27 marzo 2026
FALEMOS + GALEGO
Club de lectura de docentes
Nova xuntanza do club de lectura de profesorado, onde nos centramos en Yeguas exhaustas de Bibiana Collado Cabrera, cuxa contido resoa na experiencia de moitísimas mulleres adquirindo o carácter de biografía xeracional que terá eco durante as próximas décadas.
06 marzo 2026
#EPLAMBE26
![]() |
| Quentando motores! |
![]() |
| Relatorio inaugural de Daniel Cassany |
04 marzo 2026
Obradoiros 8M
Hoxe tivemos á Asociación Visibles impartindo varios obradoiros de igualdade e educación afectiva a todos os grupos do centro no marco da celebración do 8M. A actividade, conxuntamente organizada dende o departamento de Orientación e a biblioteca, contou co apoio do concello de Malpica, ao que enviamos o noso agradecemento.
27 febreiro 2026
23 de febreiro - Día de Rosalía
O día de Rosalía non podiamos deixalo pasar sen traballar a figura da nosa autora de referencia.
Rapaces e rapazas achegáronse á súa figura desde diferentes perspectivas e dun xeito máis lúdico, por unha banda, e máis reflexivo pola outra.
Os grupos de 1º de ESO revisaron a bibliografía para atopar os versos que máis os convencían para formar un alfabeto rosaliano que temos exposto no corredor. Quedoulles ben xeitoso e os versos moi acaídos.
Podedes ver o resultado se clicades aquí.
Os grupos de 2º de ESO foron a fondo coas flores, un dos símbolos máis rosalianos e que aparecen esparexidas por toda a súa obra. Máis tarde seguro que aprenderán tamén a saber da súa relevancia simbólica, pero o primeiro paso está dado.
Se queredes botarlle un ollo, podedes facelo clicando aquí.
Por último, o grupo de 3º, que xa é experto en Rosalía porque é unha das autoras máis traballadas nas aulas de lingua e literatura, puxeron a escritora en contexto e intentaron ofrecernos unha imaxe cunha perspectiva moito máis madura e crítica. Rosalía non foi chorona, non foi feble, non se dedicou a cantarlles ás flores e ás pombas, senón que lle deu voz á opresión, á inxustiza, á desigualdade social, á política contemporánea...
Se queredes ver os seus carteis, que están tamén expostos no corredor do centro, podedes clicar aquí.
26 febreiro 2026
Actividade sobre edadismo
O noso centro foi seleccionado para levar a cabo un programa de sensibilización e prevención de condutas edadistas. O obxectivo do programa é promover unha visión positiva do envellecemento e previr actitudes discriminatorias cara as persoas maiores. O programa desenvolveuse con todo o alumnado da ESO este luns 23 de febreiro a través de xogos e dinámicas participativas.
19 febreiro 2026
Galego e RRSS
Hoxe na biblio tivemos unha charla con Borxa, de @orgullo.galego, que nos amosou o potencial da lingua nas RRSS e a proxección que alcanzan os e as creadoras de contido con máis seguidores en Galicia. Talvez por agora non sexamos creadores e creadoras, pero hai moito mundo por explorar en galego e as redes sociais son moooooooi extensas!
11 febreiro 2026
Novas adquisicións
Expoñemos as novas incorporacións ao fondo da biblio. Xa tiñamos mencionado anteriormente a obra de Begoña Caamaño, homenaxeada este ano co Día das Letras, e máis d'O misterio de Portomarín, da burelá Antía Yáñez.
A estes títulos engadimos dúas referencias para aquelxs máis interesadxs na tecnoloxía: Aprende robótica e electrónica educativa e Inventos, este útimo un compendio de curiosidades sobre as invencións máis interesantes da historia da humanidade. Tamén sumamos un clásico imperdible na súa tradución ao castelán, Matar a un ruiseñor de Harper Lee, do que xa contamos cunha adaptación en banda deseñada.
Por último, para os fans da historia, algo diferente con Historia de Galicia en 30 obxectos de David Gesteira e, sobre todo, Historia do fútbol feminino en Galicia. De Irene González a Vero Boquete de Héctor Pena. Coa cantidade de rapazas futbolistas na nosa canteria, estamos seguros de que será do voso interese!
03 febreiro 2026
Faladoiro de cultura anglófona
Onte acollemos na biblio a Johnny, representante de Burlington Books, para un pequeno faladoiro sobre Global English para o noso alumnado de 3.º e 4.º da ESO. Iniciativas coma esta nos permiten expandir horizontes, porque hai vida en inglés alén de Londres. Grazas a Johnny, aprendemos unha morea de cousas doutros países de fala inglesa, como podedes apreciar nas imaxes. We can't wait to have him again next year!
