Despedimos o trimestre cunha pequena xuntanza de parte do alumnado integrante do club de lectura. No recreo de onte aproveitamos para recapitular o lido estes meses, falar das lecturas recomendadas nesta época e, sobre todo, anunciar novas actividades á volta das vacacións. Como podedes apreciar, xa tiñamos rematado cos libros e estabamos dedicadas á paparota! Felices festas a todxs!
19 decembro 2025
Nadal lector
Pechamos o ano dende a biblioteca desexándovos unhas felices festas con algunhas recomendacións do fondo da biblio. Como podedes ver, contamos cun novo número do Papagaio, clásicos anglosaxóns como o Conto de Nadal de Dickense, por destacar un título máis, os Contos de Nadal de Manuel Rivas con ilustracións de Miguelanxo Prado. Non podemos deixar pasar a ocasión sen deixar de recordar estes versos de Manuel María tan ben acaídos nestas datas e estes tempos convulsos que vivimos:
CANTIGA PRA RECIBIR O ANINOVO
¡Ai, qué Noiteboa chea de ledicia
si os galegos estuveran en Galicia!
¡E nós eiquí calados!
¡Ai, qué santo e bó sería o Nadal
si houbera no mundo menos mal!
¡E nós eiquí calados!
¡Ai, qué Aninovo cheo de craror
si houbera na terra mais amor!
¡E nós eiquí calados!
¡Ai, que leda e gozosa Epifanía
si todo amañecera limpo como o día!
¡E nós eiquí calados!
E si houbera xusticia, paz e ben,
¡cómo brilaría a estrela de Belén!
Os anos van pasados,
¡e nós eiquí calados!
Manuel María
Monforte de Lemos, Nadal, 1964
09 decembro 2025
⚜️ Exposición "Mulleres do medievo galego" ⚜️
Pequena mostra da exposición "Mulleres do medievo galego" cedida pola Deputación da Coruña. A exposición "Mulleres do medievo galego" para interiores consta de 21 paneis, o primeiro introdutorio e o resto son dez láminas ilustradas e os 10 respectivos textos.
As protagonistas son dez mulleres da nosa historia elixidas para as ilustracións: Dona Urraca, María Castaña, Lupe Pérez de Traba, Inés de Castro, Maior Guntroda Rodríguez, Aldonça I e Sancha II , Ilduara Eriz, Sancha I ,Tareixa de León e María Peres, A Balteira. As ilustracións están feitas por 5 ilustradoras galegas; Iria Fafián, Laura Romero, María Montes, Minia Regos e Nuria Díaz.
A exposición foi creada por MAOS Innovación social, gañadora no certame "Fondos de proxectos culturais Reino de Galicia" da Deputación da Coruña.
Estará connosco ata o final do trimestre, así que non esquezades botarlle unha ollada!
Ti elixes!
A pasada semana o alumnado de 3.º e 4.º da ESO recibiu unha charla a favor da liberdade de escoller unha profesión sen deixarse levar por prexuízos ou estereotipos de xénero, senón atendendo ás súas capacidades e motivacións persoais. Nesta nota de prensa e nesta ligazón atoparedes máis información da iniciativa e os contidos do relatorio.
27 novembro 2025
Experimentando na biblio
Moito movemento científico na biblio! Nun post anterior falamos de como anualmente se dedica todo o mes á ciencia en galego na biblioteca. Ás lecturas científicas que recomendamos en dita publicación, engadimos as seguintes actividades.
Por unha banda, o pasado luns en colaboración co club de ciencia construímos e aprendemos a usar un Foldscope, un microscopio que se monta dobrando as súas pezas, que son de papel (como un origami). Este microscopio de papel foi ideado e desenvolvido por persoas enxeñeiras para facer a ciencia accesible a todo o mundo (é unha ferramenta fácil de montar, usar e barata e permite diagnóstico de enfermidades ou análise de augas en países subdesenvolvidos).
Permite observar células, microorganismos, fibrais, cristais... Está tendo moita fama (o slogan da empresa para promocionalos é: "aprende a montar e usar o microscopio de papel máis famoso do mundo!"). Cada asistente montou o seu e despois usámolo para resolver unha actividade tipo escape room.
Eis unha mostra do ben que o pasamos!
Ademais, días despois aproveitamos un dos recreos para realizar unha serie de experimentos na biblio. O alumnado de 4.º guiou aos máis pequenos do centro na descoberta de como funciona o campo magnético terrestre, a electricidade estática ou como reaccionan o iodo coa vitamina C para revelar "tintas" invisíbeis. No Lugrís, a diferenza de Einstein ou Hawking, non temos moi claro se Deus xoga aos dados co universo, así que conformámonos con ser nós quen xogue con estes pequenos dados e outros xogos cos que a ciencia nos abre os ollos!
26 novembro 2025
Club de lectura de profesorado
Imaxes que non fan xustiza (desculpade ao fotógrafo!) á primeira xuntanza do club de lectura de adultos no centro conformado por membros do profesorado.
