mércores, 26 de xuño de 2024

Últimos clubs de lectura

 


 

Presentación "De centeo e durmideiras" de Rosalía Fernández Rial

O luns, 17 de xuño, tivemos a oportunidade de acudir á presentación do poemario De centeo e durmideiras, da nosa colega Rosalía Fernández, quen estivo acompañada de Yolanda Castaño. Este poemario foi editado en bilingüe e distribuído por toda España por Kalandraka e Cuatro Lunas.
 
Na presentación, a autora sinalou que a reflexión en torno ao concepto de illa foi o que lle permitiu artellar este poemario, rendíndolle a súa homenaxe a autores como Safo, Lorca, Manuel Antonio e Rosalía de Castro. Yolanda Castaño puntualizou que hai unha volta ao erotismo, tendencia fundamental na poesía dos anos 90. 

Tivemos a sorte de acudir ao recitado coa música do seu acordeón. 

Longa vida a este título e esperámoste pronto na nosa biblioteca, Rosalía! 




 

Falecemento de Xelucho Abella

O 17 de xuño faleceu Xelucho Abella, profesor do IES Eduardo Pondal e do IES Alfredo Brañas, natural de Malpica e autor de As aventuras de Pelusa, A cidade maldita e Gundar e o cabalo de oito patas

A nosa mellor homenaxe será lerte! Voa alto! 



Marta Villar, Premio Xerais 2024


O xurado da XLI edición do Premio Xerais de Novela acordou declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema Detective Ferruchi. Tras abrir a plica, a autora resultou ser a xornalista e escritora Marta Villar e o título da novela será o mesmo que o lema. A decisión foi tomada por unanimidade.

Tras moitos anos fóra, Sol Cortés regresa a Umeiro, a súa vila natal, e monta unha libraría. Poucos días despois da apertura, aparece brutalmente asasinado Xan Sequeiro, un veterinario insociable e introvertido pero a quen toda a veciñanza admiraba pola súa capacidade e sensibilidade no trato cos animais.

A investigación deste asasinato conforma o núcleo dunha trama rica e heteroxénea tecida con fíos narrativos de emoción, enxeño e intensidade. Os numerosos personaxes, peculiares e sorprendentes, interactúan con naturalidade na historia mediante uns diálogos fluídos e espontáneos onde, unhas veces con humor e outras con gravidade, van infiltrando na novela diversos temas que levan a reflexionar de forma crítica sobre os comportamentos xerais da sociedade actual.
A utilización dunha voz narradora limpa e aguda consegue manter a intriga dende o comezo a través dun ton cómico e paródico pero tremendamente eficaz.

Nesta edición presentáronse 35 obras ao premio. Ademais, o xurado recomenda a publicación da novela finalista que se presentou baixo o lema Nena de auga.

Marta Villar (Malpica de Bergantiños, 1973) é xornalista e integrante de consello de redacción da Revista Cultural Mallas da Area, de Bergantiños. En 2020 conseguiu o Premio Tiflos de Xornalismo e resultou finalista no XLI Premio de Xornalismo Julio Camba Afundación. Foi finalista tamén nos certames de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal nas edicións de 2021 e 2022, así como no Premio de Poesía Gloria Fuertes do Concello de La Rinconada (Sevilla) de 2021. En 2023 publicou a súa primeira novela Non temerás os coches amarelos, editada en Xerais. Con Os peidos máxicos de Sultán, publicada por Xerais hai só unhas semanas, estreouse no eido da literatura infantil.

Parabéns, Marta! Verémoste o vindeiro curso en Malpica! 



mércores, 5 de xuño de 2024

Presentación Corpos no mar

O sábado 1 de xuño presentouse dentro do I Foro do Mar o último libro de Héctor Pose, Corpos no mar, un conxunto de dezasete relatos que, segundo o autor, proceden da xente que teñen as extremidades ou o pensamento no Océano Atlántico. 

Moi amablemente firmounos o exemplar para a nosa biblioteca.