Despedimos o trimestre cunha pequena xuntanza de parte do alumnado integrante do club de lectura. No recreo de onte aproveitamos para recapitular o lido estes meses, falar das lecturas recomendadas nesta época e, sobre todo, anunciar novas actividades á volta das vacacións. Como podedes apreciar, xa tiñamos rematado cos libros e estabamos dedicadas á paparota! Felices festas a todxs!
19 decembro 2025
Nadal lector
Pechamos o ano dende a biblioteca desexándovos unhas felices festas con algunhas recomendacións do fondo da biblio. Como podedes ver, contamos cun novo número do Papagaio, clásicos anglosaxóns como o Conto de Nadal de Dickense, por destacar un título máis, os Contos de Nadal de Manuel Rivas con ilustracións de Miguelanxo Prado. Non podemos deixar pasar a ocasión sen deixar de recordar estes versos de Manuel María tan ben acaídos nestas datas e estes tempos convulsos que vivimos:
CANTIGA PRA RECIBIR O ANINOVO
¡Ai, qué Noiteboa chea de ledicia
si os galegos estuveran en Galicia!
¡E nós eiquí calados!
¡Ai, qué santo e bó sería o Nadal
si houbera no mundo menos mal!
¡E nós eiquí calados!
¡Ai, qué Aninovo cheo de craror
si houbera na terra mais amor!
¡E nós eiquí calados!
¡Ai, que leda e gozosa Epifanía
si todo amañecera limpo como o día!
¡E nós eiquí calados!
E si houbera xusticia, paz e ben,
¡cómo brilaría a estrela de Belén!
Os anos van pasados,
¡e nós eiquí calados!
Manuel María
Monforte de Lemos, Nadal, 1964
09 decembro 2025
⚜️ Exposición "Mulleres do medievo galego" ⚜️
Pequena mostra da exposición "Mulleres do medievo galego" cedida pola Deputación da Coruña. A exposición "Mulleres do medievo galego" para interiores consta de 21 paneis, o primeiro introdutorio e o resto son dez láminas ilustradas e os 10 respectivos textos.
As protagonistas son dez mulleres da nosa historia elixidas para as ilustracións: Dona Urraca, María Castaña, Lupe Pérez de Traba, Inés de Castro, Maior Guntroda Rodríguez, Aldonça I e Sancha II , Ilduara Eriz, Sancha I ,Tareixa de León e María Peres, A Balteira. As ilustracións están feitas por 5 ilustradoras galegas; Iria Fafián, Laura Romero, María Montes, Minia Regos e Nuria Díaz.
A exposición foi creada por MAOS Innovación social, gañadora no certame "Fondos de proxectos culturais Reino de Galicia" da Deputación da Coruña.
Estará connosco ata o final do trimestre, así que non esquezades botarlle unha ollada!
Ti elixes!
A pasada semana o alumnado de 3.º e 4.º da ESO recibiu unha charla a favor da liberdade de escoller unha profesión sen deixarse levar por prexuízos ou estereotipos de xénero, senón atendendo ás súas capacidades e motivacións persoais. Nesta nota de prensa e nesta ligazón atoparedes máis información da iniciativa e os contidos do relatorio.









