![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
Non sen certa demora, publicamos os cartaces informativos que atoparedes no centro cos detalles do horario de atención presencial na biblioteca xunto coa distribución da hora de ler.
Ademais, a Consellería publicou recentemente as instrucións para o deseño, elaboración e implementación do Plan de Lectura, Escritura e Acceso á información, un ambicioso documento que estruturará moitas das actuacións da biblioteca para os próximos anos.
Como sempre, manterémosvos informadxs a través deste blog e do noso perfil en Instagram!
Deixámosvos por aquí os recursos relacionados coa actividade do pasado 24 de outubro para celebrar o día das bibliotecas. Alén dos cartaces que xa coñecedes e puidestes ver na propia biblioteca, incluímos unha das fotos tomadas durante a charla que impartiu César Rodríguez para ser retransmitida e gravada, xunto con varias ligazóns:
![]() |
| Atención máxima durante o riguroso directo! |
O pasado 1 de outubro tivo lugar na biblio un obradoiro de teatro para animar á rapazada a participar no grupo que se reúne semanalmente no centro cívico de Malpica. Estivo a cargo de Mario, o responsable de dita agrupación, que desenvolveu varias dinámicas con todos os grupos do centro. Deixámosvos un par de imaxes como mostra do talento dramático que hai entre o noso alumnado.
![]() |
![]() |
O pasado luns 13 de outubro celebrouse o Día das Escritoras. Esta décima edición celébrase este ano baixo o lema «1975: Escribide, compañeiras!». Nas verbas de Anna Caballé, a comisaria da celebración este ano:
As escritoras activas ao redor de 1975 reflicten en moitas das súas obras o desexo dun cambio profundo e radical nas vidas das mulleres, denuncian a falta de liberdade e de autonomía, dan testemuño do que ocorre fóra de España, esixen unha nova orde amorosa e un cambio nas leis que as veu marxinando durante o franquismo.
Para máis información sobre as orixes desta efeméride, suxerímosvos visitar esta ligazón da Asesoría de Bibliotecas Escolares.
No centro, aproveitamos o día para falar das orixes desta data sinalada e ler parte da escolma que tamén poderedes atopar na web anterior.
Na biblioteca atoparedes unha pequena selección de obras escritas por mulleres incluídas na selección que mencionamos xunto con algunhas das últimas adquisicións que fixemos.
O noso club bota a andar hoxe e quedaremos a xantar no instituto e teremos unha sesión que vai aproveitar varios puntos.
Por unha banda, imos explorar que son os bestseller, por que razóns nos atraen, cales son os bestseller que se dirixen á nosa idade.
Temos unha pequena presentación aquí:
https://drive.google.com/file/d/16UHo0x3c2YcILDfOK6TSNFOTwTdwtTgT/view?usp=sharing
Tamén realizaremos varias tarefas a partir das lecturas propostas, traballo de investigación por equipos, empregando a tope a nosa cultura dixital e as nosas habelencias para pescudar pola rede, e presentaremos ante o resto dos membros do club os resultados. Podedes ver as fichas aquí:
https://drive.google.com/file/d/1gh2Yqz3l52cUCpCW-lq5PtIxYNMLpyAx/view?usp=sharing
Ao final, os lectores e lectoras do Pequeno Vampiro contribuirán a adornar o noso espazo cun traballo manual que xira arredor dos vampiros e que xa fiaremos de cara á celebración do Samaín e os e as lectoras do bestseller de Blackwater crearán portadas imaxinarias dos futuros éxitos editoriais. Quen sabe se entre eles non se atopa o próximo persoal de márketing, edición ou publicidade das editoriais que máis éxito teñan.
Aquí deixamos algunhas fotiños da xornada, confiamos en que o pasaran ben e que aprenderan o que é un bestseller e... o máis importante: que se enganchen aos que lles propoñemos!
![]() |
| Portadas de bestsellers imaxinarios |
![]() |
| Portadas de bestsellers imaxinarios |
![]() |
| Investigando |
![]() |
| Creando vampiros |
![]() |
| Investigando |
![]() |
| Dispostos ao traballo |
![]() |
| Pequenos vampiros |
![]() |
| Máis vampiros |
O luns día 20 a regueifeira bergantiñá Lupe Blanco impartirá un obradoiro financiado polo Concello de Malpica e de aí confiamos en sacar bos regueifeiros e boas regueifeiras para participar este curso, xunto con outros institutos da Costa da Morte na Liga de Regueifa. O equipo de dinamización, xunto co equipo de biblioteca e co profesorado que queira implicarse, embarcarémonos nesta nova aventura regueifeira porque... que non se diga que aquí non hai material humano para facelo MOI BEN!
Como o vedes, pensades que estades listos e listas para esas pelexas de galos elevadas ao máximo nivel?
As historias de medo sempre nos dan pavor e nos atraen ao mesmo tempo, é algo que non sabemos o que, pero que nos engancha...
E que tal se vos daría escribilas? Propoñémosvos un xogo: pensade nun personaxe das historias de medo que coñezades ben. Por exemplo, eses pallasos que desacougan, a santa compaña que vai polo monte coa estadea, o zombi que resucita, as voces que se oen e non se sabe de onde veñen, o sacaúntos, o lobishome...
Tráeos ao presente e imaxina que un día quedamos encerrados no instituto, ou un barco sae sen patrón do porto... incluso o noso avó comeza a comportarse de xeito moi estraño...
A partir de aquí, tira do fío, deseña os personaxes (como son, que senten, como actúan, que queren...), o espazo e o tempo e algunha acción que nos sobrecolla. Lembra pechar cun final épico para que quedemos cos pelos de punta.
Tes ata o día 3 de novembro para entregar o teu relato na biblioteca (non máis de 2 páxinas, pode ser manuscrito ou nun procesador de textos) e asínao cun pseudónimo. Nun sobre pechado mete os teus datos e identifícao por fóra con ese pseudónimo.
Haberá premios para os mellores relatos e poderemos escoitalos todos na radio do insti. Listos e listas para pasar algo de canguelo???
![]() |
O día 16 de outubro comezan a rodar os clubs de lectura e xa burbullamos ideas que queremos concretar con vós.
A idea é que o club sirva para coñecer novos xéneros, achegarnos a lecturas que doutro xeito non procurariamos... e compartir: compartir o que nos gustou, o que nos atraeu, o que non esperabamos... xerar dinámicas de recomendacións lectoras, facer algún booktuber que poidamos empregar, traballos manuais que se nos ocorran...
Animámosvos a vir ao club, xa sabedes que sodes benvidos e benvidas! O alumnado que estades anotades, levaredes para a casa unha folla coas datas nas que nos reuniremos para que poidades traer o xantar ese día. Axiña irá!