14 xaneiro 2026

Obradoiro exlibris

 Este luns tivemos un incrible obradoiro de exlibris con Isa Bermúdez. O que inicialmente tiña sido pensado para un grupo reducido do club de lectura, abrímolo a alumando interesado de todo o centro e comprácenos dicir que foi todo un éxito.

Os exlibris son selos que se estampan nos libros onde adoitaba constar a quen pertencían. Durante a actividade, deixamos voar a nosa imaxinación e, fóra de limitarnos a facer carimbos con simples nomes, puidemos ver de todo! Velaquí unha pequena mostra da que poderedes ver máis no post de Instagram.







09 xaneiro 2026

Estreamos Goodreads!

Xa estabamos tardando, pero por fin estamos en Goodreads! Para quen non estea familiarizado coa plataforma, é unha comunidade de catalogación de lecturas cun compoñente social, ou sexa, a páxina permítenos listar libros que queremos ler, xa limos ou estamos lendo, coa posibilidade de compartilas con outras persoas. Este é o noso perfil e deixamos tamén a nosa participación no reto lector para o ano, ao que iremos engadindo obras traballadas no club de lectura, novidades e baldas temáticas de recomendacións. Boas lecturas!




08 xaneiro 2026

Maleta viaxeira de banda deseñada

Retomamos a actividade estreando a maleta viaxeira cedida en préstamo pola Asesoría de Bibliotecas Escolares. Durante un breve pero intenso período poderemos gozar de novas lecturas, algunhas delas coñecidas, xunto con novidades que entroncan coas temáticas tratadas durante o primeiro trimestre. Aproveitade mentres están dispoñíbeis!




19 decembro 2025

Remoendo proxectos e dixerindo lecturas

Despedimos o trimestre cunha pequena xuntanza de parte do alumnado integrante do club de lectura. No recreo de onte aproveitamos para recapitular o lido estes meses, falar das lecturas recomendadas nesta época e, sobre todo, anunciar novas actividades á volta das vacacións. Como podedes apreciar, xa tiñamos rematado cos libros e estabamos dedicadas á paparota! Felices festas a todxs!




Nadal lector

 

Pechamos o ano dende a biblioteca desexándovos unhas felices festas con algunhas recomendacións do fondo da biblio. Como podedes ver, contamos cun novo número do Papagaio, clásicos anglosaxóns como o Conto de Nadal de Dickense, por destacar un título máis, os Contos de Nadal de Manuel Rivas con ilustracións de Miguelanxo Prado. Non podemos deixar pasar a ocasión sen deixar de recordar estes versos de Manuel María tan ben acaídos nestas datas e estes tempos convulsos que vivimos:


CANTIGA PRA RECIBIR O ANINOVO

¡Ai, qué Noiteboa chea de ledicia

si os galegos estuveran en Galicia!

¡E nós eiquí calados!

¡Ai, qué santo e bó sería o Nadal

si houbera no mundo menos mal!

¡E nós eiquí calados!

¡Ai, qué Aninovo cheo de craror

si houbera na terra mais amor!

¡E nós eiquí calados!

¡Ai, que leda e gozosa Epifanía

si todo amañecera limpo como o día!

¡E nós eiquí calados!

E si houbera xusticia, paz e ben,

¡cómo brilaría a estrela de Belén!

Os anos van pasados,

¡e nós eiquí calados!

Manuel María 

Monforte de Lemos, Nadal, 1964





09 decembro 2025

⚜️ Exposición "Mulleres do medievo galego" ⚜️

Pequena mostra da exposición "Mulleres do medievo galego" cedida pola Deputación da Coruña. A exposición "Mulleres do medievo galego" para interiores consta de 21 paneis, o primeiro introdutorio e o resto son dez láminas ilustradas e os 10 respectivos textos.