Tentaremos aproveitar o ano para falar dalgunhas lecturas, comezando pola cautivadora obra de Jacqueline Harpman Moi qui n'ai pas connu les hommes na súa tradución ao castelán publicada por Alianza. Fóra dos exemplares en papel e en formato electrónico que temos, déixanse ver futuras lecturas para os próximos encontros, así como uns marcapáxinas que a nosa compañeira Sara fixo para nós. Na segunda imaxe, moita concentración e algúns polisóns que acabaron estando presentes na último tramo da reunión.
25 novembro 2025
25N
No que levamos de 2025 son xa 38 víctimas as que morreron por mor da violencia de xénero en España. Este 25N, decidimos facer un minuto de silencio na súa memoria gardado esta mañá no centro, intres de reflexión compartida para seguir facendo o posible por acabar con calquera forma de violencia contra as mulleres dentro e fóra das aulas.
![]() |
| Elos da... |
![]() |
| ...mesma cadea |
Acompañamos a conmemoración cunha seleción do fondo da biblioteca relacionado coa temática da violencia de xénero para divulgar entre o alumnado.
![]() |
![]() |
20 novembro 2025
Lecturas científicas para o mes da ciencia
Como xa vos avisamos polo Insta, renovamos as lecturas propostas aproveitando o mes da ciencia en galego nas bibliotecas. Entre elas atoparedes narrativa (Proxecto Bolboreta de Andrea Maceiras ou O curioso incidente do can á medianoite de Mark Haddon) e, principalmente, divulgación científica. Os seguintes títulos están dentro da colección de Xerais Básicos Ciencia:
- Cóntame un conto cuántico
- O universo matemático
- Historia do ADN,
- Bocados matemáticos
- Unha mente que voa
Ademais, están á vosa disposición guías de campo para as vosas saídas, pero correde que algúns dos exemplares anteriores xa están emprestados! Nos próximos días anunciaremos máis celebracións desta efeméride.
19 novembro 2025
Gañadores do concurso de relatos de Samaín
Presentámosvos aos gañadores dos premios do concurso de relatos de Samaín:
- Sofía Alfeirán, 1.º premio por A folga interminable
- Francisco Villaverde, accésit por Buffy's
18 novembro 2025
Obradoiro de banda deseñada na biblio
Onte tivemos o pracer de recibir á ilustradora Julia Lago, quen impartiu un obradoiro de banda deseñada para todo o alumnado de 2.º da ESO. A actividade enmárcase nos esforzos desde trimestre por dar a coñecer o mundo do cómic para potencias, non simplemente a lectura, senón as alfabetizacións múltiples dentro dos conceptos ALFIN - AMI. Como poderedes ver nas imaxes, en Malpica hai canteira!
![]() |
| Viñetas do alumnado |
![]() |
| Creatividade en acción! |
17 novembro 2025
Segunda sesión do club de lectura
Hoxe houbo unha nova sesión do club de lectura. Leremos O misterio do torque de Burela, de Antía Yáñez, que xa nos deu para falar de misterio, aventuras, a provincia de Lugo e os tesouros que se conservan dos antepasados. O señor das moscas deunos para debater sobre a liberdade, a bondade, o liderado, como sería unha sociedade ideal… e do simbolismo, da filosofía… buf! Isto vai dar moito de si!
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
03 novembro 2025
🧛🧟Apoteose de Samaín👻🎃
Deixámosvos nesta entrada algunhas instantáneas do recreo do pasado venres ultimando detalles da decoración que quedou na biblio para o Samín, a culminación dunha semana que comezou co Magosto do luns á tarde e na que espantamos demos, trasnos e diaños coas nosas lecturas. No noso perfil de Instagram atoparedes tamén unha pequena montaxe co noso alumnado en acción!
29 outubro 2025
Brazaletes
![]() |
![]() |
![]() |
27 outubro 2025
Horarios e plans de futuro
Non sen certa demora, publicamos os cartaces informativos que atoparedes no centro cos detalles do horario de atención presencial na biblioteca xunto coa distribución da hora de ler.
Ademais, a Consellería publicou recentemente as instrucións para o deseño, elaboración e implementación do Plan de Lectura, Escritura e Acceso á información, un ambicioso documento que estruturará moitas das actuacións da biblioteca para os próximos anos.
Como sempre, manterémosvos informadxs a través deste blog e do noso perfil en Instagram!
26 outubro 2025
Día das Bibliotecas 2025
Deixámosvos por aquí os recursos relacionados coa actividade do pasado 24 de outubro para celebrar o día das bibliotecas. Alén dos cartaces que xa coñecedes e puidestes ver na propia biblioteca, incluímos unha das fotos tomadas durante a charla que impartiu César Rodríguez para ser retransmitida e gravada, xunto con varias ligazóns:
- Primeira publicación do evento en Prensa-Escola
- Faladoiro dentro da web do xornal
- Vídeo completo da charla en YouTube coas preguntas do noso alumnado
![]() |
| Atención máxima durante o riguroso directo! |
























.jpg)
























