29 xaneiro 2026

Novo obradoiro na radio

O luns 26 de xaneiro tivemos a sorte de volver contar con Mario, o profesor da aula de teatro de Malpica. Nesta ocasión impartiu a segunda sesión de dicción e dobraxe ao alumnado do taller de radio de 1º e 2º da ESO. Aprendemos a modular a voz dun xeito ameno e entretido. Todo un luxo!






22 xaneiro 2026

Recomendacións para o trimestre

Como sabedes, o Día das Letras Galegas este ano está dedicado a Begoña Caamaño. Figura polifacética, escribiu dúas novelas nas que tomou elementos da mitoloxía clásica (Circe ou o pracer do azul) ou o ciclo artúrico na súa obra máis coñecida e premiada (Morgana en Esmelle) cunha perspectiva feminista.

Se ben falaremos nos próximos meses da autora máis polo miúdo, acabamos de preparar unha selección de lecturas inspiradas nese territorio transitado por Caamaño onde se misturan temas míticos, feminismo e outras inquedanzas actuais.

Na fotografía podedes apreciar na escolma lecturas moi variadas:

  • Poesía: Na noite estrelecida, onde o ciclo artúrico toma forma en verso.
  • Non ficción: en Pequena mitoloxía de Galicia abandonamos materias tan lonxanas para a nosa terra e centrámonos en figuras máis coñecidas para o noso folclore
  • Banda deseñada: Belleza, unha reconversión dos contos de fadas habilmente actualizada
  • Materia da Bretaña: de Merlín e familia até Irmán Rei Artur, a literatura galega afondou no tratamento das historias inspiradas nas terras de Camelot
  • Escollas eclécticas: non están ausentes clásicos máis ou menos modernos do xénero, quer da literatura fantástica en sentido máis estricto, quer de libros máis cercanos á ciencia ficción máis especulativa ou revisión de temas mitolóxicos como A cabeza de Medusa ou Contos e lendas dos países celtas
Desexámosvos unhas boas lecturas para os vindeiros meses!




14 xaneiro 2026

Obradoiro exlibris

 Este luns tivemos un incrible obradoiro de exlibris con Isa Bermúdez. O que inicialmente tiña sido pensado para un grupo reducido do club de lectura, abrímolo a alumando interesado de todo o centro e comprácenos dicir que foi todo un éxito.

Os exlibris son selos que se estampan nos libros onde adoitaba constar a quen pertencían. Durante a actividade, deixamos voar a nosa imaxinación e, fóra de limitarnos a facer carimbos con simples nomes, puidemos ver de todo! Velaquí unha pequena mostra da que poderedes ver máis no post de Instagram.







09 xaneiro 2026

Estreamos Goodreads!

Xa estabamos tardando, pero por fin estamos en Goodreads! Para quen non estea familiarizado coa plataforma, é unha comunidade de catalogación de lecturas cun compoñente social, ou sexa, a páxina permítenos listar libros que queremos ler, xa limos ou estamos lendo, coa posibilidade de compartilas con outras persoas. Este é o noso perfil e deixamos tamén a nosa participación no reto lector para o ano, ao que iremos engadindo obras traballadas no club de lectura, novidades e baldas temáticas de recomendacións. Boas lecturas!




08 xaneiro 2026

Maleta viaxeira de banda deseñada

Retomamos a actividade estreando a maleta viaxeira cedida en préstamo pola Asesoría de Bibliotecas Escolares. Durante un breve pero intenso período poderemos gozar de novas lecturas, algunhas delas coñecidas, xunto con novidades que entroncan coas temáticas tratadas durante o primeiro trimestre. Aproveitade mentres están dispoñíbeis!