venres, 15 de outubro de 2021
martes, 12 de outubro de 2021
Reunión do Club de Lectura
O venres 16 os membros do Club de Lectura reunirémonos para recoller os nosos volumes e fixar a data da primeira reunión. Porque... por fin chegaron os Manga que nos faltaban para comezar a rodar!
Esperamos que pasedes todos e todas pola biblioteca para volver xuntarnos, explicar as dinámicas que trazaremos e comezar a ler e a organizar os pequenos obradoiros que xurdirán das obras propostas.
O traballo de selección quedou feito, agora a gozar da lectura!
xoves, 7 de outubro de 2021
FANZINE - RIP MALPICA
A portada nos seus inicios... |
O fanzine xa se está materializando e estes días andamos a voltas con el. A verdade é que temos un alumnado que é unha canteira de ideas! Como a temática é o medo, xa hai por aí historias de medo, poemas de terror, entrevistas que botan para atrás... pero moito máis: playlist para vivir o Samaín e o Alén, moda zombie para vir ao insti, frases míticas de profes que paralizan a calquera...
Non imos adiantar nada ata que teñamos todo o material dixitalizado, pero este ano se cadra acabamos retomando algunha revista trimestral porque moita cousa estamos xuntando!
Animamos a todo o alumnado a que participe, pode facelo enviando unha folla dixitalizada coa súa achega ou entregar o orixinal para que nós o dixitalicemos. O caso é sumar! Tamén animamos o profesorado que queira colaborar a que faga o mesmo, RIP Malpica somos todos.
BIBLIOTECAS DE AULA PARA A HORA DE LER
Como se renovarán periodicamente, aceptamos suxestións, xa sabedes, comunicádelles os vosos gustos aos axudantes da biblio, aos profes colaboradores da biblio ou deixádelas na caixa de suxestións que haberá na sala da biblioteca.
martes, 5 de outubro de 2021
MES DE OUTUBRO - MES DO MEDO
Este mes de outubro sempre o comezamos forte pola biblioteca. Despois da formación de novos usuarios, de axudantes de biblioteca e de xuntar os e as interesados no Club de lectura sempre xorden dinámicas semellantes. O que lles gusta da biblioteca é a liberdade.
Valoran as seccións temáticas, que haxa banda deseñada, cómics e manga, a sección de Igualdade e LGBTIQ+ e poder acceder libremente aos textos.
E o medo. O paso dos contos de medo para non ter medo (os lobos bos, os monstros que non o son, o home do saco riquiño...) ás historias de misterio, novelas policiais, crimes sen resolver, literatura oral que che pon os pelos de punta...
Así que decidimos darlles pola corda e festexar o medo, o misterio, o ambiente escuro... ademais, é o mes do Samaín, importante na nosa cultura, así que aló imos.
Temos en proceso unha exposición na que están/estamos traballando, de novela de medo e misterio; unha convocatoria de microrrelato; un concurso de seres terroríficos que veñen da reciclaxe; unha decoración monstruosa; un fanzine a moitas mans e ata un cemiterio ortográfico.
Iremos informando por aquí, seguro que teremos axiña moito que vos mostrar! Viva o medo!
BASES PARA O PREMIO DE MICRORRELATO
venres, 1 de outubro de 2021
FORMACIÓN NOVOS USUARIOS E USUARIAS
O día 8 os rapaces e as rapazas de 1º ESO virán á biblioteca para facer a súa formación. Estamos traballando nun pequeno xogo que nos deixe ver o que xa saben (que estamos seguras de que é moito) e intentaremos orientalos nos cambios que supón unha biblioteca de Primaria e unha de Secundaria. Moitos nenos e nenas xa están bastante emocionados coa nosa sección de igualdade, coas novidades e, sobre todo, coa sección de Manga, que este ano está arrasando e provocou que moitos e moitas se anotasen no Club de Lectura de Manga, que botará a rodar en breve.
Benvidos e benvidas, estamos desexando tervos pola sala coma peixes no estanque!
AXUDANTES DA BIBLIOTECA
O día 6 os novos e novas axudantes da biblioteca recibirán a súa formación para poder traballar na biblio desde a próxima semana.
Estamos moi contentas porque conseguimos un grupo ben xeitosiño e animoso que seguro que nos dará moitas alegrías á hora de contribuír na boa marcha da sala, das actividades que dinamizamos e nos labores máis propios de organización.
Benvidos e benvidas, xa sodes parte da familia da biblioteca! Confiamos no voso criterio e na vosa responsabilidade!