27 febreiro 2026

23 de febreiro - Día de Rosalía

O día de Rosalía non podiamos deixalo pasar sen traballar a figura da nosa autora de referencia.

Rapaces e rapazas achegáronse á súa figura desde diferentes perspectivas e dun xeito máis lúdico, por unha banda, e máis reflexivo pola outra.

Os grupos de 1º de ESO revisaron a bibliografía para atopar os versos que máis os convencían para formar un alfabeto rosaliano que temos exposto no corredor. Quedoulles ben xeitoso e os versos moi acaídos.

Podedes ver o resultado se clicades aquí.

Os grupos de 2º de ESO foron a fondo coas flores, un dos símbolos máis rosalianos e que aparecen esparexidas por toda a súa obra. Máis tarde seguro que aprenderán tamén a saber da súa relevancia simbólica, pero o primeiro paso está dado.

Se queredes botarlle un ollo, podedes facelo clicando aquí.

Por último, o grupo de 3º, que xa é experto en Rosalía porque é unha das autoras máis traballadas nas aulas de lingua e literatura, puxeron a escritora en contexto e intentaron ofrecernos unha imaxe cunha perspectiva moito máis madura e crítica. Rosalía non foi chorona, non foi feble, non se dedicou a cantarlles ás flores e ás pombas, senón que lle deu voz á opresión, á inxustiza, á desigualdade social, á política contemporánea...

Se queredes ver os seus carteis, que están tamén expostos no corredor do centro, podedes clicar aquí.



26 febreiro 2026

Actividade sobre edadismo

O noso centro foi seleccionado para levar a cabo un programa de sensibilización e prevención de condutas edadistas. O obxectivo do programa é promover unha visión positiva do envellecemento e previr actitudes discriminatorias cara as persoas maiores. O programa desenvolveuse con todo o alumnado da ESO este luns 23 de febreiro a través de xogos e dinámicas participativas.







19 febreiro 2026

Galego e RRSS


Hoxe na biblio tivemos unha charla con Borxa, de @orgullo.galego, que nos amosou o potencial da lingua nas RRSS e a proxección que alcanzan os e as creadoras de contido con máis seguidores en Galicia. Talvez por agora non sexamos creadores e creadoras, pero hai moito mundo por explorar en galego e as redes sociais son moooooooi extensas!









 




11 febreiro 2026

Novas adquisicións

Expoñemos as novas incorporacións ao fondo da biblio. Xa tiñamos mencionado anteriormente a obra de Begoña Caamaño, homenaxeada este ano co Día das Letras, e máis d'O misterio de Portomarín, da burelá Antía Yáñez.

A estes títulos engadimos dúas referencias para aquelxs máis interesadxs na tecnoloxía: Aprende robótica e electrónica educativa e Inventos, este útimo un compendio de curiosidades sobre as invencións máis interesantes da historia da humanidade. Tamén sumamos un clásico imperdible na súa tradución ao castelán, Matar a un ruiseñor de Harper Lee, do que xa contamos cunha adaptación en banda deseñada.

Por último, para os fans da historia, algo diferente con Historia de Galicia en 30 obxectos de David Gesteira e, sobre todo, Historia do fútbol feminino en Galicia. De Irene González a Vero Boquete de Héctor Pena. Coa cantidade de rapazas futbolistas na nosa canteria, estamos seguros de que será do voso interese!

03 febreiro 2026

Faladoiro de cultura anglófona

Onte acollemos na biblio a Johnny, representante de Burlington Books, para un pequeno faladoiro sobre Global English para o noso alumnado de 3.º e 4.º da ESO. Iniciativas coma esta nos permiten expandir horizontes, porque hai vida en inglés alén de Londres. Grazas a Johnny, aprendemos unha morea de cousas doutros países de fala inglesa, como podedes apreciar nas imaxes. We can't wait to have him again next year!




02 febreiro 2026

DENIP 🕊️

 Este ano decidimos facer unha celebración do consabido día da paz dun xeito algo diferente. Co grupo de 3.º aproveitamos a hora de inglés para darlle un pouco de contexto á efeméride pero, nesta ocasión, na lingua da materia en que se fixo a actividade, como podedes comprobar nunha das imaxes.

Así, fixemos un pequeno percurso pola historia da conmemoración repasando figuras emblemáticas para comprender que hai vida alén das pombas os 30 de xaneiro. Para rematar, acabamos cunha pequena dinámica de grupo onde resolvemos os conflictos propostos cun pacifismo que non adoitamos ver nas partidas da Polilla Tramposa que se xogan na biblioteca!