As protagonistas son dez mulleres da nosa historia elixidas para as ilustracións: Dona Urraca, María Castaña, Lupe Pérez de Traba, Inés de Castro, Maior Guntroda Rodríguez, Aldonça I e Sancha II , Ilduara Eriz, Sancha I ,Tareixa de León e María Peres, A Balteira. As ilustracións están feitas por 5 ilustradoras galegas; Iria Fafián, Laura Romero, María Montes, Minia Regos e Nuria Díaz.

A exposición foi creada por MAOS Innovación social, gañadora no certame "Fondos de proxectos culturais Reino de Galicia" da Deputación da Coruña.

Estará connosco ata o final do trimestre, así que non esquezades botarlle unha ollada!







Ti elixes!

A pasada semana o alumnado de 3.º e 4.º da ESO recibiu unha charla a favor da liberdade de escoller unha profesión sen deixarse levar por prexuízos ou estereotipos de xénero, senón atendendo ás súas capacidades e motivacións persoais. Nesta nota de prensa e nesta ligazón atoparedes máis información da iniciativa e os contidos do relatorio.









27 novembro 2025

Experimentando na biblio

 Moito movemento científico na biblio! Nun post anterior falamos de como anualmente se dedica todo o mes á ciencia en galego na biblioteca. Ás lecturas científicas que recomendamos en dita publicación, engadimos as seguintes actividades.

Por unha banda, o pasado luns en colaboración co club de ciencia construímos e aprendemos a usar un Foldscope, un microscopio que se monta dobrando as súas pezas, que son de papel (como un origami). Este microscopio de papel foi ideado e desenvolvido por persoas enxeñeiras para facer a ciencia accesible a todo o mundo (é unha ferramenta fácil de montar, usar e barata e permite diagnóstico de enfermidades ou análise de augas en países subdesenvolvidos).

Permite observar células, microorganismos, fibrais, cristais... Está tendo moita fama (o slogan da empresa para promocionalos é: "aprende a montar e usar o microscopio de papel máis famoso do mundo!"). Cada asistente montou o seu e despois usámolo para resolver unha actividade tipo escape room.

Eis unha mostra do ben que o pasamos!

Ademais, días despois aproveitamos un dos recreos para realizar unha serie de experimentos na biblio. O alumnado de 4.º guiou aos máis pequenos do centro na descoberta de como funciona o campo magnético terrestre, a electricidade estática ou como reaccionan o iodo coa vitamina C para revelar "tintas" invisíbeis. No Lugrís, a diferenza de Einstein ou Hawking, non temos moi claro se Deus xoga aos dados co universo, así que conformámonos con ser nós quen xogue con estes pequenos dados e outros xogos cos que a ciencia nos abre os ollos!






26 novembro 2025

Club de lectura de profesorado

 Imaxes que non fan xustiza (desculpade ao fotógrafo!) á primeira xuntanza do club de lectura de adultos no centro conformado por membros do profesorado.

Tentaremos aproveitar o ano para falar dalgunhas lecturas, comezando pola cautivadora obra de Jacqueline Harpman Moi qui n'ai pas connu les hommes na súa tradución ao castelán publicada por Alianza. Fóra dos exemplares en papel e en formato electrónico que temos, déixanse ver futuras lecturas para os próximos encontros, así como uns marcapáxinas que a nosa compañeira Sara fixo para nós. Na segunda imaxe, moita concentración e algúns polisóns que acabaron estando presentes na último tramo da reunión.





25 novembro 2025

25N

No que levamos de 2025 son xa 38 víctimas as que morreron por mor da violencia de xénero en España. Este 25N, decidimos facer un minuto de silencio na súa memoria gardado esta mañá no centro, intres de reflexión compartida para seguir facendo o posible por acabar con calquera forma de violencia contra as mulleres dentro e fóra das aulas.

Elos da...

...mesma cadea

Acompañamos a conmemoración cunha seleción do fondo da biblioteca relacionado coa temática da violencia de xénero para divulgar entre o alumnado.