domingo, 12 de febreiro de 2023

Logo e nome da radio

O luns 13 de febreiro será o Día Mundial da Radio e para conmemoralo abrimos un prazo para buscar o nome e o logotipo da radio do centro. Animádevos a participar inspirándovos en Malpica e na súa contorna así como en Urbano Lugrís ou en Manuel María. 

Tedes de prazo ata o luns 27 de febreiro. Grazas pola vosa participación! 







luns, 6 de febreiro de 2023

Club de lectura

O luns 6 de febreiro tivemos o noso club de lectura coas alumnas de 1º de ESO. Dentro da nosa operación de rescate quixemos recuperar unha das novelas de ambientación histórica escritas por María Isabel Molina: De Victoria para Alejandra. Valoramos positivamente esa loita da protagonista por atoparse entre dous mundos tan diferentes. Deunos tempo a deseñar unha cartoliña coas palabras chave, baixar á radio e intercambiar as nosas opinións.

Animámosvos a participar no club así como a ler outras novelas históricas desta autora, pois ten a virtude de transmitir a maxia de certos episodios históricos universais. 

















Club de lectura de familias

O luns 30 de xaneiro tivemos o club de lectura de familias de 18 a 19 h centrado principalmente na novidade editorial Obra maestra de Juan Tallón. Salientamos o reto e desafío co que naceu esta novela, situada no límite da non-ficción e a ficción. Quizais esta particularidade foi a que nos levou a moitos de nós a considerala unha obra densa e complexa. Que ocorreu para que desaparecese a obra de arte de máis de trinta toneladas feita por Richard Serra e que ata a data non se saiba nada dela? Curiosamente, estes días comentábase nas novas que o director do Museo Reina Sofía non continuaba ao frente do museo... 

Moito mellor parada saiu a súa novela anterior, Rewind, a que se acaba de traducir ao galego. Esta obra explora o ocurrido tras unha extraña explosión nun edificio en Lyon na que morreron catro estudantes. Existe a posibilidade de rebobinar ou lóitase por sobrevivir malia a dor? Esta considerámola obra mestra da narrativa actual e polo tanto queda incorporada ao noso catálogo. 







Taller de radio no Día da Paz

 O luns 30 de xaneiro tivemos o taller de radio con Rosalía Fernández Rial. Na primeira sesión, Asier, Manuel, Brais Costa, Brais Pombo, entre outros, de 3ºA, ofreceron unha tertulia deportiva na que falaron das ligas locais e internacionais. O luns13 de febreiro participarán en Radio Voz Bergantiños. 

Na segunda parte, o alumnado de 4º A e 4º B para conmemorar o Día da Paz recitaron varios textos, entre eles, algún de Manuel María. 

Parabéns a todas e a todos pola vosa aportación! 

























sábado, 28 de xaneiro de 2023

Exposición sobre Valle-Inclán

Desde o mércores 25 de xaneiro ata o 15 de febreiro poderedes gozar da exposición "Outros verbos, novas lecturas. Valle-Inclán traducido (1906-1936)" do Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela), que comeza o recorrido por varios centros educativos da Costa da Morte. Malpica incorpórase a un longo listado polos que xa estivo esta exposición itinerante (Buenos Aires, Roma, Barcelona, Madrid...). 

Grazas ao equipo de voluntarias e voluntarios da biblioteca e a todos os que axudastes a carrexar os paneis e montalos sobre as estruturas de madeira. Vaia tamén o noso agradecemento para Clara, profesora do departamento de Tecnoloxía, pola súa axuda na loxística de montaxe. 

Os alumnos e alumnas de segundo da ESO crearon a partir da exposición poemas e debuxos inspirándose na figura do autor galego. 

Dentro das novas adquisicións, incorporamos unha banda deseñada na que se recolle a biografía de Valle-Inclán. 
































Club de lectura

O luns 23 de xaneiro tivemos o noso primeiro club de lectura do segundo trimestre co  alumnado de 1° da ESO. Compartimos as nosas reflexións sobre a novela Cicuta para dous de Rocío Leira, unha obra que mestura a intriga e a filosofía, e que foi a gañadora do XIV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, de Editorial Xerais. 

A trama sitúase en Santiago de Compostela e ten como protagonista a Erundino Terrón, quen conta coa axuda da súa secretaria, Irma...

Salientamos a aprendizaxe de filosofía clásica que hai nela a través da trama detectivesca. A partir de aí comezan as investigacións dunha trama ambientada en Santiago de Compostela e que ten como protagonista a Erundino Terrón, que conta coa axuda da súa secretaria, Irma.



O luns 30 teremos o de familias centrado na novela Obra maestra de Juan Tallón.