martes, 15 de decembro de 2020

NOVIDADES

 Este curso estamos tendo un lote de novidades para ofrecer aos nosos lectores, en galego, castelán, inglés, francés, en formato libro, banda deseñada, álbum, lectura electrónica...

Estamos bastante contentos e contentas coa renovación dos fondos que conseguimos facer, grazas ás suxestións tanto de profes, de libreiros e libreiras da zona coma do propio alumnado. Chegar aos seus gustos é o obxectivo, polo que pensamos que o cumprimos.

Proximamente faremos o folleto de suxestións lectoras para o Nadal, mentres, pasade pola biblio e botádelle un ollo aos andeis de NOVIDADES, terémolos cheíños, cheíños... aínda que estamos catalogando a toda máquina para que poidades levar para a casa nestas vacacións.

luns, 2 de novembro de 2020

BOTAN A ANDAR OS CLUBS DE LECTURA

Este curso os clubs de lectura xuntarannos por medio das redes, e alí poderemos falar, opinar e comentar todo o que nos apeteza e as nosas impresións sobre as lecturas que vaiamos facendo.

O grupo do primeiro ciclo comezará por ler Resalgario, de Antonio Reigosa, esperamos que lles guste porque queriamos comezar cunha novela na que se pode ver o peso da nosa tradición oral, das narracións ás que os nosos oídos xa están afeitos.

O grupo do segundo ciclo xa andou a remexer coa triloxía de Carlos Meixide: Ons-Cans-Guitiriz e de aí xa saíu un bo traballiño na aula virtual. 

Pero agora imos botar man dunha das nosas autoras favoritas, Rosa Aneiros, e ler Ámote, Leo A., a última das novelas que pecha a triloxía, que algúns dos alumnos xa leron e que penso que nos vai gustar a todos e a todas.

Como teño que conectarme ao CLUB?

É moi sinxelo, temos que descargar a app de Telegram nun teléfono móbil e crear o noso usuario (podemos poñer as nosas iniciais ou o noso nome, incluso só a inicial e o curso en que estamos, como prefirades identificarvos, nunca vai aparecer o voso número en ningún lugar).

Unha vez que temos o telegram, entramos na canle do club de lectura, que é a seguinte:

CANLE TELEGRAM DO CLUB DE LECTURA

E unímonos a ela. A partir de aquí, e para non usar o móbil se non queremos, podemos abrir sempre a canle en telegram web, isto é, no ordenador. É a seguinte páxina:

TELEGRAM NO ORDENADOR

Se lle dicides que vos recorde os datos, incluso podedes eliminar a aplicación do móbil (sobre todo porque podedes usar a dos vosos pais/nais e iso talvez os moleste), se non lle dicides que recorde os datos, cada vez que entredes pediravos un código que se envía ao telegram do móbil. Decidide vós o que mellor vos conveña. Se queredes usar só o móbil, recoméndovos usar a opción de ter en silencio para que non vos piten as mensaxes cando charlemos, no horario que estableceremos. O grupo estará en todo momento moderado pola coordinación, que abrirá e pechará os momentos de intercambio nos días que se acorden.

Unha vez que entredes, xa iredes vendo que é moi fácil, deixarei unha mensaxe de benvida e irei iniciando a actividade esta mesma semana.

Feliz lectura e se tedes calquera dúbida, pasade pola biblioteca e falade con Luz, a coordinadora.

martes, 27 de outubro de 2020

SECCIÓN DE LECTURAS TERRORÍFICAS

 Esta semana na nosa biblioteca o alumnado pode atopar unha boa sección de lecturas terroríficas, non só as propostas en anos anteriores, senón que a enchemos de novidades que vimos de adquirir grazas a estarmos dentro do PLAMBE.

Deixámosvos algunha fotiña para que vexades que, aínda que este ano non podemos ambientar a biblioteca como quereriamos, algo si puidemos facer, dentro da prudencia e abrindo unha posibilidade de lectura interesante para este tempo de costumes como a narración de historias relacionadas co medo, co alén, cos defuntos e con toda a tradición oral galega.

Desexámosvos felices lecturas e feliz sensanción de arreguizo polo corpo.

Sección de lecturas de medo ou terror

Moitas novidades para gozar nestes días



O noso esqueletiño tamén está pasando moito medo



venres, 23 de outubro de 2020

MENÚ DE SAMAÍN

 A vindeira semana celebraremos que estamos no tempo do Samaín e que, polo tanto, é unha boa ocasión para falarmos das nosas tradicións, do alén e das lendas e historias de medo. 

Ademais diso, desde a biblioteca queremos ofrecer un menú de lecturas terroríficas ou de medo, para que poidades ter entre as mans unhas letras que vos arreguicen o corpo mentres as devorades.

Agardámosvos pola biblioteca, onde poderedes atopar estes volumes e moitos máis e felices (terribles) lecturas!


Deixámosvos tamén información interesante proporcionada pola RAG no Portal das palabras para este tempo:

Que quere dicir Samaín?

