula Carballeira. 

As malas mulleres, de Marilar Aleixandre, pareceunos unha novela complexa e densa, moi próxima ao ensaio. Nela, a autora recupera a memoria da cidade da Coruña na que se fala do cárcere que houbo na cidade. Recupera como personaxes literarios a Juana de Vega e Concepción Arenal. Só Sisca é un personaxe ficcional. 

Mellor acollida tivo As alumnas de Paula Carballeira, porque recupera unha memoria histórica non alonxada. As dúas alumnas reencóntranse no enterro da súa mestra, María Barbeito, docente á que lle abriron un expediente a alonxaron da súa profesión, por ser demasiado avanzada ao seu tempo. Moitas das pasaxes levounos a reflexionar sobre a liberdade da muller no ensino e no fogar. 

Esta lectura levounos a revisar as enciclopedias arquivadas nos fondos históricos da nosa biblioteca, do antigo colexio de Beo-Seaia, para ver o ensino cívico-moral que lle ofrecían ás alumnas durante a década dos 40 e 50 do século pasado. As bonecas eran necesarias para realizar prácticas de puericultura para o bo coidado dos fillos. 




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradecemos todos os comentarios, só un apuntamento, non os deixes de xeito anónimo e sé educado e construtivo!