02 febreiro 2026
DENIP 🕊️
Este ano decidimos facer unha celebración do consabido día da paz dun xeito algo diferente. Co grupo de 3.º aproveitamos a hora de inglés para darlle un pouco de contexto á efeméride pero, nesta ocasión, na lingua da materia en que se fixo a actividade, como podedes comprobar nunha das imaxes.
Así, fixemos un pequeno percurso pola historia da conmemoración repasando figuras emblemáticas para comprender que hai vida alén das pombas os 30 de xaneiro. Para rematar, acabamos cunha pequena dinámica de grupo onde resolvemos os conflictos propostos cun pacifismo que non adoitamos ver nas partidas da Polilla Tramposa que se xogan na biblioteca!
29 xaneiro 2026
Novo obradoiro na radio
O luns 26 de xaneiro tivemos a sorte de volver contar con Mario, o profesor da aula de teatro de Malpica. Nesta ocasión impartiu a segunda sesión de dicción e dobraxe ao alumnado do taller de radio de 1º e 2º da ESO. Aprendemos a modular a voz dun xeito ameno e entretido. Todo un luxo!
22 xaneiro 2026
Recomendacións para o trimestre
Como sabedes, o Día das Letras Galegas este ano está dedicado a Begoña Caamaño. Figura polifacética, escribiu dúas novelas nas que tomou elementos da mitoloxía clásica (Circe ou o pracer do azul) ou o ciclo artúrico na súa obra máis coñecida e premiada (Morgana en Esmelle) cunha perspectiva feminista.
Se ben falaremos nos próximos meses da autora máis polo miúdo, acabamos de preparar unha selección de lecturas inspiradas nese territorio transitado por Caamaño onde se misturan temas míticos, feminismo e outras inquedanzas actuais.
Na fotografía podedes apreciar na escolma lecturas moi variadas:
- Poesía: Na noite estrelecida, onde o ciclo artúrico toma forma en verso.
- Non ficción: en Pequena mitoloxía de Galicia abandonamos materias tan lonxanas para a nosa terra e centrámonos en figuras máis coñecidas para o noso folclore
- Banda deseñada: Belleza, unha reconversión dos contos de fadas habilmente actualizada
- Materia da Bretaña: de Merlín e familia até Irmán Rei Artur, a literatura galega afondou no tratamento das historias inspiradas nas terras de Camelot
- Escollas eclécticas: non están ausentes clásicos máis ou menos modernos do xénero, quer da literatura fantástica en sentido máis estricto, quer de libros máis cercanos á ciencia ficción máis especulativa ou revisión de temas mitolóxicos como A cabeza de Medusa ou Contos e lendas dos países celtas
14 xaneiro 2026
Obradoiro exlibris
Este luns tivemos un incrible obradoiro de exlibris con Isa Bermúdez. O que inicialmente tiña sido pensado para un grupo reducido do club de lectura, abrímolo a alumando interesado de todo o centro e comprácenos dicir que foi todo un éxito.
Os exlibris son selos que se estampan nos libros onde adoitaba constar a quen pertencían. Durante a actividade, deixamos voar a nosa imaxinación e, fóra de limitarnos a facer carimbos con simples nomes, puidemos ver de todo! Velaquí unha pequena mostra da que poderedes ver máis no post de Instagram.
09 xaneiro 2026
Estreamos Goodreads!
Xa estabamos tardando, pero por fin estamos en Goodreads! Para quen non estea familiarizado coa plataforma, é unha comunidade de catalogación de lecturas cun compoñente social, ou sexa, a páxina permítenos listar libros que queremos ler, xa limos ou estamos lendo, coa posibilidade de compartilas con outras persoas. Este é o noso perfil e deixamos tamén a nosa participación no reto lector para o ano, ao que iremos engadindo obras traballadas no club de lectura, novidades e baldas temáticas de recomendacións. Boas lecturas!
08 xaneiro 2026
Maleta viaxeira de banda deseñada
Retomamos a actividade estreando a maleta viaxeira cedida en préstamo pola Asesoría de Bibliotecas Escolares. Durante un breve pero intenso período poderemos gozar de novas lecturas, algunhas delas coñecidas, xunto con novidades que entroncan coas temáticas tratadas durante o primeiro trimestre. Aproveitade mentres están dispoñíbeis!
.png)
.png)






