E xa para rematar, por se aínda tedes dúbidas, queredes pasar pola libraría, pola biblioteca municipal ou agasallar a alguén, unha boa suxestión para todas as idades feita polo profesor Román Cerqueiro Landín:

NARRAR O MEDO - GRANDES NARRADORES/AS


martes, 13 de outubro de 2020

CLUBS DE LECTURA DO IES URBANO LUGRÍS

 Este curso poñemos en marcha os clubs de lectura botándolle tamén unha dose de imaxinación extra e suplindo a falta de cara a cara con tecla a tecla.

De entrada, pensamos en xuntarnos todos nunha canle de Telegram, por varios motivos: porque podes telo silenciado, porque non queda o teu número ao descuberto nunca, porque se poden enviar arquivos de interese en calquera formato, porque non tes que conectarte desde o móbil (serve tablet ou ordenador tamén)...

Así pois, de entrada, estaremos conectados 2.0 por medio deste blog e 3.0 coa canle de Telegram e, se é preciso, xuntarémonos por Wébex ou con algunha outra aplicación de vídeo que sexa accesible para todos e todas.

Se tes interese en participar, pasa pola biblio anotarte ou fala con calquera das profes de lingua: María Xosé, Rocío ou Luz para comunicarlle que che apetece estar no club.

Se máis adiante podemos xuntarnos algún día, farémolo e seguro que de bo grado!

Esta é a canle e aí despois iremos desagregando as persoas por lecturas que se vaian facer. 

CANLE TELEGRAM CLUB LECTURA

Este curso temos pensada unha boa miscelánea que poida contentar a todos os gustos: novela, teatro, poesía, banda deseñada...

Os de 4º xa andan coa triloxía de Carlos Meixide e axiña comezarán os de 3º con ela, xa lles propuxemos facer algún vídeo para deixar por aquí coas súas recomendacións, a ver se se animan!

luns, 21 de setembro de 2020

VOLVEMOS ÁS AULAS E ÁS BIBLIOS!!!

 Pois parece que o curso, por fin, vai dar comezo e iso significa que volveremos ocupar os espazos e reencontrarnos con eles e con todo o que supón!

Este curso, na biblioteca todo muda un pouco, pero non por iso deixaremos de pasar por ela, de termos un club de lectura, de pensala como lugar de ocio durante o tempo de lecer...

Se algo nos mostrou o confinamento é que os libros, a música, as series, os filmes... toda a cultura é tan necesaria para nós coma calquera outra cousa. Que teriamos feito sen todo isto cando só podiamos voar coa imaxinación e non cos pés?

Así que estamos moi contentas de regresar, de volvervos ver, de ter vida de novo paseando por diante dos andeis e de que os libros atopen refuxio nas vosas mans e abran xanelas nas vosas e (nas nosas!) mentes.

Iso si, este curso será algo atípico e teremos que reconverternos, mudar hábitos, pero iso non é problema. Adiantamos algunha norma básica:

1. A capacidade máxima dentro da biblioteca física é de 28 persoas, pero neste blog cabedes moitos máis, sempre poderedes pedir o que precisedes por aquí e pasar despois recollelo cando mellor conveña. Tamén ha de haber unha caixiña fóra para que poidades facer peticións, se o preferides. Ah! A máscara, coma no resto do centro, tamén é obrigatoria :D

2. Tedes que seguir as direccións de entrada e saída sinaladas e sentar só onde estea marcado cun puntiño

azul. Importante non andar a remexer as cadeiras, porque está pensado pola vosa seguridade.

3. Se queredes algunha obra, de consulta ou de empréstito, debedes pedirlla á profe de garda ou a Luz, que se vai ocupar da biblio este curso. Ao rematar, haberá un lugar de depósito para deixala, tanto se a folleastes por

curiosidade, se a usastes para algunha tarefa, se a devolvedes despois de estar na casa... 

4. Os libros electrónicos tamén son unha boa opción e haberá uns cantos ao voso dispor, cheo de lecturiñas interesantes. E podedes facer suxestións de compra do que vos interese. Tamén hai nel obras nas linguas que vos dean máis xeito: inglés, francés, portugués... á parte, por suposto, de galego e castelán.

5. O club de lectura argallarase de tal xeito que poidamos reinventarnos: podemos ir lendo e quedar por wébex, faremos booktuber, pequenos podcast, unha canle de telegram que nos dea xeito... O caso é que non pare!!!!!

Vémonos axiña, estamos desexándoo!

venres, 24 de abril de 2020

#leonacasa

O 23 de abril conmemórase o día do libro e este ano, tal e como nos atopou, non puidemos festexalo no centro. Con todo, o profesorado quere aproveitar para mandarvos unha mensaxe positiva, que esperamos que o próximo ano poidamos reforzar con todos vós. Botámosvos moito en falta nas nosas vidas e esperamos que pronto poidamos encher a biblioteca, os corredores e as aulas.
Mentres, moito ánimo, coidádevos moitísimo e... lede moito, abride moitas xanelas ao mundo, porque o mundo é voso!
Feliz día do libro. Este ano #lemosnacasa